asegro_xerente_luis_2

“O exceso de burocracia é unha das principais causas de desmotivación dos gandeiros”

Entrevista a Luís Rodríguez, xerente de ASEAGRO, asesoría especializada no sector gandeiro e referente na Cornixa Cantábrica, que este xoves celebrou o seu 20 aniversario

ASEAGRO é unha asesoría especializada no sector gandeiro participada ao 50% polas cooperativas DELAGRO e Central Lechera Asturiana. Este xoves celebrou en Soto del Barco (Asturias) o seu 20 aniversario, ante uns 200 representantes do mundo cooperativo e gandeiro de Galicia, Asturias e Cantabria.

Falamos Luís Rodríguez, xerente de ASEAGRO, sobre os plans de futuro da xestoría e cales son os aspectos máis destacados na xestión empresarial dunha gandaría.

Aseagro ven de cumprir 20 anos. Que salientarías deste xa longo camiño percorrido?
Os cambios a todos os niveis, o tamaño das explotacións agrarias, a competitividade dos mercados con marxes cada vez máis pequenas, as relacións coa Administración, etc. A nivel interno o máis destacable é a nosa capacidade de adaptación e o incremento de servizos en función das propias necesidades e demandas dos clientes.

Cales son os principais servizos que ofrecedes neste momento ao sector agrogandeiro?
A nosa carta de servizos ao sector agroalimentario abrangue practicamente todas as áreas: fiscal, contable, laboral, xurídico, formación, consultoría, comunicación, subvencións…

Que diferencia a Aseagro do resto de asesorías do sector?
A nosa proposta de servizos integrais e, sobre todo, a visión global das empresas do sector. As cuestións fiscais, laborais ou económicas afectan as subvencións, á viabilidade dos proxectos, ao relevo xeracional, e isto dáse en todas as direccións e decisións que se toman. Por tanto, esa visión global resulta transcendente.

“En moitas granxas hai un escaso coñecemento da estrutura de custos”

A xestión empresarial das granxas é clave para a súa rendibilidade Cales son as principais carencias e erros que seguides a detectar nas explotacións gandeiras neste sentido?
O escaso coñecemento da estrutura de custos, pola importancia que teñen en primeiro lugar para detectar posibles áreas de mellora, e en segundo lugar porque son claves para planificar investimentos, dimensión da gandaría, a contratación de persoal ou para analizar a capacidade de financiamento e devolución de prestamos.

De igual maneira, o nivel de formación de xestión empresarial é mellorable, sobre todo porque os cambios son permanentes e porque son empresas cada vez de maior dimensión e que, por tanto, os acertos ou os erros nas decisións empresariais son proporcionais a esa maior dimensión.

Detectades sobreendebedamento nas explotacións de vacún de leite? Cando nos debería preocupar e que medidas debería tomar o gandeiro?
En xeral si detectamos ese alto endebedamento, en gran parte motivado polo esixente nivel de investimentos aos que ven en certa forma obrigados para competir no mercado. Aínda que tamén é certo que en gandarías ben xestionadas ese endebedamento é sensiblemente menor.

Débenos preocupar cando se recorre ao anticipo recorrente das subvencións da PAC, e tamén cando non hai unha correlación entre a tesouraría dispoñible e as amortizacións das débedas, ben porque a estrutura financeira non é a adecuada, ou ben porque os investimentos están sobredimensionadas en relación á capacidade produtiva, e por tanto non se xera a suficiente liquidez.

“Débenos preocupar cando se recorre ao anticipo recorrente das subvencións da PAC”

Respecto das medidas, non pode haber unha receita única pero o que é común é que ás veces se fan investimentos en base a subvencións e non se teñen en conta as prioridades ou non se conta coa capacidade suficiente de xerar beneficios que financien as débedas.

Por último, é desexable en todas as operacións de financiamento analizar polo menos tres propostas distintas de entidades financeiras.

Cada vez son máis as gandarías, sobre todo de vacún de leite, que contratan persoal asalariado. En Aseagro tamén ofrecedes un servizo integral de xestión de persoal. Que aspectos resultan claves para lograr unha relación laboral estable e satisfactoria para ambas as  partes?
Aseagro xestiona todos os aspectos que teñen que ver coa contratación de persoal nas gandarías. Na actualidade son unhas 80 as que teñen persoal contratado cunha media de 2 empregos por gandaría.

Unha relación laboral estable depende de varios factores, desde logo a retribución é importante pero tamén os descansos, a vivenda, as comunicacións ou a formación tanto do empresario que contrata como do empregado que desempeña o seu traballo.

