A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Queixería Prestes prevé producir o 60% da electricidade que consumen mediante placas fotovoltaicas

Queixería Prestes prevé producir o 60% da electricidade que consumen mediante placas fotovoltaicas

Maikel Fernández Cuba

Queixería Prestes, empresa familiar vilalbesa referente na elaboración de queixos como o San Simón da Costa ou o queixo azul Lara&Sara, está a realizar unha importante aposta polas enerxías renovables para reducir a súa pegada de carbono e o impacto medioambiental.

Así, en agosto do pasado ano instalaron no teito da súa queixería situada no polígono vilalbés de Sete Pontes, unhas placas de enerxía fotovoltaica cunha potencia de 17 kilovatios. “Presentámonos á convocatoria de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e concedéronnos unha subvención para o 40% do investimento. Con esta primeira instalación logramos cubrir o 15% do noso consumo eléctrico, que ascende a un total duns 38.000 euros ao ano, polo que para unha pequena empresa familiar coma nós supuxo un importante aforro”, explica Maikel Fernández Cuba, cofundador de Queixería Prestes.

E para este verán realizarán unha ampliación: 40 kilovatios máis de enerxía fotovoltaica, que se te todo vai segundo o previsto entrarán en funcionamento en setembro.

“Quedamos satisfeitos do primeiro investimento e con esta ampliación esperamos chegar aos 60 kilovatios de potencia instalada, co que poderíamos cubrir con enerxía solar o 75% do noso consumo eléctrico”, avanza Maikel.

A disponibilidade de espazo -o teito da súa queixería ocupa unha superficie construída de 3.000 metros cadrados, dos que ocuparán este ano con placas fotovoltaicas uns 1500 metros cadrados- unido ao breve prazo de amortizacións do investimento -estiman que uns 4,5 anos- e a previsión de que poderán incluso vender os excedentes de enerxía á rede e realizar balance neto -diferenza entre o que consumen e o que verten- coa empresa eléctrica animou a Queixería Prestes a apostar por esta enerxía limpa.

“A nosa intención é seguir reducindo o noso impacto ambiental, polo que temos a intención de no futuro chegar a un 100% de uso de electricidade procedente de enerxías renovables”, conclúe Maikel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *