A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Presentan Vizura®, un produto que aumenta a capacidade fertilizante do xurro

A multinacional Basf presentou este xoves en Lugo Vizura@, un produto que incrementa a capacidade fertilizante dos xurros e reduce o seu impacto ambiental.

Presentan Vizura®, un produto que aumenta a capacidade fertilizante do xurro

Presentación de Vizura este xoves na Facultade de Veterinaria de Lugo

A multinacional alemá BASF presentou este xoves en Lugo Vizura®, un produto innovador que incrementa a capacidade fertilizante dos xurros e estercos e reduce o impacto ambiental que provocan as perdas de nitróxeno dos abonos orgánicos tanto a través do lavado (lixiviación), como da evaporación en forma de gases.

Estas perdas non só supoñen unha importante fonte de contaminación ambiental, en forma de nitratos que afectan á calidade das augas, e de óxido nitroso, un gas de efecto invernadoiro, senón que provocan importantes perdas económicas para o agricultor, ao desaproveitar ata máis do 50% do nitróxeno que conteñen os xurros.

Neste sentido, Vizura é un composto químico que inhibe temporalmente a acción das bacterias nitrosomonas, presentes no solo e que se encargan da transformación de nitróxeno amoniacal dos xurros en nitratos e óxido nitroso. Desta forma permítese que a planta aproveite durante máis tempo o nitróxeno amoniacal e redúcense substancialmente as perdas.

En concreto, o nitróxeno amoniacal con temperaturas do solo de 5 graos pasa de estar dispoñible durante 6 semanas a entre 10 e 14 semanas, e cando a temperatura do solo sobe ata 20 graos, este período amplíase de 1 semana, a entre 4 e 6 semanas se se emprega Vizura, segundo os estudos realizados por Basf.

Resultados dos ensaios no Ciam

O produto, que este ano se empeza a comercializar en España, foi testado por Basf en distintos centros de investigación da Península, entre eles o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), que o pasado ano realizou ensaios en cultivo de millo forraxeiro e este ano prevé amplialos á rotación de millo forraxeiro con raigrás.

En concreto, a investigación levada a cabo no Ciam comparou os resultados de sete tratamentos de fertilización nos seus correspondentes campos de ensaio de millo: fertilización mineral ao 70% e ao 100%, fertilización cun 70 e cun 100% de xurro de vacún, fertilización con estas dúas proporcións de abono orgánico pero engadindo Vizura® e unha parcela na que non se realizou ningún tipo de abonado.

Os resultados que expuxo a investigadora do Ciam, María Isabel García Pomar, mostran que “a incorporación de Vizura ao xurro de vacún supuxo producións semellantes á aplicación de fertilizantes minerais e un lixeiro incremento do 6% dos rendementos da colleita de millo respecto ao xurro de vacún”.

Ademais, destacou “o incremento na eficiencia de utilización do nitróxeno polo cultivo respecto ao xurro de vacún (…) e a diminución do surplus de nitróxeno no chan, respecto dos tratamentos minerais”.

Estes son os resultados presentados do ensaio realizado polo Ciam:

vizura_ciam_2

vizura_ciam_1

En todo caso, María Isabel García Pomar incidiu na necesidade de estender os ensaios durante máis anos para confirmar estes resultados.

Redúcense as perdas de nitróxeno en forma de nitratos e emisións contaminantes

Pola súa parte, Jorge Sanz Gómez, responsable de Desenvolvemento para Europa de Functional Crop Care Basf, e Arturo Sanz Simón, responsable de tecnoloxías de uso eficiente de Nitróxeno en Basf, expuxeron os resultados dos ensaios realizados con Vizura en distintos centros de investigación de España e Portugal.

“As emisións de óxido nitroso cando se utilizan xurros como abono orgánico pasan de 5 ou 6 quilogramos por hectárea a 2 quilogramos se se utiliza Vizura, e no caso dos nitratos, as perdas por lixiviación redúcense entre un 30 e ata un 65%”, destacou Arturo Sanz.

En canto ao impacto económico para o gandeiro, os técnicos de Basf destacaron que “Vizura permite reducir o abono de Nitróxeno de síntese no cultivo de millo forraxeiro e incrementa a colleita de millo entre un 6 e un 7%”.

Dose de aplicación 

Vizura preséntase en forma líquida en envases de 10 e de 1000 litros, aínda que está en fase de comercialización un envase de 50 litros.

A dose é de entre 2 e 3 litros por hectárea, independentemente do volume de xurro, e pódese aplicar directamente na fosa -onde pode permanecer estable ata 3 semanas- ou na cuba antes de aplicar o xurro.

Cando o xurro inxéctase en profundidade -a opción máis recomendable para reducir as perdas de nitróxeno- a dose recomendada é de 2 litros, pero cando se aplica o xurro entre 0 e 10 centímetros -cun posterior enterrado superficial- a dose aconsellada é de 3 litros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *