“Vaise mellorar a lonxevidade e a fertilidade das vacas”

Entrevista a Françesc Grau, director xerente da Federación Frisona Galega (FEFRIGA). Aconsella que “o que deixa algo de marxe é o leite que se transforma e un primeiro paso podería ser unha fábrica de leite en pó”.

“Vaise mellorar a lonxevidade e a fertilidade das vacas”

Françesc X. Grau, director xerente de Fefriga.

Fefriga é a federación das catro asociacións provinciais de control leiteiro. A súa principal función é a xestión do libro xenealóxico da raza frisona en Galicia, é dicir manter a pureza da mesma, a través do control dos ascendentes e descendentes dos animais rexistrados.

Neste momento agrupa a 3.195 explotacións, cun total de 304.359 cabezas de gando frisón, das que 197.521 son vacas reprodutoras.  Trátase das explotacións de vacún de leite máis punteiras de Galicia.

Froito deste traballo de mellora xenética e do manexo é que a produción por vaca en Galicia pasase de 6.000 kilos por lactación en 1990 a máis de 9.400 na actualidade.

Testemuño e actor fundamental deste salto é Françesc Xavier Grau, director xerente de Fefriga nos últimos 25 anos e que na súa última etapa etapa lle tocou lidiar cunha decisión polémica do goberno da Xunta como foi o peche da Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos. A piques de ceder o relevo, este galego de orixe catalá, explica nesta entrevista cara onde evolucionarán as vacas de leite e os retos do sector ante a supresión das cotas.

En que situación se atopa Galicia na mellora xenética do gando frisón?
O nivel xenético que temos é igual que o que pode ter calquera país europeo, e mesmo por riba de moitos deles. A xenética Holstein está globalizada e todos estamos a traballar cos touros máis destacados e penso que aí a diferencia ven da profundidade dos pedigrís.

Neste sentido, en Galicia estamos traballando en selección, con moi bos touros. Por iso, o noso nivel xenético está á altura dos máis avanzados.

Cal é o tipo de vaca máis demandada polos gandeiros galegos?
O gandeiro o que busca é unha vaca rendible: aquela que produce moito leite, durante moitos anos e con poucos problemas. Polo tanto, a vaca que se está a buscar é unha vaca funcional.

“Agora o que se busca é mellorar a lonxevidade, a saúde e a fertilidade das vacas”

Durante moitos anos fixemos un gran esforzo en mellorar a produción, en quilos de leite, e en morfoloxía, sobre todo en patas e ubres. Pero hoxe é moi difícil ver unha vaca con ubres descolgados ou patas arqueadas. Hoxe temos unhas vacas con morfoloxía correcta e moi funcional e cunha produción comparable á de calquera país europeo.

Hoxe a selección xenética está máis orientada a mellorar outros parámetros como a lonxevidade, a saúde de ubres (células somáticas, saúde da ubre) , patas (problemas podais) e tamén a fertilidade. Neste sentido, é importante reducir o intervalo entre partos porque temos mellorado moito en produción pero ao forzar iso alongouse o intervalo entre partos.

Cal é o obxectivo para o intervalo entre partos?
A lactación tipo son 305 días. O obxectivo era que a vaca parira unha vez ao ano, con dous meses de secado e dez meses -305 días- de lactación.

Pero a medida que fomos incrementando a produción de leite xa non era tan urxente que a vaca parira unha vez ao ano, porque se chegamos ao secado con vacas que aínda están producindo 25 litros de leite non era urxente ese secado.

É dicir, por un lado o incremento da produción meteu menos presión para o parto, pero ao meter presión á vaca para producir leite empezaron a aparecer problemas de xestación: a vaca está máis feble e é máis complicado que quede preñada.

En definitiva, melloramos moito en manexo, produción e morfoloxía e hoxe o gran reto é seguir mellorando en manexo e en fertilidade.

O tipo de leite que se produce en Galicia está máis pensado para o envasado. En que medida inflúe a xenética e o manexo no tipo de leite?
En primeiro lugar penso que producimos o leite que demanda o mercado.

En segundo lugar, a partir da información dos programas de selección que temos podemos seleccionar a vaca para o que queiramos: se queremos que a vaca produza leite para transformar en queixo teremos que seleccionar touros con factores de capa caseína, con niveis de graxa máis altos…etc. E temos as ferramentas para facer o tipo de animal que necesitemos na nosa explotación.

“Podemos facer o tipo de vaca adaptado á nosa explotación e ao tipo de leite que queremos producir”

Se queremos vacas para pastoreo teremos que facer unha selección centrada en patas e en profundidade corporal para que a vaca coma máis forraxe.

A gran vantaxe das probas e avaliacións xenéticas e xenómicas que estamos a facer é que dan unha información total e aséptica. Despois temos un ICO que está pensado no que fai a maioría do pais, pero cada gandeiro na súa granxa pode facer o seu propio índice e esquema de selección pensando na realidade que ten na súa explotación.

O custo económico da mellora xenética non é un limitante para os gandeiros?
As avaliacións xenéticas están abertas a todo o mundo. Os gandeiros que están nos programas de selección e mellora teñen os índices dos touros e todos os índices das súas vacas e poden facer os acoplamentos correctivos que queiran. Dispoñen dun programa gratuíto no que xa están cargados os seus animais e todo a base de datos de touros.

“Un touro caro non garante que sexa o mellor: o importante é que sirva para corrixir os defectos de cada explotación”

Outra cousa é quen dí que isto é moi caro. Depende do que queira facer: se se quere traballar co touro número un terá que pagar moito, pero tampouco garante que sexa o mellor para as súas vacas. O importante é definir ben os defectos máis graves na súa explotación, ver as súas posibilidades e logo comprar un grupo de touros que sirvan para corrixir os defectos da súa explotación. Pero non teñen porqué ser touros de 120 euros a dose, hai touros de 15-30 euros que poden mellorar o 99% das vacas de Galicia.

O 1% serían vacas nais de sementais, e para esas tamén habería unha solución.

vacas_Mejor_Criador_Fefriga_14_01_standar

Concurso en GandAgro 2015 organizado por FEFRIGA.

Os machos de frisón van minguando cada vez máis nas explotacións galegas?
Hai algunhas explotacións que continúan tendo algún semental para vacas que lles custa quedar preñadas. Pero a verdade é que moita xente o que está a facer é gardar para a súa granxa touros que moitas veces son rexeitados polos propios programas de selección por non atinxir os índices marcados, ou por outros irmáns no centro …etc.

Teoricamente son touros interesantes, pero non existen touros que poidan mellorar todas as vacas, nin o mellor do mundo. E o risco de gardar sementais na explotación é que nun principio se destina para a vaca que non queda preñada, e ao final acabase botando a máis. E o gandeiro pode acabar cun 20 ou 30% de fillas dese touro na corte.

 “Con touros de alta fiabilidade e facendo un acoplamento correcto hai moitas posibilidades de ter unha boa vaca”

E eu non coñezo ningunha gran gandería que se tivese feito con touros de monta natural. De feito, este ano nos nosos rexistros debemos ter só arredor dun 5% de fillas de touros de monta natural.

Coa chegada da xenómica hai establos que chegan a utilizar até un 50% de touros xenómicos. Pero a maior parte dos gandeiros traballan con touros que xa teñen unha fiabilidade do 90%, con garantías do que vas obter dese animal.

Con touros de alta fiabilidade e facendo un acoplamento correcto hai moitísimas posibilidades de ter unha boa vaca.

Que posibilidades está abrindo a xenómica na mellora da cabana gandeira?
A xenómica abriunos moitas posibilidades pero aínda ten moitísimo que aportar.

Ten moito que dicir no que é animais máis produtivos, a lonxevidade e sobre todo nos caracteres de saúde, sen esquecer a información recibida a través dos aplotipos e que permite detectar enfermidades xenéticas e xenes recesivos.

“Coa xenómica poderemos erradicar moitos problemas de infertilidade e abortos”

Ata agora tiñamos un problema e pensabamos que era debido á casualidade. Pero coa xenómica vemos que moitos problemas de infertilidade, de abortos embrionarios…etc son debidos a xenes indesexables e que coa xenómica podemos erradicalos ou, cando menos, establecer as pautas de acoplamentos para que non se reproduzan na descendencia.

A partir do 1 de abril remata o sistema de cotas, como responsable de FEFRIGA que consello lle darías aos gandeiros galegos para mellorar a rendibilidade das súas explotacións neste escenario de incerteza?
O grave problema que temos por diante é a incerteza. De todas formas, o que si está claro é que en calquera escenario de produción precisamos de animais rendibles.

Penso que entre todos temos que facer un esforzo na transformación do leite, porque mentres vendamos leite para o consumo directo a marxe comercial é mínima. E o que estamos a ver en todas partes é que o leite que deixa un pouco de marxe é o leite que se transforma, xa sexa iogures, queixos…etc.

“O que deixa algo de marxe é o leite que se transforma. Un primeiro paso podería ser unha fábrica de leite en pó”

E neste sentido, coa situación que temos, paréceme que un bo primeiro paso sería ter unha fábrica para converter os excedentes de leite en pó. No momento que teñamos unha posibilidade de dar saída aos excedentes en forma de leite en pó estaríamos no bo camiño.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información