Preocupación pola colleita de millo forraxeiro debido ao frío e á chuvia

A anómala climatoloxía deste mes de xuño está poñendo en risco a colleita de millo forraxeiro: o frío está a paralizar o seu crecemento e a choiva provoca que se inze de herba. Falamos con algúns gandeiros e con técnicos para coñecer como está a situación.

Preocupación pola colleita de millo forraxeiro debido ao frío e á chuvia

Millo na Baña. Foto: Manuel Iglesias Turnes

O millo é hoxe en día a principal forraxe para alimentar as ganderías de vacún de leite e Galicia é lider en España no seu cultivo con máis de 60.000 hectáreas sementadas.

Trátase dunha planta C-4; é dicir, posúe unha gran eficiencia á hora de ralizar a conversión da luz solar en enerxía. Polo tanto, para o seu crecemento requiere de luminosidade e dunha temperatura de entre 15º C/20º C para que xermole a semente e de entre 25º C a 30º C para o seu crecemento.

Precisamente, estas condicións de luz e calor son as que lle faltan ao millo forraxeiro en Galicia neste atípico mes de xuño. As importantes precipitacións, pero sobre todo as temperaturas anormalmente baixas, están a provocar que o seu crecemento estea parado, pero non así o das herbas, que en moitas parcelas están a inzar , mesmo despois de aplicarlle un tratamento de herbicida. O refraneiro galego acerta de pleno: “A auga en San Xoan tolle o millo e non dá pan”.

As previsións meteorolóxicas non son moi positivas para a vindeira semana, pois segundo Meteogalicia as temperatuas manteranse polo menos ata o vindeiro xoves entre os 12 graos de mínima e os 21 de máxima.

Falamos con algúns gandeiros para ver como lles está a afectar este problema:

SAT Sampérez (Santa Comba): “Levamos un atraso duns 20 días e imos ter que gastar nun segundo tratamento de herbicida”

José Calvo é propietario de SAT Sampérez, unha gandería de Santa Comba que sementou este ano unhas 45 hectáreas de millo forraxeiro. Recoñece que “o frío está afectando moito ao desarrollo da planta, que nalgunhas parcelas está branqueando, e a choiva favorece o crecemento das malas herbas”.

No seu caso realizou a sementeira a comezos de maio pero lamenta que “a herba volveu sair polo que hai que facer unha segunda pasada de herbicida en case todas as fincas cando o tempo o permita”. Iso suporalle uns gastos medios de 45 euros por hectárea que haberá que sumar aos 100 euros por ha que lle custou o primeiro tratamento.

“Nunca na miña vida acordo facer en xuño tanto frío como este ano. O millo debería estar para ensilar a finais de setembro pero con este tempo vai ir a finais de outubro, e non creo que consiga as cantidades que debería ter”, lamenta.

Gandería Iglesias Agra (Santa Comba): “O millo está padecendo dous tipos de estrés: polo frío e polo herbicida”

Millo en Gandería Iglesias Agra

Millo en Gandería Iglesias Agra

Manuel Iglesias é propietario de Gandería Iglesias Agra, tamén en Santa Comba, pero xa lindando co concello de Mazaricos.

A situación das súas 40 hectáreas de millo forraxeiro tampouco é boa: “Fixen dúas sementeiras: o 4 de maio, que é a máis afectada, e outra no 25 de maio, na que o millo está máis pequeno pero ten menos competencia da herba”, explica. “No meu caso, as herbas téñoas controladas agora mesmo porque fixen un primeiro tratamento de preemerxencia, pero igual dentro de 15 día hai que facer outra aplicación de herbicida porque o millo está medrando moi pouco pero si o fai a herba”, engade.

Sen embargo, debido ao frío o millo nas súas parcelas está amarelando, ao que se une o estrés provocado pola aplicación do herbicida. “O millo está entrando nunha fase crucial, cando ten entre 5 e 8 follas, época na que se define a futura espiga. Nun millo con dous estreses vai supor unha reducción da produción importante. Só se podería compensar cunhas condicións excelentes na seguinte parte do ciclo”, asegura este gandeiro.

“Xa estamos no 50 de maio e se esta situación se alonga máis pode ser perigosa”, advirte.

SAT Iglesias (A Baña): “Tememos que haxa bastante lavado do nitróxeno con tanta choiva”

Alonso José Iglesias Tojo, da gandería SAT Iglesias, no concello de A Baña, tamén está notando os efectos desta climatoloxía adversa nas súas leiras de millo.

“Aquí o millo botouse sobre o 5 de maio e a verdade é que está bastante retrasado no crecemento sobre todo nas zonas máis altas, nas que nota máís a falta de temperatura. Ademais, con tanta humidade estase enchendo de herba de novo”, recoñece.

Neste sentido, adianta que van realizar unha segunda aplicación de herbicida cando o tempo o permita. Tamén lle preocupa o lavado no nitróxeno aplicado en fondo, e que a planta necesitará sobre todo no espigado e no final do ciclo.

“Facemos unha aportación de nitróxeno na sementeira, pero seguro que se vai lavar bastante con tanta auga, polo que nalgunhas fincas vou botar N cando teña 40 ou 50 centímetros de altura e o poda aproveitar na floración”, explica.

