“A rendibilidade dunha gandería está no bo manexo”

Marcelino Fernández Rodríguez é un gandeiro de vocación. A súa explotación, gandería Casa Pozo, de Lugo, leva recibindo numerosos premios como mellor criador de Galicia, o último en GandAgro 2017. Aos seus 63 anos conta dende a súa experiencia as claves da rendibilidade en vacún de leite

“A rendibilidade dunha gandería está no bo manexo”

Marcelino cos seus netos na explotación gandeira familiar

Marcelino Fernández Rodríguez recibiu na edición de GandAgro deste ano en Silleda o premio ao mellor criador de Galicia. Trátase dun galardón máis a unha vida chea de ilusión polo traballo de gandeiro de vacún de leite, a súa gran paixón xunto á música, na que foi durante 27 anos cantante de orquestras como a Breixa Band, Madeira ou Ciudad de Lugo.

A súa gandería, Casa Pozo, situada no concello de Lugo, non é moi diferente a outras moitas de Galicia: ten as mesmas limitacións de base territorial e de falta de ordenación do territorio ou de estar sometida aos vaivéns do mercado. O que a fai diferente é o gandeiro que a manexa dende hai 28 anos, preocupado por conseguir o máximo benestar animal e a mellor calidade das forraxes.

“Son de Guntín e desde pequeno gustáronme as vacas. Xa con 12 anos lavei e preparei unha vaca rubia dos meus pais e leveina eu só ao mercado. Cando me casei viñen vivir á casa dos meus sogros e no ano 1989 deixamos o vacún de carne e foi cando empezamos en leite coas vacas pintas”, explica Marcelino.

Hoxe a súa explotación, Casa Pozo, que toma o nome do apelido familiar da súa dona, conta cun rabaño de 115 vacas, das que unhas 50 son becerras e xovencas, 58 vacas en muxido e o resto secas.

Manexan unha base territorial dunhas 60 hectáreas, das que en 10 sementan millo forraxeiro, rotándoo con pradeiras temporais e permanentes, sendo a herba a base da alimentación do seu gando.

Logra silos de herba cunha media do 19% de proteína

Neste sentido, destaca con orgullo que “cheguei a conseguir un silo de herba dun 21% de proteína bruta e a media que consigo ano tras ano está nun 19%”. ¿E cales son as claves para lograr estes niveis que superan en case 7 puntos a media dos silos de herba de Galicia? “Son segar a herba xusto antes de que bote a espiga , que non se lle vexa, e facer presecados curtos, movendo moito a herba. Por exemplo ségoa hoxe e móvoa se podo xa no mesmo día, móvoa outra vez mañá, e pasado ensíloa”, explica. En total en Casa Pozo realizan dous cortes de herba para ensilar e un para herba seca.

A ración das vacas en Casa Pozo é duns 15 kilos de silo de millo, 17 kilos de silo de herba e10 kilos de penso, punteando cun kilo suplementario ao lote de vacas de maior produción.

Entre os meses de marzo e novembro realizan pastoreo diúrno para todo o rabaño, co que reducen notablemente o silo de herba na ración e cambian a soia do penso por fariña de millo.

“É moi importante ter suficiente base territorial para manter o rabaño coas forraxes que produces, indo a pastoreo se se pode”, subliña.

Con esta ración as vacas de Casa Pozo roldan os 10.000 quilos de produción anual, cunhas calidades no último mes de algo máis dun 4% de graxa e 3,3% de proteína, e en RCS sitúanse en 113.000. Véndenlle o seu leite á empresa vasca Iparlat, a través de Lactiber, a súa filial leonesa.

En xenética priman os caracteres tradicionais de patas, ubre e produción, así como tipo. A media de partos nesta gandería supera os 4,5 por vaca, superior á media galega e española.

