Prolesa SAT, unha das maiores explotacións leiteiras da provincia de Lugo

Ubicada na parroquia de Goián, en Sarria, esta granxa creada hai 12 anos da unión de 14 socios da cooperativa Cogasar basea o seu funcionamento diario en protocolos e calendarios de traballo rutineiro para os seus 10 empregados

Prolesa SAT, unha das maiores explotacións leiteiras da provincia de Lugo

Román González, veterinario e encargado de Prolesa.

As máis de 700 cabezas de Prolesa SAT convértena nunha das maiores explotacións leiteiras da provincia de Lugo, cunha produción anual que ronda os 4,8 millóns de litros. Falamos con Román González Sanmartín, veterinario e encargado da granxa, que nos conta como se organiza o traballo nunha explotación destas dimensións.

“Buscamos que o traballo sexa homoxéneo porque traballamos a turnos e hai que ir a iso. As vacas non deben notar os cambios de turno ou que persoa fai un determinado traballo”, xustifica. Para iso empregan protocolos e calendarios moi concretos con determinacións específicas que converten o traballo diario en rutineiro.

Tanto que Román afirma que os 10 empregados de granxa non teñen nin que pensar. “O traballador non está para pensar, iso dáselle feito, para tomar as decisións está o equipo técnico. Iso tamén facilita a vida do trabalador”, explica. Ademais de Román, que é o veterinario da explotación e exerce ademais as funcións de encargado, o equipo técnico está formado por dous asesores externos, un encargado da alimentación e outro da verificación de protocolos.

“O maior activo dunha explotación non son as vacas, nin as instalacións nin os tractores de 150 cabalos, son os seus traballadores”

Nesta explotación valoran especialmente a labor dos seus traballadores. Os 10 empregados fan turno de mañán ou de tarde e libran día e medio ou dous días á semana, traballan dúas fins de semana de cada tres e todos teñen 22 días laborables de vacacións. “O maior activo de calquera empresa son os seus traballadores, tamén nunha explotación, non son as vacas, nin as instalacións nin os tractores de 150 cabalos”, afirma Román.

Dos 14 socios que constituiron a SAT no ano 2006 quedan hoxe 3 traballando, o resto son neste momento unicamente socios capitalistas. Eran todos membros da cooperativa Cogasar e buscaban xestionar en conxunto o seu gando e as súas fincas para deste xeito ter maior capacidade de investimento, poder profesionalizar a xestión da explotación e ter maior calidade de vida.

Buscaron un espazo onde poder xuntar todo o seu gando. Necesitaban unha finca grande a un prezo asequible, que tivese auga e onde se puidera edificar unha hectárea. Acabaron construindo as súas novas instalacións en Cabezares, un lugar da parroquia de Goián pertencente ao concello de Sarria pero no límite xa co Páramo e próximo a Paradela. A finca mide 12 hectáreas e as naves e o pozo de purín ocupan unha.

Os socios tiñan as súas explotacións en lugares como Corvelle, A Veiga, Vilarello, A Lama ou San Mamede. O máis próximo vivía a 10 quilómetros do lugar onde construiron as novas instalacións. As vacas viñeron para elas en decembro de 2006. Primeiro trouxeron os animais que os socios tiñan nas súas explotacións logo dun mostreo individualizado no que se descartaron os animais con problemas. “Só viñeron os animais sans”, explica Román. Comezaron deste xeito xa con 400 vacas en produción e 250 xovencas.

No 2007 importaron 100 vacas de Francia, Alemania e Holanda pero o 20% non se adaptaron e foron baixa ese mesmo ano

Hoxe teñen practicamente as mesmas: 425 vacas en muxidura e 290 animais de recría. Están comezando agora a medrar en cabezas, despois de superar nestes anos diversos problemas. O ano pasado lograron reducir o número de baixas e de descartes e acabaron medrando en 30 vacas.

Descartan, de todos xeitos, incorporar animais procedentes de fóra da explotación. A experiencia neste sentido non foi positiva, segundo lembra Román. “Ao ano seguinte de comezar a funcionar, no ano 2007, trouxéronse 100 vacas francesas, alemás e holandesas. Pero a adaptación destes animais é difícil e un 20% deles foron baixa no primeiro ano”, lembra. “Desde entón non volveu entrar outra vaca de fóra da granxa”, di.

O investimento total para pór en marcha o proxecto foi duns 3 millóns de euros, entre a adquisición da finca, a obra de construción das instalacións e a compra de animais do ano 2007. A amortización das naves é a 20 anos e o da maquinaria, que está a piques de rematar, estaba previsto a 10 anos.

Manexo en 7 lotes

Un dos cinco lotes nos que se dividen as vacas en produción

Un dos cinco lotes nos que se dividen as vacas en produción

Román chegou á explotación no ano 2008 para tratar de atallar un problema que tiñan co xerme contaxioso agalacti, un estreptococo responsable da maioría das mamites por infección subclínica. “Había un reconto de 750.000 células en tanque”, lembra Román, que explica que “hoxe o problema está erradicado, xa non temos ningún positivo e movémonos nun abano de entre 190.000 e 250.000 células durante todo o ano”, explica.

O filtro para as vacas en produción faise por calidade de leite

Para tratar de ir arrinconando aquel brote infeccioso Román decidiu separar o rabaño en distintos lotes que aínda se manteñen hoxe en día. Os animais están divididos nun total de 7 lotes: un para as vacas secas, outro para as vacas tratadas, 2 de postparto (un para as primeirizas e outro para o resto de vacas recén paridas) e tres para as vacas en produción. O filtro para as vacas en produción é por calidade de leite. Deste xeito, no lote 3 están as que teñen problemas de mamite ou células altas. A orde de ordeño tamén está condicionada por ese mesmo factor, de xeito que o último lote de ordeño é o das vacas tratadas, onde non acostuma haber máis de 8 ou 10 vacas. Fan tres muxidos diarios, que teñen lugar ás 6 da mañán, ás 2 da tarde e as 9 da noite.

A mesma ración para todas

Actualmente o 70% do custo de produción desta explotación é a alimentación, que lles sirve diariamente Cogasar mediante o seu servizo de mistura húmida. “É un sistema cómodo pero dá menos posibilidades”, admite Román. “Para min non é o sistema ideal. Non tes un remanente de alimentación e é menos versátil. Penso que se ensilaramos na explotación teriamos máis control da alimentación e poderíamos facer racións distintas para os distintos lotes de produción”, argumenta.

“O sistema de catering é cómodo, pero non é o sistema ideal porque é menos versátil e tes menos control sobre a alimentación”

Neste momento a ración é a mesma para todos os lotes porque “suporía un aumento de custos brutal personalizar as racións, é un dos handicap que ten o sistema de catering”, recoñece Román, que considera ademais que “coa alimentación propia podes xestionar doutra maneira a suba ou a baixada de prezo das materias primas”. A ración diaria dunha vaca en produción está formada, nesta explotación, por 18 quilos de silo de millo, 7,5 de silo de herba, 1 de palla, 3 de pulpa de remolacha, 3 de fariña de colza, 2,4 de fariña de soia, 1,8 de cascarilla de soia e 1,5 de melaza de caña. O custo da ración está arredor dos 6 euros por vaca e día en produción e baixa até os 2 euros no caso das vacas secas.

Prolesa ten asignada unha superficie de 190 hectáreas. Pertence aos distintos socios pero cada un traballa as súas terras e vende despois a forraxe á propia cooperativa Cogasar. Directamente a SAT só cultiva as 10 hectáreas que hai arredor da explotación, nas que sementan un corte de millo e despois manteñen a barbeito o resto do ano.

Separando as vacas primeirizas do resto durante o postparto reduciron os problemas de abomaso

Román outorga grande importancia á alimentación, pero ao mesmo tempo asegura que “os veterinarios aprendimos xa que a alimentación non ten a culpa de todo, hai máis factores relevantes”. Pon un exemplo: “antes tiñamos o postparto todo xunto, pero as vacas pegábanlles ás xovencas e estas non ían comer e unha semana despois xurdían os problemas de desprazamento de abomaso. Desde que separamos en dous lotes o postparto, un para as vacas primeirizas e outro para o resto, igualamos os problemas de abomaso nos dous grupos, antes o das xovencas recén paridas era 5 veces superior ao das vacas”, conta.

“A vaca seca é a grande esquecida”

O responsable desta SAT considera “fundamental” o benestar das vacas secas para o bo funcionamento dunha explotación. “A vaca seca é a grande esquecida e moitos dos problemas que aparecen no principio da lactación buscamos a súa orixe despois do parto cando en realidade veñen de antes”, di. “Cando unha muller queda preñada, todo son coidados. Coas vacas é ao contrario, cando deixa de dar leite desaparece das listaxes e apártase coma se estorbara”, compara.

Ás vacas de máis de tres partos subminístranlles dous botes de calcio e permanecen 48 horas na parideira antes de pasar ao lote de postparto

Por iso desde que ampliaron as instalacións para as vacas secas estas reduciron os problemas nas lactacións. “Desde que teñen máis amplitude nótase. Sobre todo na lonxevidade. Agora contan con máis espazo e con máis dunha cornadiza por vaca e temos como protocolo que ás vacas de máis de tres partos subminístraselles dous botes de calcio (un durante o parto e outro ás 12 horas) e pasan 48 horas na parideira antes de pasar ao lote de postparto”, explica.

Con estes coidados logran unha media de 2,31 partos por vaca. “Prefiro producións vitalicias antes que grandes altas produtoras pouco duradeiras”, argumenta Román. A media de produción nesta explotación en 2017 situouse en 11.696 quilos por vaca, con 3,75% de graxa e 3,19% de proteína, con animais como Prolesa Autopilot 0114 situados entre os mellores da provincia, cunha produción de 15.480 quilos o ano pasado.

Melloras pendentes na zona de recría

Zona destinada a recría en Prolesa SAT

Zona destinada a recría en Prolesa SAT

Trala ampliación do espazo das vacas secas, a seguinte obra pendente é na zona de recría. “A primeira idea era externalizar parte da recría a través de Agroganadera de Sarria, o centro de recría da cooperativa Cogasar, pero non tiña capacidade suficiente, polo que houbo que facer unha nave para a recría, que se fixo a posteriori e é moi pechada e tampouco ten illante no teito, polo que resulta problemática no outono e na primavera, máis incluso que no verán, polos cambios de temperatura entre o día e a noite”, explica Román. “Pero o prezo actual do leite e o custo da ración non dá moita marxe para facer obras”, quéixase.

Recrían na propia explotación e, sen imputar os custos de persoal, unha xovenca no momento do parto saélles en 1.500 euros

Outra das melloras necesarias é a construción doutro pozo de purín para poder facer descarga directa desde as canles e ter tamén máis capacidade de almacenamento. O pozo actual ten capacidade para 2,5 millóns de litros de purín e conta cunha balsa de decantación de area que se baleira cada dous meses.

O purín lévano os socios para abonar as súas terras e outra parte véndese na primavera coincidindo coa época de renovar as terras do millo. “De maquinaria só temos un tractor e unha pala, o resto do traballo subcontratámosllo á cooperativa”, explica Román.

1.000 doses anuais de seme de tres touros distintos

Prolesa segue apostando por mellorar paulatinamente a xenética dos seus animais holstein sen facer cruzamentos e poñendo só razas de carne aos descartes. “Mercamos unhas 1.000 doses de seme ao ano de tres touros distintos, que eliximos entre os que nos ofrecen as distintas empresas. Escollemos touros positivos en patas e ubres para mellorar neses aspectos pero sen perder o que xa temos noutros. Basicamente todo o que poñemos é xenética canadiense ou americana e movémonos sempre en prezos de 10-12 euros por dose”, explica Román.

Teñen 400 partos ao ano e non fan máis de 1 ou 2 cesáreas

“Ao usar poucos touros é máis doado facer as escollas para evitar a consanguineidade”, di. Outro aspecto que teñen sempre en conta é a facilidade de parto. “Dous dos tres touros son sempre de parto doado para que nos sirvan tamén para as xovencas”, explica. A maiores poñen unhas 100 doses de seme sexado e entre 100 e 150 de carne. “Nós non vendemos carne, para nós é un subproducto, así que cando poñemos carne inseminamos con touros pequenos e de parto doado”, conta. “Con 400 partos que temos, non facemos máis de unha ou dúas cesáreas ao ano”, destaca.

Ao principio contaban tamén cun touro na propia explotación, mercado a SAT Xercas de Xermade. “Cando cheguei había 24 animais baleiros con máis de 2 anos parados. Co touro, deses 24 animais 20 chegaron a parir”, conta. O touro, que tiveron desde o ano 2008 ao 2013, usábase basicamente para as vacas problemáticas da explotación pero a medida que estas foron baixando foise facendo innecesario. “A porcentaxe de vacas que non empreñan hoxe é baixo, así que o número de vacas problema non era suficiente para ter un touro. Ademais, o manexo dos touros conleva un risco, así que a decisión de prescindir del non foi porque non fora efectivo”, aclara.

O control dos celos nas vacas realízase mediante podómetro. “Comezamos a traballar aos 35 días. Aí pinchámolas para provocar o celo e 15 días despois inseminamos, é dicir, aos 50 días, e a partir de aí sincronizamos as inseminacións a dous días por semana, luns e xoves, para evitar que queden vacas paradas, aínda que se vemos celos o resto dos días tamén inseminamos”, explica Roman. Nas xovencas, comezan a sincronizar con 13 meses de vida para lograr que estean paridas antes dos dous anos.

O punto de corte para os descartes faise por produción. “Unha vaca con 180 días en leite e menos de 28 litros ao día tomamos a decisión de non volver a inseminala”, conta. O corte de secado está posto en 20 litros de produción diaria con máis de 4 meses de preñada.

Fan placas de cultivo para atinar co tratamento de enfermidades

Dentro das instalacións de Prolesa hai un pequeno laboratorio onde Román fai placas de cultivo para atinar á hora de facer os tratamentos para determinadas doenzas. “É moi útil porque adiantas tempo de tratamento e tratas a tiro fixo. Con respecto a enviar a mostra a laboratorio adiantamos tres ou catro días e aforramos cartos, porque enviar unha analítica de laboratorio custa 6 euros e unha placa de cultivo sáenos pola metade”, indica.

Dos tratamentos de podoloxía encárgase Seragro. Cada 15 días fan a revisión ás vacas coxas e unha vez ao ano, normalmente en primavera, recurtan os cascos a todos os animais. O baño de patas faise dúas veces por semana aos animais en produción e unha vez soa ás xovencas e vacas secas para evitar golpes ou posibles accidentes nas vacas preñadas durante o periodo de xestación.

A saúde do rabaño desta explotación tamén mellorou coa introdución de area nas camas das vacas en produción. “Ao principio as camas eran de palla con carbonato pero a palla chegou un momento que estaba carísima e o custo da cama disparouse. Así que decidimos pasarnos á area e melloramos en calidade de ubre. A area se está ben mantida é unha marabilla, ten o problema de que desgasta e acaba no purín pero ten outras moitas vantaxes: evítanse esvaróns nos patios, problemas de atascos nas canles de purín, e vense mellor os celos”, describe Román. Na zona de recría, igual que nas parideiras, empregan cama quente de palla.

Vísta aérea das instalacións de Prolesa SAT na parroquia de Goián, en Sarria

Vísta aérea das instalacións de Prolesa SAT na parroquia de Goián, en Sarria

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información