A planta de xurros de Navia reiniciará a actividade cun novo accionista maioritario

Biogastur, chamada a ser un modelo na revalorización dos xurros das granxas de vacún, levaba sen actividade desde abril debido a problemas entre os accionistas e na xestión. Finalmente chegouse a un acordo para que un importante grupo de enerxías renovables se faga coa maioría das accións da planta, mentres que a cooperativa Central Lechera Asturiana manterá a súa participación

A planta de xurros de Navia reiniciará a actividade cun novo accionista maioritario

Planta de Biogastur en Navia

Tras un tormentoso inicio de actividade, a planta de tratamento de xurros gandeiros de Navia (Asturias), está previsto que reinicie a súa actividade a finais deste ano grazas á entrada no accionariado dunha importante empresa do sector do biogás, que está en proceso de compra da maioría das accións e cuxa identidade non trascendeu de momento.

Fontes do Consello de Administración de Biogastur, que é como se chama a planta de tratamento de xurros de Navia, confirmaron a Campo Galego que a nova empresa accionista, con experiencia no sector do biogás, adquirá a maior parte das accións, que até agora estaban principalmente en mans do até agora director, Marcos Quevedo Balboa, e do presidente, Antonio Pérez de Guzmán Cavero de Carondelet. O outro socio destacado, Central Leiteira Asturiana (CLAS) está previsto que tamén amplíe a súa participación accionarial, situada agora no 25%.

Biogastur, que supuxo un investimento de 12 millóns de euros, presentouse no seu momento como a planta máis moderna de España para o tratamento dos xurros gandeiros, pero desde os seus comezos estivo rodeada de polémica.

Concibiuse como unha solución para o problema de falta de base territorial para xestionar correctamente os xurros dalgunhas gandarías de vacún de leite do occidente de Asturias e da Mariña. A planta comezou a traballar en probas a finais de 2017, cunha capacidade para tratar ao ano até 400.000 toneladas de xurro de gando vacún, do que extraer biogás que queimar para producir até 30 xigavatios de electricidade. A venda desta electricidade, xunto coa comercialización da parte sólida e o canon que se cobraba aos gandeiros por tratar o xurro debían asegurar a súa viabilidade económica. En concreto, as ao redor de 250 gandarías que chegaron a fornecer xurro a Biogastur tiñan que pagar 1,5 euros por tonelada de xurro, para as que participaron no proxecto desde os seus inicios, 2,5 euros para as que se uniron máis tarde, mentres que as gandarías que se atopasen a máis de 40 quilómetros da planta debían levar o xurro polos seus propios medios ou pagar o transporte que ofrecía a empresa, co que lles saía a entre 4 e 6 euros a tonelada.

Desacordos entre CLAS e o resto de accionistas

Porén, os problemas acumuláronse desde un inicio: atrasos na posta en marcha da planta, queixas dos veciños polos malos cheiros ou supostas dificultades para compartir o emisario submarino con ENCE-Navia, polo que se enviaba ao mar a parte líquida do xurro biodegradado, previa depuración.

“Sen embargo, o problema de fondo foi a mala xestión da empresa por parte da directiva: atrasos na execución das obras, falta dun plan de negocio serio e unhas previsións de ingresos que nunca chegaron a cumprirse, por exemplo na venda do abono sólido, que por problemas administrativos, non chegou a comercializarse”, aseguran fontes do Consello de Administración.

A crise interna levou a que en abril deste ano os representantes de Central Leiteira Asturiana abandonasen o Consello de Administración por desacordos coa directiva de Biogastur, que requiría dos accionistas que inxectasen máis diñeiro na planta para cubrir a falta de liquidez.

De feito, desde o mes de xullo os 20 operarios da planta de biogás non cobran os seus salarios e a recollida de xurro parouse desde o mes de maio, rexistrándose soamente a entrada imprescindible para manter vivas as bacterias dos biodixestores.

Previsión de reapertura a finais de ano cun novo accionista maioritario e unha nova directiva

“Non obstante, a situación parece que se vai resolver grazas á entrada no accionariado dunha importante empresa do sector do biogás, que lle compraría a parte da familia Cavero e a de Marcos Quevedo Balboa. A súa intención é comercializar biogás, non electricidade. Nestes momentos están en fase de auditorías para avaliar a situación de Biogastur, e a operación debería asinarse a finais deste mes de outubro, polo que se todo vai ben podería volver estar en funcionamento a finais de ano”, sinalan fontes próximas á operación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información