Unións tramita as reclamacións contra o ‘cártel lácteo’ por un 10% das indemnizacións

A organización agraria ofrécese a asumir todo o proceso xudicial das granxas que procedan contra as industrias multadas por Competencia. No caso de ganderías que non sexan afiliadas de Unións, a organización percibirá o 20% das indemnizacións que se logren

Unións tramita as reclamacións contra o ‘cártel lácteo’ por un 10% das indemnizacións

As industrias lácteas recibirán nos próximos meses unha chuvia de reclamacións xudiciais, segundo as previsións que manexa o sector. As empresas sancionadas este verán por Competencia por prácticas ilegais, coma pactar os prezos do leite, enfróntanse ás peticións de indemnización que están comezando a cursar as granxas afectadas. Unións Agrarias anuncia que procederá a tramitar tódalas reclamacións xudiciais de xeito gratuíto a cambio dunha porcentaxe das indemnizacións que se obteñan, en caso de que tal cousa suceda.

Tanto Unións Agrarias coma o Sindicato Labrego desenvolveron no último mes unha campaña de charlas por toda Galicia para informar ó sector, en tanto as cooperativas, pola súa banda, agardan a que a resolución de Competencia se confirme na Audiencia Nacional, onde recurriron ás empresas afectadas.

O interese das granxas é claro, pois a cantidade que se lle pode reclamar ás industrias é de arredor de 3 céntimos por litro de leite vendido entre o 2000 e o 2013, segundo Unións. Poden reclamar tanto as granxas en activo como as que pecharon a partir do 2000, o que en total suma arredor de 32.000 explotacións en Galicia.

Unións Agrarias vén de anunciar que se ofrece a tramitar tódalas reclamacións xudiciais de xeito gratuíto. Só percibirá unha porcentaxe das indemnizacións que se obteñan, pero se os fallos xudiciais son contrarios, a organización sinala que asumiría tamén o pago das posibles costas xudiciais.

En concreto, Unións ofrécelle as súas granxas socias tramitar as reclamacións por un 10% das indemnizacións, unha cifra que se elevaría ó 20% no caso de ganderías que non fosen socias da organización.

As industrias que se enfrontarán ás reclamacións son en primeiro termo as multadas por Competencia (Capsa, Lactalis, Puleva, Pascual, Danone e Nestlé), pero na organización agraria valoran tamén a posibilidade de solicitar indemnizacións doutras firmas que incurriron en prácticas ilícitas, pero que non foron sancionadas por Competencia por prescripción das infraccións. É o caso, por exemplo, de Reny Picot, Celta ou Río.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información