SAT Sampérez: Unha gandería creada para producir sólidos lácteos

Esta gandería de Santa Comba é unha das mellores de Galicia en calidades do leite, cun 4,2% de graxa, 3,6% de proteína e 100.000 RCS. ¿A clave?: Un bo manexo, boas forraxes e a xenética do gando. Falamos con José Calvo e Maite González, propietarios desta SAT

SAT Sampérez: Unha gandería creada para producir sólidos lácteos

Javier e Maite, á esquerda, con Francisco e outra asesora agropecuaria de Nestlé

SAT Sampérez é unha gandería singular en Galicia, porque antes de creala os propietarios acordaron coa industria láctea que tipo de leite lles interesaba producir e en función diso orientaron as súas decisións.

“Viñamos de participar como socios nunha gandería da que nos desvinculamos. E no 2012 decidimos empezar de 0, construíndo un novo establo e mercando un rabaño, pero antes de todo iso fomos falar coa industria láctea para que nos garantise a recollida e ver que tipo de leite lles interesaba que producíramos. Falamos con Celta e con Nestlé e foi con esta última coa que chegamos a un acordo para producir leite co máximo de sólidos posibles”, conta José Calvo, que xunto á súa dona, Maite González, xestiona esta gandería situada no lugar de Guisande, no concello coruñés de Santa Comba.

O seguinte paso foi mercar o gando, e decidiron ir a Alemaña e Holanda, onde a selección xenética da raza Holstein está máis dirixida á produción dun leite con máis graxa e proteína, con destino á elaboración de queixos e doutros derivados lácteos.

“Fun acompañado por Santi de Finca Asunción, e trouxen 40 vacas dunha subasta en Alemaña e outras 45 de Holanda, cun prezo medio duns 2.850 euros”, conta José.

Eran primeirizas que na primeira lactación chegaron ao 4,4 de graxa e ao 3,7 de proteína. Hoxe baixaron a unha media de 4,4 e 3,6, pero a produción destes animais e dos seus descendentes foi de nada menos que de 11.700 litros no pasado 2017. Ademais, 40 destes animais importadas, 6 partos despois, aínda seguen producindo. Hoxe en SAT Sampérez contan cun rabaño de 204 animais, dos que 120 son vacas en muxido, e manexan unha base territorial dunhas 50 hectáreas.

Dende hai 2 anos Nestlé págalles por kilos de sólidos ás súas 152 ganderías provedoras de Galicia e esta é unha das que maior prezo percibe grazas a estas altas calidades: 0,36 euros por litro, sen IVE, cinco céntimos por riba da media que paga esta industria láctea.

Nestlé págalles a 0,36 euros o litro, grazas aos sólidos

¿A clave?: “O primeiro é a xenética e logo está o manexo”, responde convencido este gandeiro. Para manter o nivel de sólidos e a xenética dos animais que importaron o criterio que empregan para os acomplamentos é que os touros nunca sexan negativos en calidades e que suban en produción. “Para iso tes que ir a touros de Holanda, porque os de Estados Unidos ou os de Canadá están máis seleccionados para producir litros e non para sólidos”, conta. “Non busco unha vaca de concurso, senón unha vaca resistente, con boas patas, bo ubre e que produza sólidos”; engade.

En canto ás inseminacións traballan con seme convencional, despois dunha infructuosa experiencia co sexado. No 50% das vacas inseminan con raza Frisona, recriando todas as femias, e na outra metade poñen seme de Rubia Galega. “É unha raza que nos funciona moi ben, sobre todo porque adianta os partos entre 10 e 12 días respecto ao Limousin, e iso é máis leite, e menos problemas para as vacas”, explica José. Os becerros véndenos a partir dos 15 días a unha media de 200 euros por xato.

Calidades das forraxes e dos silos 

A outra parte da rendibilidade de SAT Sampérez está en que logran unha moi boa calidade das forraxes e a baixo prezo. O custo de alimentación é de 4,4 euros por vaca e día, ou 0,16 euros por litro, incluíndo o custo das forraxes, do penso, dos alugueres das parcelas e do carro mesturador.