“Nunca deixei a unha vaca parir soa de noite”

A clave para logralo, xunto coa boa xenética e a calidade na alimentación, é o bo manexo. Así o entende Marcelino que, aos seus 63 anos, recoñece que “levo visitado moitas explotacións, e en cada unha delas fíxome en tres cousas do manexo: o bo, que tamén estou facendo eu, e sobre todo o mellor e o peor”.

Así, este gandeiro presta especial atención á vaca durante o periparto, un momento crítico para o animal, tanto para contraer enfermidades como para condicionar a súa produción de leite.

“Tralo parto entendendo que a clave é que a vaca coma moita herba, de calidade, para que non vaia directamente ao penso e ao silo. É certo que compre separala do resto e tela noutro lote, pero con este traballo evítanse moitos problemas de cuajares, e a proba é que nesta gandería en 23 anos só houbo unha operación de cuajar”, explica.

 “O erro no manexo é non pararse nos detalles”

Outro aspecto que coida especialmente Marcelino é a atención durante o parto, para reaccionar a tempo ante posibles complicacións tanto para a vaca como para o becerro. “Nunca deixei a unha vaca parindo soa de noite, tivese o compromiso que tivese. É algo que lamentablemente estase perdendo entre os gandeiros, pero que evita moitas baixas e moitos gastos veterinarios”, asegura.

Igualmente destaca a importancia de poñer a parte as vacas con coxeiras para evitar que se agrave a patoloxía. Outro detalle de benestar animal en Casa Pozo é que teñen as becerras, xatas e vacas en cama quente de palla. Marcelino recoñece que no caso das vacas en produción “a palla ten máis problemas para as mamites, pero as vacas prefírena, e ademais, de utilizar area teríamos que cambiar a fosa, e penso que a longo prazo a area pode resultar negativa para os prados”.

“Creo que o problema no manexo dunha gandería de vacún de leite é non pararse nos detalles. Solemos coñecer de sobra o que se debe facer, pero ao final o gandeiro ve o que quere ver”, conclúe.

A medio prazo o futuro desta gandería, da que xa tomou relevo o fillo de Marcelino e a súa dona, pasa por ampliar as actuais instalacións para agrupar todo o rabaño que manexan neste momento. “Dende hai 5 anos temos alugada unha pequena explotación cercana, con 23 vacas en muxido, e o que queremos é xuntar todo aquí”, explica.

“O que máis me gusta dos concursos son os amigos que fago”

En Casa Pozo hai unha habitación chea de trofeos e distincións que lograron dende o ano 2002, grazas ao empeño persoal de Marcelino Fernández Rodríguez: Mellor Criador Galego e Internacional en GandAgro 2016 e 2017, V Vaca Reserva Gran Campioa no Nacional de Torrelavega….etc.

“O primeiro concurso ao que acudín foi en xullo de 2002 en Chantada, cunha xovenca que resultou campioa e dende aquela seguín”, asegura.

Recoñece que o motivo para participar nos concursos non é económico: “Os premios son pequenos e a media de gasto para asistir a un concurso no meu caso é de 2.000 euros”, explica. De feito, a súa única venda a raíz dun concurso foi a de Pozosaa Goldwyn Sonia, vendida hai catro anos por 12.000 euros a unha gandería de Italia.

“Máis que nada sigo asistindo aos concursos para atoparme cos amigos que fun facendo e pola xente que coñeces”, asegura.

Marcelino recollendo o premio ao Mellor Criador en GandAgro 2017

As claves da rendibilidade dunha gandería de vacún de leite para Marcelino Fernández Rodríguez:

-”O primeiro é que che teñen que gustar as vacas”.

-”Tanto aos animais como á herba hai que dedicarlle tempo e ter vocación”.

-”De cada granxa sempre collo o bo, pero sobre todo o mellor e o peor: o mellor para intentar facelo e o peor para non caer no mesmo erro”.

-”Creo que o problema no manexo é non pararse nos detalles”.

-”A clave é ter animais ben coidados, con boa xenética e ter base territorial, indo a pastoreo se se pode”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información