A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“O noso polo nada ten que ver co industrial, o seu sabor é infinitamente mellor”

Entrevista a Ángel Álvarez Domínguez, xerente de Avícola Álvarez, un dos poucos recriadores de polos que quedan en Galicia

“O noso polo nada ten que ver co industrial, o seu sabor é infinitamente mellor”

Ángel Álvarez Domínguez, xerente de Avícola Álvarez

A que se dedican fundamentalmente en Avícola Álvarez e onde teñen as súas explotacións?
En Avícola Álvarez temos actualmente 14 granxas, cinco das cales son de nova construción e están sen estrear. Sitúanse principalmente nos concellos de Salvaterra de Miño e Ponteareas. Nós vendemos á cadea de distribución e a almacéns de pensos e, nestes momentos, levamos o noso produto -pitos, polas e pavos para recría en casa- a uns 120 establecementos, case todos eles situados nas provincias de Pontevedra e Lugo (aínda que tamén temos algúns clientes na Coruña e Ourense).

A actividade desenvolvémola a miña muller e eu pero contamos, en determinadas épocas do ano, con reforzos que poden ser de até cinco traballadores. Nas nosas instalacións temos basicamente pitos, polas e pavos para recría.

Cando iniciou a súa andaina no sector da avicultura industrial e cal foi a súa traxectoria?
Empecei coa empresa en 1991, completamente de cero. Nos comezos tiña granxas moi pequenas e o orzamento moi xusto. Nestes 28 anos, o negocio cambiou moito. Por aquel entón, o que se facía era recría de pitiños con idades moi curtas, e mixta (de macho e femia), e iso desapareceu por completo. Agora mesmo as idades son maiores: de seis a oito semanas. Unha idade que é moi esaxerada para o mercado. Comprendo que é bo para o cliente final pero non para nós porque nos custa moito máis engordar eses animais e a partir da quinta ou sexta semana xa é imposible subirlles o prezo. Hai recriadores pequenos que non aguantaron a presión e tiveron que pechar. Do que eramos inicialmente a hoxe en día desapareceron moitos criadores, quedamos moi poucos.

Ademais, agora véndese sobre todo pito macho e isto fai incrementar o prezo. Nos últimos tempos tamén destaca o incremento en vendas de galiñas. Inicialmente eran galiñas poñedeiras marróns ou negras, pero fóronse introducindo no mercado galego outras razas como a azul, a franciscana, a branca ou a sussex. Algunhas destas razas entraron en Galicia de man de Avícola Álvarez.

Que produtos de alimentación animal son os que máis consome? E, aproximadamente, cantos quilogramos de penso mobiliza á semana nas súas instalacións?
O noso negocio é moi estacional. Empezamos a campaña xusto despois de Reis para poder vender os primeiros pitos a principios de febreiro. Se a climatoloxía é boa, o produto véndese antes e se chove fréase. Por este motivo, a cantidade de produto que consumimos varía enormemente duns meses a outros. Diriamos que en tempada alta mobilizamos unhas 120 toneladas ao mes, aínda que a media anual é dunhas 900 toneladas.

Consumimos unha gama ideada especificamente para pitos de recría de Evialis Galicia con dous tipos de pensos: un de inicio e outro de crecemento, que se proporciona a partir das tres semanas. Doutra banda, contamos cunha gama para recría de galiñas, tamén de Evialis, con tres tipos de pensos dependendo da idade: unha primeira fase até o catro semanas de vida, a segunda, entre o catro e as 10 semanas de vida e a terceira entre as 10-16 semanas, adaptadas a cada unha destas fases de crecemento. A presentación das gamas destes pensos é en gran, en fariña ou en faragullas.