O punto de partida está nas forraxes que producen: contan cunhas 50 hectáreas de base territorial, das que en 39 sementan millo rotándoo con pradeira de inverno e 11 permanecen a pradeira permanente con raigrás italiano.

“Nas de millo sementei este ano un ciclo 300, un Dekalb 4621, e o rendemento medio foi dunhas 40 toneladas por hectárea. Procuro que teña a máxima dixestibilidade, e neste sentido as analíticas do ano pasado deron un 40% de amidón e un 35% de materia seca. Na herba nas pradeiras permanentes fago bolos e nas 40 que destino a millo dende hai 3 anos semento unha mestura de Fertiprado con 4 tipos de trevos, un raigrás hibrido, outro italiano e unha festuca. Os seus resultados son moi bos, tanto en calidades, cun 15% de proteína e un 42% de materia seca, como no crecemento do millo que se bota a continuación”, explica. “O único pero -recoñece- é que as leguminosas non se levan ben co xurro, polo que ou amplío a fosa para non ter que botalo ou terei que deixar de sementalas durante un tempo”.

“A clave da conservación do silo é un bo pisado”

Outro aspecto que chama moito a atención das forraxes de SAT Sampérez é a súa boa conservación, con só un 2% de perdas, malia que os silos non son en trincheira e que non empregan ningún conservante, só ácido fórmico no carro mesturador para que non queza a mestura.

Neste sentido, José Calvo subliña que “a clave dunha boa conservación do silo é pisado, pisado e pisado e logo tapalo ben”. No seu caso, tres tractores e 1 excavadora de cadeas están todo o día que dura o ensilado pisando a forraxe para compactala o máximo posible. O menor ancho deste tipo de silo axuda tamén a que a conservación sexa mellor, xa que o avance é máis rápido e o frente do silo está menos tempo exposto ao aire.

Con estas forraxes, a ración diaria nesta gandería para as vacas en produción é de 26 kg de materia seca: 32 kg de silo de millo, 11 kg de silo de herba e 11 kg de penso, unha mestura con colza e cun 22,5% de proteína que dende hai pouco lle compran a Agrosoneira a un prezo de 218 euros a tonelada. As xovencas aliméntaas só silo de herba e penso.

A única maquinaria agrícola coa que contan: dous tractores vellos

Outro detalle que chama a atención en SAT Sampérez é que a única maquinaria coa que contan son dous tractores con máis de 30 anos que empregan para arrimar a comida e para pisar o silo.

“Contratamos todos os traballos agrícolas, neste caso a Agroforestal Xallas, e para o carro estamos na CUMA de Santa María de Alón. Contratar todos os traballos de maquinaria permíteche estar máis tempo cos animais, que é de onde sacas o rendemento, e detectar a tempo posibles problemas. Á empresa de servizos esíxolle rendemento e calidades, pero eu son gandeiro, non tractorista, e onde teño que pasar máis tempo é no establo coas vacas”, razoa José Calvo.

A importancia do muxido

E se el pasa a maior parte do día atendendo e observando aos animais, a área específica do muxido é couto reservado para Maite. Ela é a artífice de que esta gandería non pase dos 120.000 RCS en tanque e de que as mamites sexan practicamente inexistentes.

“Coñezo todas as vacas polo ubre, e sei os defectos de cada unha delas. Por iso é clave no muxido a persoa que o fai e seguir un protocolo, aínda que despois teñas outra persoa que che axude”, explica esta gandeira, que chegou a este mundo tras casarse con José, porque ata entón nunca muxira unha vaca. Realizan 2 muxidos diarios, con dúas horas de duración, nunha sala de 20 puntos.

Maite insiste en que o factor humano e observar e coñecer os animais é clave no muxido e para previr mamites. O seu marido corrobora a súa afirmación, pero recoñece que “quizás nun futuro poñamos robot de muxido, non por que queiramos, senón porque nos obrigan, xa que é moi difícil atopar man de obra para traballar nas granxas de vacún de leite”.

