lactalis_industria_01_standar

Por que as organizacións de produtores triunfan en Francia e Alemania e fracasan en Galicia?

Un informe da Comisión Europea revela que o 60% das OPs conseguiu mellores prezos para as súas granxas socias. Bruxelas suxire unha serie de medidas para mellorar a negociación colectiva

A creación de organizacións de produtores (OPs), impulsada pola Comisión Europea a partir do 2012, marcábase como obxectivo principal mellorar a posición das granxas na negociación coas industrias lácteas. Esa meta cumpriuse alomenos no 60% das OPs creadas en Europa, que declaran ter acadado mellores prezos e máis estables. O caso galego é unha das excepcións.

As organizacións de produtores concéntranse principalmente en Francia, Italia e Alemania, país este último no que o 42% do leite se comercializa a través das OPs. A gran maioría das entidades, arredor do 60-70% asegura ter logrado tres obxectivos principais: mellorar o prezo do leite, lograr máis estabilidade e garantir a recollida de toda a produción.

O 20% das OPs recoñece non ter acadado nin unha mellora de prezo, nin maior estabilidade nin garantías de venda da súa produción

A cara contraria está nun 20% de OPs que recoñecen non ter logrado ningún deses obxectivos. É o caso galego, onde as dúas organizacións de produtores constituídas, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, e Aprolact, creada polas cooperativas, non puideron chegar ata o de agora a ningún acordo coas industrias.

Factores de éxito
Que factores explican o éxito das organizacións de produtores en países como Francia e Alemania? Un informe da Comisión Europea enumera unha serie de aspectos:

– Dimensión axeitada das organizacións de produtores. É preciso un tamaño mínimo para que as organizacións teñan un verdadeiro poder de negociación. Alemania e Francia, os Estados con máis OPs e con maior cota de negociación colectiva, contan por termo medio con 100 e 250 membros, respectivamente. A tendencia agora é a crear asociacións de organizacións de produtores.

En Francia, as organizacións teñen de media 250 membros e en Alemania 100

O informe valora que as OPs demasiado grandes corren o risco de ser ineficaces. En España, a lexislación obriga a que as organizacións de produtores xunten un mínimo de 200.000 toneladas de produción, o que leva a tamaños moi superiores ós habituais no resto de Europa. Entre as dúas OPs galegas, xuntan arredor de 4.000 gandeiros.

En calquera caso, a recente crise demostrou en Galicia que estruturas de negociación máis reducidas, como as que representan as cooperativas primeiro compradoras, tampouco foron eficaces á hora de, por exemplo, garantir a recollida de todo o leite a prezos de mercado.

– A solidariedade entre os produtores é fundamental para o funcionamento eficaz das OPs. A posibilidade de que os gandeiros eludan os acordos pechados pola organización para lograr unhas condicións máis favorables afecta ó funcionamento da negociación colectiva.

A solidariedade entre os gandeiros é fundamental para a eficacia das OPs. Se se eluden os acordos colectivos, non funcionan

Na maioría das organizacións de produtores enquisadas, o resultado da negociación colectiva é vinculante para os seus socios. Só nun 15% das entidades hai gandeiros que negocian ou entregan leite á marxe da OP.

A Comisión considera que un dos factores que pode explicar o fracaso parcial das OPs é o escepticismo das granxas sobre a posibilidade de lograr mellores condicións a través da negociación colectiva.

– En calquera caso, existindo o compromiso de venda a través da organización, os contratos poden ser asinados tanto polas OPs -a opción maioritaria, co 60%-, como polos gandeiros a título individual.

A Comisión apunta a necesidade de que as industrias valoren as vantaxes que lles ofrece a negociación colectiva

– O informe da Comisión Europea valora como clave para o éxito das OPs que haxa unha mellor valoración sobre as súas vantaxes por parte dos compradores. A Comisión entende que as OPs ofrécenlle ás industrias maior facilidade de negociación e garantías de suministro.

En España, entre as industrias téñense manifestado dúbidas sobre a validez dos acordos sobre prezos e volumes ós que puidesen chegar coas OPs, pois desconfíase de que os gandeiros incluídos nas OPs respeten eses acordos coma vinculantes.

– A axuda financieira ás OPs, supeditada a obxectivos de negociación colectiva, podería constituír un incentivo para a mellora do seu funcionamento, segundo valora o informe da Comisión Europea.

Propostas
A Comisión tamén valora medidas, ben lexisladas a nivel nacional ou comunitario, para mellorar o funcionamento das organizacións de produtores. Entre as propostas que recolle o informe, figuran as seguintes:

O informe suxire que se podería obrigar ós compradores a negociar coas OPs, e non cos membros destas, para evitar boicots á negociación colectiva

– Pensar na posibilidade de establecer a obriga de que os gandeiros que pertenzan a unha OP entreguen todo o seu leite, ou unha parte mínima, a través da organización.

Outra opción que recolle o informe é que se obrigue ós compradores a negociar coas OP, e non cos membros destas, para evitar que eludan a negociación colectiva. Esta é unha das tradicionais demandas de Ulega, a OP promovida en Galicia por Unións Agrarias.

– Dar prioridade ás OPs fronte ós produtores individuais para acceder ós réximes de axudas, ben en forma de primas, maior prioridade ou porcentaxes de cofinanciación máis elevados.

– Fixar uns criterios uniformes a nivel de toda a Unión Europea para a creación de organizacións de produtores.

Cooperativismo
A Comisión calcula que as organizacións de produtores teñen potencial para mover o 36% do leite de Europa, pois o resto xa está xestionado por cooperativas transformadoras.

Dous terzos do leite europeo son xestionados por cooperativas transformadoras. En España, a porcentaxe baixa a un terzo

En España, a situación é a inversa. As cooperativas transformadoras moven un terzo do leite e o os outros dous terzos poderían ser xestionados por OPs. A realidade, sen embargo, é que as organizacións de produtores en España só manexan o 9% da produción estatal, unha porcentaxe que no caso galego é do 0%.

Os movementos cooperativos que se rexistraron nos últimos meses no agro galego apuntan a unha maior participación das cooperativas na transformación do leite, pero a organización do resto do sector continúa en precario, sen perspectivas de melloras na negociación colectiva.