A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

As entidades que conforman o Grupo Caja Rural celebran os seus Consellos en Lugo

A reunión en Lugo implica o recoñecemento á traxectoria e xestión de Caixa Rural Galega, a única entidade da comunidade que participa no Grupo

As entidades que conforman o Grupo Caja Rural celebran os seus Consellos en Lugo

Reunión do Grupo Caja Rural en Lugo.

O Grupo Caja Rural vén de celebrar en Lugo os consellos de administración de xuño das sociedades que conforman o seu núcleo, como nalgunha outra ocasión o fixo en localidades distintas das súas sedes. Esta vez a alta dirección do Grupo decidiu reunirse na capital lucense, onde ten a súa sede Caixa Rural Galega, o que implica o recoñecemento e o apoio á xestión e á traxectoria da entidade, a única caixa rural do grupo que é galega e cuxos presidente e director xeral son José María Pardo Montero e Jesús María Méndez Álvarez-Cedrón, respectivamente.

Caixa Rural Galega asumiu a responsabilidade de organizar estes consellos do mes de xuño, nos que se adoptan decisións que marcan a estratexia do Grupo e se definen as accións que perseguen a mellora continua en cuestións como eficiencia operativa e competitiva das caixas que o conforman.

Así, máis de corenta conselleiros, entre presidentes e directores xerais de caixas rurais de toda a xeografía nacional, mantiveron unha longa xornada de traballo, que concluíu cunha visita guiada á cidade amurallada. Tamén acudiron á cita representantes das entidades alemás DZ BANK e R+V, banco cabeceira e compañía de seguros do cooperativismo de crédito alemán, en calidade de conselleiros, dado que estas entidades participan no capital do Banco Cooperativo Español e de Seguros RGA, respectivamente.

Caixa Rural Galega quixo aproveitar o evento para divulgar o potencial turístico da cidade, da provincia e de Galicia por extensión, organizando diversas visitas que se estenderon durante a fin de semana, entre as que salienta a que se realizou á Ribeira Sacra e ao mosteiro de Santo Estevo, nun claro apoio á candidatura para que sexa nomeada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Acerca do Grupo Caja Rural

O Grupo Caja Rural é un dos principais grupos bancarios operantes en España, que, contando coas caixas rurais e coas sociedades participadas, mantén máis de 2.300 oficinas e preto de 9.000 empregados, e xestiona uns activos próximos aos 60.000 millóns de euros, cuns fondos propios de máis 4.600 millóns de euros.

As caixas do Grupo Caja Rural e pertencentes á AECR seguen sendo fieis ao modelo de banca cooperativa, que en España funciona con éxito dende 1989 e do que existen outros de similares características na nosa contorna, como o Raiffeisen alemán (DZ Bank), o Rabobank holandés ou o Credit Agricole francés.

Caixa Rural Galega é a única entidade de crédito con sede en Galicia e con capital galego

O devandito modelo, encomiado en prestixiosos medios internacionais, está baseado nun modelo de banca cooperativa e confederada que, respectando a autonomía e a independencia de xestión dos seus membros a nivel local, posibilita a obtención de economías de escala que lles proporcionan un alto nivel de competitividade aos seus integrantes a través da centralización de actividades en entidades comúns ao Grupo, superando así as limitacións de cada entidade pola súa dimensión individual e polo ámbito xeográfico da súa actividade.

Para o desenvolvemento da súa actividade, o Grupo Caja Rural conta co apoio de diversas entidades participadas, coma o Banco Cooperativo Español, a sociedade Rural Servicios Informáticos (RSI), a compañía Seguros RGA, a Asociación Española de Cajas Rurales ou a Gestora de Fondos de Inversión Gescooperativo, entre outras.

Acerca de Caixa Rural Galega

Caixa Rural Galega é a única entidade de crédito con sede en Galicia e con capital galego. A entidade, con base cooperativa, conta cunha rede de 46 oficinas distribuídas todas elas en Galicia e a súa base social supera os 15.000 socios.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información