Sat Torneiros, unha gandería ecolóxica que recupera terras do abandono

A explotación, que envasa a marca de leite ecolóxico Ecoleia (Allariz, Ourense), vivía no contrasentido de ter que desprazarse 10 quilómetros a cultivar terras mentres no seu entorno había 70 hectáreas abandonadas. Un proxecto habilitará esa superficie para pastizais

Sat Torneiros, unha gandería ecolóxica que recupera terras do abandono

Rabaño de vacas de Sat Torneiros nun dos pastizais acoutados por un peche.

Sat Torneiros é a única gandería que queda na súa parroquia e unha das dúas granxas de leite de Allariz (Ourense). A explotación aséntase nunha zona de boas terras agrarias, pois na súa contorna hai arredor de 70 hectáreas de regadío. Case toda esa superficie foi quedando de xeito progresivo no abandono, a medida que pecharon pequenas explotacións do entorno, pero o elevado minifundio das terras imposibilitou que Sat Torneiros puidese facerse cargo da súa xestión. A granxa atópase así no contrasentido de ter que desprazarse uns 10 quilómetros para traballar 80 hectáreas na Limia mentres ten ó lado superficie suficiente abandonada.

A explotación manexa arredor de 20 hectáreas de pastos no monte comunal da parroquia e en propiedades privadas cedidas. O resto da súa superficie, ata superar as 100 hectáreas, sitúase nos concellos veciños de Xunqueira de Ambía e Sandías, en zonas da antiga lagoa de Antela, onde a Sat cultiva herba para silo e para cortes en verde na primavera.

A granxa aspira a que o 60% da alimentación dos animais proceda do pastoreo

O obxectivo prioritario para a Sat é desde hai anos aumentar a superficie de pastizais no seu entorno, de xeito que dependa menos dos silos e do cultivo das parcelas máis distantes. Un proxecto conxunto do Concello de Allariz e da Xunta, co apoio dos veciños propietarios das terras abandonadas, permitirá en breve que a granxa vexa cumprida esa vella aspiración. “É un proxecto no que temos ilusión e esperamos que se plasme en breve” -explica Marcos Quintas, un dos socios da gandería- “Os veciños están ó 100% pola labor, xa que no pobo non hai quen traballe as fincas máis ca nós”.

O aumento de terras no entorno da granxa permitiría que a gandería ampliase os actuais pastizais. “Poderiamos eliminar gran parte do traballo co silo, que non é rendible economicamente nin axeitado para o tipo de explotación que temos. Se agora dependemos do silo nun 75%, a idea é pasar a unha alimentación cun 60% de pastos e un 40% de silo”, valora Marcos. A actual ración dos animais oscila entre os 15 e 30 quilos de silo de herba, en función da dispoñibilidade de pastos, e complétase con 6 quilos de penso ecolóxico.

Marcos Quintas, Maricarmen Cid e Carmen Álvarez xestionan a granxa e a comercialización do leite.

Marcos Quintas, Maricarmen Cid e Carmen Álvarez xestionan a granxa e a comercialización do leite.

Pastizais
A granxa conta na actualidade con arredor de 20 hectáreas de pastos no monte veciñal da parroquia, onde acometeu seis peches no ano 1998, cando decidiu pasarse á gandería en ecolóxico. O problema que ten a granxa é que esa superficie quédase pequena para o seu actual rabaño, cunhas 60 vacas en produción, recría e vacas secas a parte.

“Tiñamos seis peches polos que iamos rotando os animais, que pasaban uns dous días en cada peche. Era un sistema que sobreexplotaba moito a terra e que mantivemos ata agora, mal aconsellados. Este ano imos reformar os peches para facer un total de 11, de xeito que os animais pasen dous días en cada peche e que para cando volvan ó primeiro, 22 días despois, a herba tivese tempo de rebrotar. Así poderemos evitar que os pastos sufran o que sufrían estes anos” -destaca Marcos.- “Cando xuntemos máis terra, a idea é aumentar o número de peches. O ideal sería chegar a 20-25”, conclúe.