Como valora o trato comercial e o soporte veterinario que lle prestan desde Evialis?
Valóroo moi ben. O soporte veterinario é fundamental porque traballamos con animais que, a diferenza das persoas, son incapaces de expresarse para dicir onde lles doe. Ao longo das últimas décadas apareceron novas doenzas. As enfermidades han ir variando. En avicultura, se miras atrás as estatísticas de hai 50 anos (de peso do animal e consumo que realiza) e compáralas coas actuais, nada teñen que ver. Cambiaron por completo as cifras e as estirpes. Hoxe a xenética é, digamos, máis apurada. Os animais collen máis peso e as razas están máis seleccionadas. Mellorouse moito en manexo e optimización de instalacións con calefacción e tamén en controis sanitarios.

Cales son as principais demandas e inquietudes do sector avícola? Cre que en Galicia é un ámbito de actividade robusto e é posible vivir da avicultura?
O noso sector non está tan apoiado como o vacún de leite. Non hai publicidade. Todo o contrario, cando sufrimos a gripe aviaria machucóusenos moito e logo non houbo campañas promocionais para axudar a restablecer o dano provocado á nosa imaxe. Detrás do noso sector hai moito emprego indirecto: traballadores de fábricas de pensos, de incubadoras, etc

 “Hoxe para poder vivir da avicultura industrial necesitas criar 60.000 pitos”

Por outra banda, en Galicia sempre houbo moita tradición de crianza de pitos, do mesmo xeito que en Portugal. É posible vivir da avicultura, pero é certo que necesitas atender máis animais que hai 20 anos para poder facelo. Dúas décadas atrás bastaba con que unha persoa atendese 40.000 pitos, por exemplo, para poder vivir; hoxe necesita criar 60.000. Hai que ter varias granxas para poder cubrir gastos.

Agora mesmo quedamos moi poucos recriadores. Este é un negocio moi escravo e economicamente moi sacrificado. Nós, a diferenza dun granxeiro que traballa para unha integradora ou un matadoiro, temos que pór todo. Non só a nave, a cama e a calefacción ou a luz, tamén os pensos, as vacinas e medicamentos, a loxística e o transporte e o soporte comercial. Antigamente, co abono producido polos animais podías sacar un rendemento pero hoxe xa apenas se cultivan as terras e máis que un beneficio, xera gasto porque hai que desfacerse del.

A desmedicalización de pensos é un reto ao que se enfrontan todos os criadores. No seu caso concreto, ¿como valora esta medida imposta desde a UE?
Debido á nosa forma de produción cando temos que facelo, medicamos principalmente en auga e non a través do penso. Afrontar a desmedicalización é un reto para todos os gandeiros porque temos que tentar conseguir moi bos resultados reducindo o uso de antibióticos. Dispomos de aditivos e probióticos que se engaden ao penso para poder previr estas enfermidades mellorando sobre todo a saúde intestinal dos animais e axudando a conseguir os resultados óptimos.

“O noso polo criado en casa nada ten que ver co industrial”

Como ve o futuro da venda de poliños á cadea de distribución de pensos?
Hai que ter metros cadrados suficientes para poder criar animais e despois estar moi ben situados. Anos atrás vendíanse moitos máis pitos que hoxe en día, con moita diferenza. Se ao longo da túa traxectoria te estancas coas mesmas distribucións tenderás a perder negocio. Este mercado vai ao cliente final, e o cliente do noso cliente é unha persoa bastante maior, é a que cría os polos na casa. Cando esa persoa deixe de estar, moitos dos que veñen detrás non van proseguir criando porque prefiren comprar o produto precociñado ou listo para comer. Pero eu aquí avogo polo tipo de produto que nós comercializamos: o polo da casa nada ten que ver co polo industrial e o sabor é infinitamente mellor e, ademais, é máis san.

Que é o que máis demanda os seus clientes, calidade, peso ou prezo? Ten moita competencia no seu sector?
Diría que demandan un tres nun. Os clientes queren que o produto sexa bo, principalmente, e a poder ser barato e, por suposto, co peso óptimo. En canto a competencia, diría que a que temos é dunha maior dimensión que a nosa. Agora mesmo somos moi poucos recriadores e estamos moi concentrados na provincia de Pontevedra, dentro de Galicia.

image_print

Una idea sobre ““O noso polo nada ten que ver co industrial, o seu sabor é infinitamente mellor”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información