En canto á produción, Alonso considera que “aínda é un pouco cedo para ver canto lle vai afectar á colleita, pero por agora atrasado vai”.

Odón Castro, gandeiro de Láncara: “Os ciclos estanse atrasando e iso conleva baixada de produción”

Máis cara ao interior de Galicia, no concello lugués de Láncara, o gandeiro Odón Castro tamén se queixa dos efectos destas baixas temperaturas, sobre todo no millo que sementou máis cedo, debido a varios días seguidos con temperaturas de 4 graos.

Para evitar que blanqueara aplicoulle un abono foliar que lle aportou nitróxeno, potasio e outros nutrientes e os resultados foron positivos. “O que si non lle apliquei foi o herbicida, para evitar que o millo sufrira dous tipos de estrés ao mesmo tempo: o do frio e o do herbicida. Empecei a aplicalo a semana pasada e vou continuar facéndoo segundo o permita o tempo”, afirma.

No seu caso tampouco tivo problemas de rosquilla ou de verme do arame grazas a que empregou insecticida microgranulado na sementeira. En todo caso, prevé unha baixada da produción “pois con esta parada do crecemento os ciclos longos estanse atrasando moito e imos ter que ensilar a comezos de outubro, cos riscos que iso supón de non poder entrar nas fincas polas choivas e de risco de xeadas”.

Manuel Barreiro Gigirey, axente comercial de DEKALB: “Hai que intentar agardar uns días de sol para que o millo se recupere antes de aplicar o herbicida”

Manuel Barreiro Gigirey, axente comercial de DEKALB, coincide en que o frío e a falta de luminisidade están a provocar que “o millo estea moi pálido, moi marelo porque non hai fotosíntese”.

Como recomendación, incide en que “tan pronto como volva o bo tempo, hai que deixar pasar uns 4 días de sol para que o millo se recupere e logo facer o tratamento de herbicida, a non ser que a finca estea moi infestada de herba e haxa que tratar tan pronto se poda”.

En canto á rosquilla, unha praga que este ano está a afectar especialmente en Galicia, Manuel Barreiro aconsella que “a xente vixile as fincas porque aínda que coa choiva está parada, se hai larvas cando veña o sol volverá haber ataques”. Neste sentido, incide en empregar un insecticida xunto co tratamento herbicida.

Santiago Sousa Lema, director da Área de Cultivos e Mecanización de CLUN: “Na Mariña a maioría do millo foi saíndo”

Millo na Mariña

Millo na Mariña

Santiago Sousa Lema, director da Área de Cultivos e Mecanización de Cooperativas Lácteas  Unidas (CLUN) na delegación de Ribadeo, destaca que na comarca da Mariña “a maioría do millo foi saindo e está en xeral con boa cor, pero si que nas zonas máis cara ao interior marelou un pouco co frio e se lle coindie que aplicamos o herbicida está máis parado aínda”.

En canto á eficacia dos tratamentos herbicidas de preemerxencia, asegura que foi dispar segundo as parcelas: “Nunhas funcionou ben pero hai outras que se inzaron bastante de herba e está sendo dificil controlala, polo que valoraremos se en 2 ou 3 semanas entrar a tratar cun herbicida específico”.

Por último, considera algo precipitado falar de repercusións na produción, “pois este ano a sementeira foi cedo e o millo é unha planta resistente, polo que se as cousas melloran pode recuperarse deste atraso de 15 días que levamos”.

Albert Porte Laborde: “Debemos aplicar o herbicida á tardiña”

Albert Porte-Laborde é un experto internacional no cultivo do millo, asiduo a conferencias en España. Pedímoslle que nos aclare algunhas das dúbidas que teñen os agricultores neste momento:

En que medida se vai reducir a colleita nestas condicións?
Vaise reducir, seguro. En canto? É un pouco máis complicado. Depende primeiro da densidade de planta que queda viva: con 20 % menos de plantas teremos dun 10% a un 15% menos de rendemento e se non se perderon plantas, depende do tempo que vai vir. Cun verán con calor e choiva, perderase pouco rendemento porque a planta recupera ben pero se o clima é complicado, seguro que plantas con atraso e amarelas poderán levar a perdas importantes.

Pódese lavar o nitróxeno mineral? Debemos fertilizar de novo?
Case seguro que non ! Nunca vin unha carencia de nitróxeno nos millos da zona de Galicia. Primeiro porque os chans teñen materia orgánica; segundo porque case cada campo recibe esterco ou xurro. E ademas diso sempre se pon moito abono. Se un destes 3 puntos falta, mellor engadir un pouco de nitróxeno.

Como debemos aplicar os herbicidas para que sexan efectivos?
Hai que ter coidado coas doses de tratamento (respectar as doses de utilización); aplicar o herbicida despois das grandes calores do día, mellor pola tarde antes da chegada da noite, cando as temperaturas son inferiores a 25°. Moitas veces, efectivamente, hai obrigación de tratar 2 veces con herbicida, é o caso de 100% dos agricultores franceses!!

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información