A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega no Carballiño do selo de Galicia Calidade a Confitería Cerviño, unha firma que elabora as tradicionais cañas fritas de xeito artesán cunha receta particular, que pasa de xeración en xeración.
As cañas do Carballiño, recoñecidas a nivel internacional, elabóranse dende hai máis de 50 anos neste establecemento familiar, que desde hai catro xeracións liga o seu apelido á calidade e á tradición artesán e reposteira.
A directora xeral de Comercio agradeceu a aposta da Confitería Cerviño por promocionar un produto tan ligado á tradición reposteira de Galicia e do Carballiño. Con este recoñecemento, as cañas Cerviño poderán chegar a novos mercados, coa garantía que lles ofrece o selo de Galicia Calidade e distinguirse pola súa orixe e calidade superior. As cañas fritas da firma ourensá xa teñen distribución en toda a Península e mesmo teñen saído en envíos puntuais para países como Francia ou Gran Bretaña.
O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, sinalou, pola súa banda, a relevancia do sector alimentario dentro do selo Galicia Calidade e amosou a súa satisfacción pola incorporación dun produto tan representativo da repostería galega como as cañas fritas do Carballiño. Deste xeito, destacou que “sumamos un novo produto tan coñecido e representativo de Galicia e do Carballiño a unha lista moi completa na que integramos produtos galegos de calidade coma ovos, viño, polo, auga ou a pescada, entre outros”.
Con esta incorporación, o selo de certificación Galicia Calidade suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 110 empresas galegas.