Na nova superficie que incorpore nun futuro, a explotación ten previsto acometer novos peches para pastoreo, logo de desbrozar xestas e demais vexetación arbustiva que se foi facendo coas parcelas. “Imos tratar de que haxa unha rexeneración das praderías naturais, que aquí aguantan bastante a seca do verán, e farémoslles unha aportación de trevo branco, que é unha leguminosa que aquí vai moi ben. Estámonos asesorando e intentando mellorar o manexo dos pastos”, subliña Marcos Quintas, que hai uns meses participou na reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que se desenvolveu precisamente en Allariz.

Seca e xabarín
Os raigrases máis habituais na gandería, o inglés e o italiano, teñen resultados limitados nestas terras de Ourense. “O raigrás inglés leva mal as altas temperaturas do verán e o italiano sae moi ben, pero non bota máis de ano ou ano e medio”, valora Marcos. “O que se dá moi ben é a festuca, que sería moi útil para pastizais. Nós temos unha parcela de 9 hectáreas e media. O problema é que témola a dez quilómetros e usámola para silo, e para silo a festuca non é boa, xa que baixa moito a proteína e ten tamén dificultades para rebrotar”, sinala.

Danos polo xabarín nunha pradería.

Danos polo xabarín nunha pradería.

Hai anos, a explotación cultivaba tamén millo, pero é unha opción que case descarta polo xabarín. “Agora mesmo temos 20 hectáreas de pradeiras destrozadas polo xabarín, non sei que solución pode ter iso”, cuestiona Marcos. “Quizais fagamos algunha proba máis co millo, pero non o vemos viable polo xabarín”.

Outro dos problemas que enfronta a zona é a seca, que fixo estragos os dous últimos anos na comarca, unha situación que a penas mellorou este outono – inverno. “A xente pensa que a seca xa pasou pero aquí segue e non sabemos cando nos recuperaremos. A penas choveu e non nevou, así que non hai auga. Nós tiñamos un pozo artesán de 8 metros que se fixo cando se creou a Sat, no ano 1989, e nunca lle faltou auga ata este ano. Cando vimos o problema, pensamos que solucionariamos cun pequeno pozo de barrena, pero tivemos que facer un pozo de 137 metros de profundidade para chegar á auga. Fóisenos a broma a 9.000 euros”.

Ecoleia, o leite ecolóxico de Allariz

Envasado de Ecoleia, o leite ecolóxico da granxa.

Envasado de Ecoleia, o leite ecolóxico da granxa.

A Sat Torneiros, creada no 1989 a partir de dúas explotacións da parroquia, leva xa dúas décadas na produción de leite ecolóxico. Deu o paso no 1998, cando a produción ecolóxica era a excepción. “Esta explotación nunca se traballara de xeito intensivo, como se aconsellaba na época, e daquela tanto os meus pais coma os outros socios decidiron darlle un cambio. Tivemos o apoio da cooperativa na que estabamos e tamén do grupo Lactalis, que desde o inicio da reconversión pagaba o leite a prezo de ecolóxico”, lembra Marcos.

A gandería vendeu de xeito directo 61.000 litros de leite ecolóxico no último ano

O segundo gran cambio na granxa chegou no 2012-13, nun intre de altos prezos do penso e de baixos prezos do leite. “Decidimos chegar directamente ó consumidor e buscar uns ingresos alternativos. Foi unha decisión da que a día de hoxe estamos moi contentos. No último ano, comercializamos de xeito directo uns 61.000 litros de leite, principalmente en Ourense, Allariz e Verín, tanto en tendas como en hostelería e repostería, e vemos que hai un consumidor concienciado que demanda este tipo de produto”.

