A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Evialis impulsa a redución do uso de antibióticos e a desmedicalización dos seus pensos

Evialis impulsa a redución do uso de antibióticos e a desmedicalización dos seus pensos

Antonio Pereiras, director técnico de Evialis

Evialis Galicia, empresa especializada en alimentación animal con sede en Sada, leva meses traballando en favorecer a desmedicalización dos produtos de alimentación animal co obxectivo de adaptarse ao novo marco legal, que limita o uso de antibióticos en sanidade animal e é de aplicación obrigatoria desde este xaneiro de 2018.

“É necesario seguir avanzando nun uso responsable dos antibióticos no ámbito da alimentación animal, e administrándoos adecuadamente para que se manteñan os seus beneficios”, sinala Francisco José Nomdedéu, director xeral da compañía

“Para iso brindamos novas solucións de alimentación animal que posibiliten unha alternativa produtiva eficiente e racionalicen o uso de antibióticos”, engade. Para logralo, Evialis Galicia conta co apoio do centro de experimentación do Grupo Neovia, en Francia, no que traballan numerosos investigadores.

A empresa tamén dispón en Galicia dun laboratorio propio que se ocupa do control analítico dos pensos e de impulsar “o desenvolvemento de novos compostos e novas formulacións de pensos pensados para reducir o uso de antibióticos”.

Asesoramento directo

O equipo directivo e técnico de Evialis mantivo diferentes reunións internas para anticiparse e adaptarse á nova normativa, tanto no ámbito da alimentación cunícola -que representa o 20% do mix de vendas da empresa- como nos restantes subsectores.

“Preparamos o camiño para compasarnos ás esixencias da Administración e concienciar aos produtores e clientes de Evialis da necesidade de medicar correctamente”, apunta o director xeral da compañía.

Neste sentido, o equipo técnico de Evialis Galicia volcouse en asesorar e formar directamente aos seus clientes (titulares e traballadores de explotacións) no fomento de boas prácticas de manexo e de mellora de instalacións que favorezan o benestar animal e contribúan, por tanto, a diminuír a proliferación de doenzas e enfermidades no gando.

“Desde a empresa, foméntase o desenvolvemento de novas pautas de manexo para conseguir que os animais sexan máis resistentes aos patóxenos”, destaca Antonio Pereiras, director técnico d compañía. “Neste sentido, aconsellámoslles acerca de sistemas de ventilación óptima nas súas instalacións, fomentamos a subministración de antibióticos en auga soamente naqueles casos clínicos que teñan un diagnóstico certeiro e apostamos pola prescrición de vacinas preventivas, entre outras medidas”, engade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *