Preto de duascentas gandeiras protestan en Lugo contra os baixos prezos do leite

Convocadas por Agromuralla, as manifestantes denunciaron o silencio das Administracións ante a situación de baixos prezos que atravesan as explotacións lácteas. Este venres os gandeiros protestarán ante o Lidl da Avda Infanta Elena

Preto de duascentas gandeiras protestan en Lugo contra os baixos prezos do leite

Protesta das gandeiras na Muralla

Preto de 200 gandeiras manifestáronse este mediodía en Lugo en protestan polos baixos prezos do leite e a falta de solucións por parte da Administración. Convocadas por Agromuralla, as manifestantes percorreron a Muralla cunha pancarta co lema “Somos gandeiras….por pouco tempo”.

A marcha finalizou sobre as dúas da tarde ante a delegación da Xunta de Galicia, onde leron un manifesto tres mulleres: unha esposa, unha filla e unha nai de gandeiros.

Marga Ignacio Cancela, esposa de gandeiro da parroquia lucense de San Xoán do Campo, e unha das lectoras do manifesto, asegurou en declaracións a Campo Galego que “con esta acción queremos demostrar que non só protestan os homes, senón tamén as mulleres”. “Cando eles protestan somos nós as que levamos todo o traballo da casa e da explotación e por esta vez quixemos ser nós as que nos manifestásemos en público”, explica.

Marga Ignacio: “Por esta vez quixemos ser nós as que protestemos por prezos dignos para o sector lácteo”

Asegura que os motivos da protesta son idénticos:”demandamos un prezo digno para o leite e que a distribución traslade aos produtores a suba que lles aplicou aos consumidores”. Denuncia que “aos gandeiros están a pagarnos o leite igual que fai vinte anos, pero os custos de produción multiplicáronse”. E critica que “a Administración non atende as nosas demandas, cando está en xogo o futuro de máis da metade das explotacións de vacún de leite de Galicia”.

Dignidade tamén foi o que reclamou Alba, unha nena filla de gandeiros que pediu aos gobernantes que o sacrificio dos seus pais por levantar unha explotación láctea non sexa en balde e ela poida ter tamén un futuro digno continuando coa gandería familiar.

Os gandeiros de Agromuralla protestarán mañá ante o Lidl de Infanta Elena

Polo demais, as protestas dos gandeiros organizados en Agromuralla continuarán mañá. A partir das 16:00 horas concentraranse ante o Lidl da Avenida Infanta Elena para repartir información entre os clientes. Pola noite, a partir das 22:15 proxectarán un vídeo ante o edificio da Xunta de Galicia, na Rolda dá Muralla.

Lidl é unha das grandes cadeas da distribución, xunto con Carrefour, Alcampo e Eroski, que non asinou o acordo lácteo do pasado 23 de setembro e que, segundo os gandeiros, non traslada aos gandeiros a subida de prezos do leite que se aplica aos clientes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información