A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Conde destaca a visión empresarial das cooperativas na súa visita a Delagro

O conselleiro de Economía fai un percorrido pola planta de fertilizantes das Pontes, inaugurada o pasado ano. A instalación conta con capacidade operativa para 50.000 toneladas

Conde destaca a visión empresarial das cooperativas na súa visita a Delagro

Visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, ás instalacións de Delagro. / Imaxe: Delagro.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou as instalacións do complexo que a cooperativa de segundo grado Delagro ten nas Pontes (A Coruña). Delagro inaugurou o pasado ano na localidade unha planta de fertilizantes cunha capacidade operativa de 50.000 toneladas anuais. A planta préstalle servizo ás 64 cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria que conforman Delagro, e tamén está ampliando actividade cara Portugal e País Vasco, segundo avanzou na visita o presidente de Delagro, Javier Taboada. Participaron tamén no acto directivos de distintas cooperativas socias da entidade.

A posta en marcha do complexo das Pontes era unha vella aspiración das cooperativas, que pasaron así a producir os fertilizantes que precisan os seus máis de 27.000 socios. Tras a visita, o conselleiro incidiu na importancia de que as cooperativas aposten por dimensionarse e por investir en proxectos innovadores, presentando a Delagro como exemplo de éxito de empresa cooperativa. “Este é o camiño a seguir desde o punto de vista do tecido empresarial de Galicia, o exemplo de que a unión de esforzos e o tamaño acadado permiten gañar en competitividade e posicionamento no mercado”, destacou.

“Este é o camiño a seguir. A unión de esforzos permite gañar en competitividade e posición no mercado” (Francisco Conde)

Francisco Conde tamén subliñou o papel das cooperativas, pois a pesar do adverso contexto económico, demostráronse como unha “fórmula viable, xeradora de emprego”. O complexo das Pontes está a dar emprego directo a 16 persoas e a 5 máis durante a campaña de abonado.

Características
A instalación de Delagro nas Pontes contou cun investimento de 5,8 millóns de euros e consta dunha planta de almacenamento, mestura e envasado de fertilizantes de máis de 6.000 metros cadrados, así como doutra zona complementaria de máis de 3.000 metros cadrados destinada a almacenaxe do produto finalizado e mercancías. Un edificio adicado a oficinas completa as instalacións, que suman 36.000 metros cadrados.

A planta ten unha capacidade operativa superior ás 50.000 toneladas, con posibilidade de ampliación de ser preciso, aínda que por agora non se sobrepasaron as 30.000 toneladas.

Delagro
A actividade orixinal pola que se crea Delagro é a central de compras de materias primas e doutros produtos necesarios para as entidades asociadas, co fin de ofrecer os mellores insumos a prezos competitivos. Coa posta en marcha da planta das Pontes, Delagro deu un paso máis no terreo dos fertilizantes. A creación do complexo foi acompañada de estudos de campo (proxecto Profer) co obxectivo de ofrecer fertilizantes á carta en función das características das distintas zonas da Cornisa Cantábrica.

Delagro está abrindo tamén outras áreas de negocio nos últimos anos, como a cadea de supermercados MercaRural ou a oferta de sotware informático de xestión agrogandeira (DelagrOS).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información