Encontro nacional cereais

Boas perspectivas de colleitas de cereais a nivel mundial

Celebrado en Zaragoza o Encontro Nacional de Operadores de Cereais

O Encontro Nacional de Operadores de Cereais, celebrado recentemente en Zaragoza, incluíu na súa programación unha análise da campaña de cereais e oleaxinosas a nivel mundial. As previsións son en principio positivas, segundo expuxeron os representantes da firma suiza Sierentz Global Merchants.

En millo agárdase unha boa colleita en Brasil e Arxentina e haberá que agardar pola climatoloxía das próximas semanas para comprobar cal é a decisión de sementeira de Estados Unidos e Ucrania. En trigo e cebada, hai polo de agora unha boa previsión de colleita na UE e un aumento de superficies en Ucrania e Rusia. Pola contra, en Australia as previsións son malas pola sequía.

As perspectivas para os operadores son boas, pois hai un incremento xeral da demanda en trigo e cebada, se ben no millo espérase unha reducción. O XVII Encontro Nacional de Operadores de Cereais acolleu en Zaragoza a máis de 500 profesionais procedentes de dez países. O evento foi promovido pola Asociación de Comercio de Cereales y Oleaginosas de España, contando co apoio das organizacións máis relevantes do sector.

A programación do Encontro incluíu tamén unha ponencia do economista Santiago Niño Beceerra e a intervención da subdirectora de Cultivos Herbáceos do Ministerio, Silvia Capdevila.