Futuro: Ampliar a fosa de xurro e mellorar calidade de vida

En canto aos seus plans para o futuro, en SAT Sampérez o seu obxectivo é gañar en calidade de vida, podendo dispor de fins de semana libres e de vacacións.

“Prevemos aumentar 30 vacas en muxido para poder pagar outro empregado que nos permita mellorar en calidade de vida, e para iso teríamos que ampliar a fosa de xurro, pasando dos actuais 1,2 millóns de litros, a 3 millóns, e se me dan o plan de mellora tamén a cubriría”, explica.

Uns plans que chocan cunha burocracia excesiva e lenta pois, tal e como recoñece, “só para conseguir a licenza medioambiental temos que esperar entre 1 e 2 anos”.

Outro obxectivo que se marcan nesta gandería de cara ao futuro é aumentar a lonxevidade das vacas, actualmente nunha media de 2,5 partos e cun 25% de reposición. Neste sentido, José amósase convencido de que “imos conseguir subir de 3 partos de media sen problema”.

Tampouco considera un obstáculo conseguir base territorial para o cultivo das forraxes e para baixar a carga gandeira. “A día de hoxe é un factor limitante, pero en 10 ou 15 anos non o será porque o 90% das explotacións vai pechar”, vaticina. Uns peches que en boa media atribúe “a unha mentalidade establecida na sociedade de que o que se dedica á gandería é porque non vale para outra cousa”, un estereotipo que a realidade desminte cada vez máis.

No seu caso José e Maite teñen un fillo de 18 anos que cren que nun futuro tomará o relevo na explotación. “Ten idea de quedar coa explotación, este ano empezou a estudar Administración e Dirección de Empresas e logo ten intención de facer o ciclo superior de gandería. Sabe que isto é unha alternativa rendible e que vai estar aquí”, asegura Maite.

SAT Sampérez en imaxes: 

Os silos desta gandería teñen moi boa conservación malia non seren en trincheira

Unha das mellores ganderías de Nestlé en Galicia

SAT Sampérez sitúase no top 10 das 152 ganderías ás que Nestlé lles recolle o leite en Galicia. “Nestlé dende o comezo deixoume claro o que quería e páganme segundo eses criterios, garantindo unha estabilidade a varios anos . Esixen moito en canto a control de todo o que pasa na explotación pero estou encantado”, recoñece José Calvo.

“A Certificación de Nestlé é un sistema de traballo que teñen que implantar as ganderías proveedoras e nela esíxense uns requirimentos en canto a calidade do leite, sanidade, respecto cara o medioambiente e, cada vez máis, de mellora do benestar animal, unha esixencia que provén duns clientes que cada vez teñen máis en conta este aspecto”, explica Francisco Rivas, asesor agropecuario de Nestlé e que traballa con SAT Sampérez.

“Nesté esíxenos moito, pero estamos moi contentos porque nos dá estabilidade a varios anos e ten unha estratexia”

Para comprobar o cumprimento destas esixencias técnicos de Nestlé asesoran ás ganderías, visitando con frecuencia as explotacións, uns controis que se reforzan con visitas aleatorias e dúas auditorías ao ano.

Neste sentido, Francisco Rivas destaca que “un dos aspectos que máis valora Nestlé á hora de seleccionar a unha explotación como proveedora é que o gandeiro teña unha mentalidade aberta a adaptarse aos requirimentos que lle fai a industria pola demanda do mercado”. “E José Calvo é un deses gandeiros de mentalidade aberta que precisamos”, subliña.

Por último, SAT Sampérez, é unha das 10 ganderías galegas que participan no proxecto “Dairy For Future”, unha iniciativa financiada polo Arco Atlántico e na que participan entidades de Galicia, Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e País Vasco, co obxectivo de mellorar a sustentabilidade medioambiental das ganderías de vacún de leite. Tamén acolle alumnado en prácticas do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información