A falta de man de obra e a alta rotación da mesma son uns dos problemas aos que se enfrontan moitas granxas. Que medidas consideras que se deberían tomar para afrontar esta problemática?
Desde logo a formación profesional agraria desde a base, a posibilidade de prácticas en gandarías ou a opción de converterse en empresario para aqueles traballadores que estean dispostos a asumir a xestión das gandarías para as que traballan cando non haxa un relevo xeracional. Para isto fai falta moita formación, concienciación, apoios financeiros e rendibilidade.

En Aseagro tamén ofrecedes servizos de asesoramento xurídico a través de Serconsulting. Cales son os servizos nos que tedes máis demanda por parte dos gandeiros?
Os aspectos que teñen que ver con reclamacións de todo tipo como poden ser as bancarias, á administración, etc, contratos de arrendamento, liquidación de herdanzas, contratos de compra venda, etc. En definitiva todas as cuestións xurídicas que se poidan expor ao longo do tempo.

Neste sentido, puxemos en marcha un contrato de tarifa plana que é a forma máis fácil de ter un asesoramento xurídico permanente.

O exceso de burocracia é unha das queixas recorrentes dos gandeiros. Compartes esta apreciación?
O exceso de burocracia é unha das principais causas de desmotivación do sector. Xa hai empresas agrarias, como nos gusta chamalas, que xa demandan un servizo de asesoramento e xestión administrativa porque vense desbordados polo día a día e a cantidade de normas e requisitos que deben cumprir.

Ás veces téñense que presentar os mesmos papeis en órganos diferentes da Administración e nisto no canto de avanzar cara a un portelo único parece que imos en dirección contraria. Hai trámites que tardan meses en realizarse e iso crea desánimo, retarda os proxectos e a xeración de actividade e por tanto de riqueza.

En que novos servizos ou que cambios prevedes realizar en Aseagro de cara ao futuro?
De face ao futuro apostamos pola tecnoloxía e por potenciar todos os nosos procesos desde a dixitalización. Creamos un servizo, aseagroweb que permite aos nosos clientes o acceso online aos seus datos económicos ou administrativos, así como a posibilidade de que eles mesmos realicen a súa propia contabilidade de forma sinxela.

Estamos a apostar pola dixitalización e polo asesoramento financeiro

O asesoramento financeiro é tamén unha aposta de futuro, xa que figura na nosa misión o contribuír a garantir a rendibilidade dos nosos clientes, e este sen dúbida é un aspecto crítico e por tanto é necesario potencialo.

Así mesmo expomos opcións a asesorías ou cooperativas para que asesoren aos seus clientes ou socios baixo a nosa tutela, como fórmula para xerar sinerxías en todas as partes interesadas.

Tamén apostamos pola internacionalización dos nosos servizos, sobre todo en países de fala hispana nos que podemos achegar a nosa experiencia.

Algo máis que queiras engadir?
Aseagro é unha entidade de base cooperativa e iso é fundamental para entender o noso enfoque de servizo de calidade aos socios das cooperativas, xa que eles son a base fundamental das propias cooperativas e do sector primario, sen esquecer que as propias cooperativas e outras empresas do sector agroalimentario son obxectivo prioritario dos nosos servizos.

Máis de 200 asistentes ao XX aniversario de ASEAGRO

aseagro_aniversario

ASEAGRO celebrou este xoves o seu XX aniversario en Soto del Barco (Asturias), coa asistencia de máis de 200 persoas, entre gandeiros, e representantes de cooperativa de Asturias, Galicia e Cantabria.

A xornada foi inaugurada por María Jesús Álvarez González, conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais do Goberno do Principado de Asturias, e por Fernando González Pérez, presidente de ASEAGRO.

A continuación, Josefa de León Blanco, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb Prodalt, falou sobre “A economía circular no sector agroalimentario: Converter un residuo en recurso”. Tras o descanso a xornada continuou cun relatorio sobre alimentación saudable a cargo de Lara Sánchez, dietista e nutricionista de Central Lechera Asturiana.

Pecharon a xornada Martín Álvarez Espinar, responsable da oficina de W3C España, que falou sobre “Retos da dixitalización e o desenvolvemento rural”, e David Uclés Aguilera, director do servizo de Estudos Agroalimentarios de Cajamar Caixa Rural S.C.C que expuxo cales son as tendencias globais e a súa repercusión nos mercados de alimentos.