A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Calfensa presenta un novo sistema de aplicación de calizas agrícolas

A firma realiza en Boimorto unha xornada de demostración dun veículo equipado con brazos dosificadores, un dispositivo que reduce as perdas por vento

Calfensa presenta un novo sistema de aplicación de calizas agrícolas

O reparto da caliza con brazos dosificadores, equipados con lonas, minimiza as perdas por derivación.

Calfensa organizou unha xornada de demostración para presentar un veículo co que introduce novos sistemas de aplicación da caliza. O camión, entregado por Maquinaria Agrícola Segués, dispón dun sistema mixto que permite o uso de brazos dosificadores ou o a distribución por medio de discos.

Os brazos dosificadores, que se completan con lonas que caen case ata o chan, permiten deixar a caliza a ras do solo, un xeito de distribución que pode empregarse mesmo en días de vento, minimizando perdas.

Detalle da aplicación cos brazos.

Detalle da aplicación cos brazos.

O tradicional sistema de distribución de calizas en fincas agrícolas, por medio dunha cisterna que proxectaba a caliza contra o chan por aire a presión, presentaba dificultades de uso en días de vento, nos que aumentan as perdas por derivación e poden ocasionarse molestias a vivendas próximas ás parcelas agrícolas.

O sistema de brazos dosificadores solventa ese problema, se ben non se poderá empregar en todas as parcelas, pois aquelas que presenten irregularidades no terreo, que teñan arborado ou que carezan da anchura necesaria, non son axeitadas para ese sistema.

Para esas situacións, o veículo presentado onte en Boimorto, conta cun sistema de esparcido a través de discos.

Aplicación da caliza a través do sistema de discos.

Aplicación da caliza a través do sistema de discos.

Xunto co sistema mixto de distribución, outra das novidades que incorpora o camión é a dosificación da aplicación por GPS, que permite realizar un reparto homoxéneo do produto na parcela agrícola.

O veículo poderá traballar tanto na distribución de calizas como noutras aplicacións, caso de abonos orgánicos ou granulados. O acto de presentación do camión contou coa participación dun equipo técnico de Calfensa, encabezado por Ramón Panete, conselleiro delegado e responsable do departamento de produción de caliza, e cunha representación de Maquinaria Agrícola Segués, a firma suministradora do veículo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información