Cando se iniciou na comercialización do propio leite, a explotación creou unha instalación anexa para a pasteurización e envasado do leite, un proceso no que o principal problema estivo na burocracia. “Ao comezo, estivemos meses parados porque a Administración non contemplaba a posibilidade de que o leite do tanque da explotación puidese pasar directamente a ser pasteurizado e envasado. Esixían outro tanque intermedio só por temas de papeleo”, cuestiona Marcos.

De cara ó futuro, a explotación aspira a consolidar o seu actual mercado de venda directa e ir medrando de xeito progresivo. Tamén valora a posibilidade de acometer elaborados lácteos.

“Os grandes cambios na explotación chegan de pequenos cambios do noso manexo”

Marcos Quintas, recollendo o diploma dos premios Exceleite.

Marcos Quintas, recollendo o diploma dos premios Exceleite.

Os premios Exceleite, que distinguen as ganderías con mellores parámetros hixiénico-sanitarios na súa produción, recoñeceron no 2017 o bo facer da Sat Torneiros, que foi finalista no certame. Falamos con Marcos Quintas, un dos socios da explotación, sobre o manexo dos animais que fan na granxa, na que traballan tres persoas, Carmen Álvarez, a súa filla María del Carmen Cid, e Marcos Quintas, que colleu o relevo dos seus pais, xubilados no 2012.

A gandería produce un leite que ronda o 3,72 de graxa, o 3,15 de proteína e menos de 110.000 células somáticas.

Cal cres que é a clave para manter uns bos parámetros de calidade do leite?
– O mérito no noso caso penso que está nas persoas que fan o muxido, que somos nós, principalmente Carmen e outra persoa que a axuda. Se hai unha vaca que dá problemas de células nun cuarterón, ese cuarterón múxese a parte e non vai ó tanque, dáselle ós becerros. É un coidado que non van ter obreiros ou que non se pode acadar nunha sala automatizada. Nós temos unha sala de muxido do ano 1989 e aínda que é probable que a cambiemos este ano, seguirá sendo mecánica.

Facemos ademais un muxido artesanal e laborioso. Temos as vacas en cama quente e en lugar de aplicar un simple un pre-dipping, facemos un manexo máis complexo que inclúe lavado con auga, aplicación de espuma desinfectante, pase dun cepillo, limpeza con auga quente, secado e descarte dos primeiros chorros. Muxir 56 vacas pode levarnos dúas horas e media, cando igual cun simple pre-dipping lle poderiamos gañar máis dunha hora, pero o tempo adicado e a hixiene repercuten na calidade do leite.

Como facedes o manexo da cama quente? Douvos algún problema de mamites?

– De mamite non temos nada. A cama quente vai perfecta. Aportámoslle palla tódolos días e cambiámolas cada mes e medio ou dous meses. Durante ese tempo, non se move nin se toca nada. A nós animounos a implantala unha persoa de Seragro e a verdade é que traballar con estes técnicos para nós foi de gran axuda. Un problema común do 90% dos gandeiros é que nos falta formación e que derivado diso, moitas veces o problema da explotación somos nós. Os grandes cambios nunha explotación chegan por pequenos cambios do noso manexo.

Na vosa zona, practicamente non hai explotacións lácteas. Que problemas particulares vos atopades por ser unha gandería de leite illada?
– Un tema claro é que o investimento en maquinaria é excesivo. O ideal nas explotacións de leite é ter unha cooperativa de maquinaria (Cuma) con outras explotacións para compartir maquinaria e persoal contratado, pero no noso caso é imposible. Somos tres persoas na granxa e temos, entre outra maquinaria, catro tractores e un remolque picador para facer o silo que usamos 5 días ó ano e que custou 90.000 euros. No verán, tamén hai días de traballo de 20 horas nas fincas.

Visita á explotación dos participantes nunha xornada da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o pasado outono.

Visita á explotación dos participantes nunha xornada da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, o pasado outono.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información