Unións calcula que Lactalis bloquéalle ós gandeiros o pago de 3,2 millóns de euros

A organización agraria sostén que a industria láctea está a quedarse cos cartos que a distribución lle paga a maiores desde decembro para que llos traslade ás explotacións gandeiras

Unións calcula que Lactalis bloquéalle ós gandeiros o pago de 3,2 millóns de euros

O secretario xeral de Unións, Roberto García, en rolda de prensa. / Arquivo.

As mobilizacións gandeiras de decembro culminaron cun acordo para que as cadeas de distribución aumentasen a cantidade que lle pagan ás industrias pola compra das marcas brancas de leite. Eses aumentos nos pagos comezaron a aplicarse a inicios de ano e desde aquela, industrias como Celta ou Reny Picot estanlle a trasladar eses cartos ós seus produtores. Distinto é o caso de Lactalis. Unións Agrarias calcula que a industria gala está retendo indebidamente 3,2 millóns de euros que lles corresponden as súas explotacións proveedoras.

Unións pediralle á distribución que lle esixa á industria gala a devolución dos cartos. Valora tamén a vía xudicial

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, advertiu onte do problema en rolda de prensa. “Lactalis fíxolle un primeiro pago ás explotacións en febreiro, que se pode calcular nuns 800.000 euros, pero desde entón non está a trasladarlle ás granxas as cantidades que cobra a maiores da distribución”, sinala García. “Temos as certificacións das cadeas de distribución que acreditan os pagos a maiores que percibe Lactalis, pero a industria négase a facerlle os correspondentes pagos ás explotacións co argumento de que ela non forma parte do acordo entre gandeiros e distribución”.

Ante esta situación, que Unións xa lle trasladou tanto á Consellería do Medio Rural como ó Ministerio de Agricultura, a organización valora distintas vías de acción. Por un lado, manter contactos coa distribución para que lle esixa a Lactalis a devolución dos cartos que cobrou a maiores e que non lle trasladou ós gandeiros. Por outra banda, estudia posibles accións xudiciais contra a industria gala, envasadora de marcas como Lauki ou Puleva.

Prezos do leite
De cara ós próximos meses, Unións considera que a mellora do mercado de produtos lácteos industriais pode levar á recuperación dos prezos do leite no campo, se ben advirte de graves distorsións no mercado galego que cómpre correxir. “Temos arredor de 3.000 gandeiros cobrando o leite por baixo dos 24 céntimos, unha situación que se debe en parte ás penalizacións por volume que aplican as industrias”, cuestiona.

Para correxir esa situación, Unións fai tres propostas concretas:

1) Auditoría da Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) sobre o destino final nas factorías do leite que se merca no campo a prezos de leite en po. Trátase de evitar que esa produción remate finalmente envasada nun brik de leite líquido.

2) Evitar que as industrias usen ós primeiros compradores para abaratar a materia prima. A organización cuestiona que haxa primeiros compradores que de xeito sistemático lle venden máis do 60% da súa recollida á mesma industria. “Son en realidade falsos primeiros compradores”, valora Unións. “Hai que regular ós primeiros compradores para que aporten valor engadido e solvencia”, demanda.

3) Identificar a orixe do leite.

Por último, a organización tamén está á espera de que o Ministerio de Agricultora ofreza información sobre os prezos de cesión do leite entre a industria e a distribución. Os primeiros datos, correspondentes ó mes de maio, xa están en poder do Ministerio, polo que agárdase que en próximos días se lle poidan trasladar ó sector.

Propostas sobre as axudas asociadas da PAC

Desde Unións Agrarias avogan por manter o actual status quo das axudas asociadas, se ben tamén consideran que a demanda andaluza de incorporar o olivar de montaña e outros sectores ás axudas asociadas ten razón de ser.

Establecer un tope de 150.000 euros nos dereitos de pago básico permitiría recadar 71 millóns adicionais

O problema radica en onde sacar os fondos para as posibles novas axudas asociadas dirixidas ó olivar de montaña. “Para evitar unha guerra entre territorios ou entre sectores, a nosa proposta oriéntase a sacar o financiamento por outras vías”, propoñen desde Unións.

A proposta concreta da organización é o establecemento dun tope nos dereitos de pago básico de 150.000 euros por beneficiario. É unha medida que xa se aplica en Irlanda, Grecia, Austria, Polonia, Irlanda do Norte e a rexión flamenca de Bélgica. Outros territorios, como Gales, establecen o límite en 300.000 euros. Italia, en 500.000.

A medida estase aplicando en países como Irlanda, Austria ou Polonia

En España, esa medida afectaría a uns 1.400 beneficiarios, terratenentes na súa maior parte, que se están a embolsar un total de 371 millóns de euros. Unións calcula que o establecemento dun teito de 150.000 euros permitiría contar con 71 millóns de euros adicionais para redistribuir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información