Só o leite de primeira necesidade traspasa o ‘telón de tractores’

Os gandeiros que bloquean as industrias lácteas permiten a saída de produtos para hospitais e bancos de alimentos. Advirten de que a suba anunciada polas cadeas de distribución “non serve”

Só o leite de primeira necesidade traspasa o ‘telón de tractores’

Os produtores permitiron a saída dun camión para o hospital esta mañá en Arteixo, en Leyma.

Pouco leite colle no maletero dun turismo, pero no bloqueo de Leyma, en Arteixo, non deixan saír un coche sen revisar. Onte colóuselles un automóbil dun distribuidor que cargou o maletero de leite para bares e restaurantes e non queren que tal cousa lles volva suceder. “De aquí só pode saír o reparto para os hospitais”, asegura un retén dunha decena de gandeiros que monta guardia a primeira hora da mañá. “Acompañamos onte un camión para o Juan Canalejo con 700 quilos e hoxe irá outro para o hospital materno infantil”, explican.

A primeira hora do día, como cada mañá, os camións dos distribuidores pasan pola factoría, pero ó comprobar que o bloqueo continúa xa non fan intento de acceder ó recinto. Desde a noite do venres, non entran nin saen camións da factoría de Arteixo. Medio cento de tractores alíñanse no arcén ó redor da planta e os seus propietarios, produtores das comarcas de Ordes e Carballo, vanse turnando á porta para montar guardia.

Durante a noite do luns, foron unha vintena longa os que vixilaron a factoría, primeiro a pé de planta, e cando chegou o temporal, a partir da unha da madrugada, metidos nos coches e pasando a noite “a contos”. A primeira hora do martes, as obrigas do muxido deixaron reducido o grupo momentáneamente a unha decena escasa, que se foi reforzando co paso das horas cos gandeiros que collían o novo turno de vixilancia.

Negociacións polo prezo
A rutina do bloqueo está establecida e podería continuar así moitos máis días se fose preciso. Aos gandeiros non se lles ve con ánimos de levantar a protesta. Preguntados polos 2 céntimos de aumento que anuncian Eroski e Mercadona, os produtores ven esa mellora como insuficiente. “O tema é que hai moita diferenza de prezos. A un gandeiro que estea a cobrar a 29 céntimos, se lle pasas a 31 céntimos, pois igual lle pode servir; pero a un que estea cobrando a 20 céntimos, pásalo a 22 céntimos e queda igual que estaba”, valora un gandeiro de Trazo.

“A un produtor que estea cobrando a 20 céntimos, unha suba de 2 céntimos no leite non lle serve” (Gandeiros no bloqueo de Leyma)

“O que pedimos é que se regule un prezo sostible, que co noso traballo poidamos gañar para vivir”, secunda un compañeiro de Laracha. Completa o argumento un terceiro: “Se o propio Ministerio di que o custo de produción está en 34 céntimos, por menos diso non podemos pasar”.

No medio do debate plántase un camión cisterna na porta da fábrica. O conductor báixase e asegura que só leva auga osixenada para a depuración das augas da planta, pero os gandeiros non están pola labor de darlle paso así como así. “A idea é que toda a planta estea parada, non só o procesado de leite”, explícanlle. O afectado insiste, apela a súa familia, que non o ve desde hai 15 días, e ó final consegue unha revisión da ‘sentencia’: “Volve máis tarde, cando estea o responsable noso e miramos”.

O que si pode saír, escoltado por un turismo dos gandeiros, é o camión que vai entregar o leite ó hospital. En Lugo tamén se permitiu a saída de leite das factorías para hospitais e bancos de alimentos. “Que se vexa que para cousas de necesidade cumprimos”, piden os gandeiros en Arteixo. “Iso si, nos supermercados esperamos que se remate o leite máis cedo que tarde”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información