Unións Agrarias demanda liderado da Consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural diante da praga da vespa Vetulina que, segundo o sindicato, “neste verán ameaza con ser letal para o sector apícola e de alto risco para as persoas”.
Dende a organización agraria ponse de manifesto que “se trata xa dun problema global de Galicia no que teñen competencia clara as consellerías” Neste sentido, denuncian que “non se pode deixar o control desta praga nas capacidades dos concellos porque non dispoñen dos medios, e os que lles mandan desde a Xunta son irrisorios, nin de persoal con formación específica no control de pragas”.
A organización agraria considera que “se a extensión da invasión da Vetulina non foi peor, debeuse á colaboración da sociedade civil, especialmente apicultores e as súas asociacións que tiveron que loitar en solitario na defensa dos seus animais sen máis recursos e formación que a propia”.
“A falta dunha solución científica clara, aínda que se estea investigando, esixe un esforzo de xestión sobre o terreo moi importante, que non se pode deixar á improvisación por parte do Goberno galego”, conclúen dende Unións Agrarias.
Finalmente, o sindicato advirte de que “moitos dos feridos polo citado insecto se deberon á realización de rozas de maleza que os veciños se viron obrigados a facer a toda présa polas novas normas de prevención de lumes da Xunta de Galicia, que descarga nos propietarios de parcelas a limpeza das beiras das estradas sen ter en conta as posibilidades económicas ou de idade dos mesmos”.