Pautas para lograr unha mellor recría en vacún de leite (I)

Resumo do relatorio de Carolina Tejero, asesora independente e veterinaria durante varios anos no Rancho Las Nieves, durante as XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.

Pautas para lograr unha mellor recría en vacún de leite (I)

Becerras para a recría.

Os dous primeiros meses de vida supoñen un período crave no desenvolvemento das becerras e tamén para a capacidade produtiva e a saúde das futuras vacas. Trátase tamén dun momento crítico, non só porque é nesta fase cando máis tenreiras enfermas se detectan nas granxas, senón porque dependendo do manexo e da alimentación poderase reducir notablemente a idade ao primeiro parto, e por tanto lograr unha maior rendibilidade.

Existe unha importante marxe de mellora na recría

Hai que ter en conta que a recría é o segundo capítulo en gasto dunha granxa de vacún de leite -supón entre o 15 e o 20% dos custos totais- e é quizais tamén a área con maior marxe de mellora nas gandarías de vacún de leite. Sirva como exemplo que, un estudo de 2009 concluíu que o 23% das xatas nadas vivas non chegaban a parir, e outro estudo realizado en España en 2011 observou que das xovencas que alcanzaban o primeiro parto, o 17% non chega a lograr a segunda lactación.

Neste sentido, a Carolina Tejero, asesora independente e veterinaria durante varios anos no Rancho Las Nieves, o maior de España, expuxo nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro as “Claves para lograr unha mellor recría”.

Carolina Tejero centrouse nas pautas para mellorar os resultados na recría, e que se refiren principalmente a cuestións de manexo e de instalacións:

1) Manexo do preparto: evitar vacas gordas e evitar a sobrepoboación e a falta de limpeza nos patios de secas

Evitar o aumento ou a diminución da condición corporal da vaca antes do parto. A sobrealimentación durante o período seco pode aumentar a probabilidade de dificultade de parto, debido a unha maior deposición de graxa ao redor da canle de parto.

Ademais, as vacas gordas poden parir tenreiros máis grandes e terán, por tanto, maiores dificultades de parto. Recoméndase tamén evitar a sobrepoboación no curral de secas. En concreto aconséllase non pasar do 80% de ocupación para reducir o estrés e asegurar a inxesta.

Finalmente, é recomendable facer unha especial énfase na limpeza e desinfección das instalacións entre partos, con protocolos establecidos de como e cando realizar a limpeza e valorar de forma periódica o nivel de limpeza dos animais nestes patios.

2) Parto:

A porcentaxe de mortinatos (becerros que morren durante as primeiras 24 horas) aumentou nos últimos anos. As tenreiras nadas de partos distócicos teñen unhas 6,7 veces máis de mortalidade, un 1,7 máis de ser tratadas por neumonía e un 1,3 máis de probabilidade de seren tratadas por diarrea que as xatas que naceron en partos eutócicos.

Ademais, nas tenreiras que naceron en partos con complicacións está estudado que se reduce a inxesta de costro nas primeiras 12 horas ata nun 74%.

Por todo iso, recoméndase facer un adecuado manexo do preparto e do parto para diminuír a porcentaxe de distocias e de mortinatos.

3) Sacar á becerra canto antes do patio de partos:

Aconséllase sacar á tenreira do patio de partos en menos de 4 horas, para evitar que se contamine dos microorganismos ambientais a través do embigo, a boca ou o nariz. Observouse que en caso de contaminación ambiental e de crecemento de microbios no intestino das tenreiras recén nadas, as becerras terán menor capacidade para absorber as inmunoglobulinas do costro.

Por tanto, é necesario colocar canto antes ás tenreiras recén nadas nun ambiente limpo e seco, con cama limpa e abundante para que estean cómodas e quentes, con espazo suficiente para moverse e cunha ventilación axeitada.

4) Secar e quentar á tenreira:

Tras o parto a temperatura do recén nado diminúe paulatinamente durante varias horas, polo que é importante, sobre todo, cando a temperatura ambiental está por baixo da zona termoneutra (por baixo de 15 graos para becerras de menos de 21 días de vida) secar e quentar ás tenreiras.

5) Desinfectar o cordón umbilical:

O embigo pode ser unha vía de entrada rápida e accesible ao torrente circulatorio para os microorganismos que se atopan no ambiente. Por iso, aconséllase desinfectar o embigo canto antes, mediante a inmersión do cordón umbilical nunha solución iodada ao 7% ou clorhexidina ao 5%.

En granxas que non desinfectan de forma rutineira observouse que a frecuencia de infección no embigo varía do 20 ao 28%, pero nas que si desinfectan de forma protocolaria a incidencia redúcese a entre un 5 e un 14%.

Ademais, observouse que existe unha relación entre a infección do embigo e un maior risco de padecer pneumonía.

6) Pesar ao tenreiro recén nado:

O obxectivo será calcular de forma máis precisa a ganancia media diaria de peso ata o destete.

7) Administración do costro:

Para valorar se as granxas están a realizar un correcto encostrado, pódese sacar sangue das tenreiras de entre 2 e 7 días de vida e medir o nivel de proteínas totais en soro. Como mínimo, o 80% dos animais analizados teñen que ter un valor igual ou superior a 5,5 g/dl ou a 8,4% Brix para un bo encostrado.

A transferencia das inmunoglobulinas depende principalmente da calidade, da cantidade e das horas de administración do costro, e tamén da capacidade de absorción destas inmunoglobulinas por parte da becerra.

Débese avaliar o tipo de costro utilizado, a orixe, as horas ao muxido, as horas a primeira toma, os litros da primeira toma, os litros en 24 horas, a calidade, as bacterias totais, a desinfección de cubos, tetinas e biberóns, o banco de costro, o desconxelado do mesmo e a calidade tras a desconxelación.

 Aconséllase pasteurizar o costro a 60 graos durante entre 30 e 60 minutos

Neste sentido, unha das causas máis comúns do fracaso do encostrado débese á contaminación do costro. Unha posible solución é a súa pasteurización a 60 graos durante entre 30 e 60 minutos. Observouse que a esa temperatura prodúcense menos cambios de viscosidade e apenas se destrúen inmunoglobulinas, pero si se destrúen gran parte das bacterias patóxenas que poden conter o costro e que diminúen a capacidade de absorción intestinal das inmunoglobulinas por parte da becerra.

Se se utiliza costro pasteurizado, recoméndase utilizar sempre costro de alta calidade, cunha concentración de inmunoglobulina G en soro maior a 60 mg/ml.

Tamén se aconsella recoller o costro de forma hixiénica e administralo rapidamente. Débese tamén monitorar o funcionamento da pasteurizadora e a proteína sérica, así como a morbilidade e a mortalidade das xatas.

8) Administración do leite de transición

Aproximadamente a metade dos anticorpos totais que unha vaca produce para a súa descendencia apórtanse no leite do segundo e do terceiro día, ademais da súa maior porcentaxe de graxa, proteína e outros compoñentes, como hormonas e factores de crecemento. Estes anticorpos xa non poden ser absorbidos e penetrar no torrente sanguíneo da tenreira, pero exercen unha función protectora a nivel intestinal que pode permanecer ata 5 días despois da alimentación.

Por tanto, é beneficioso para a becerra continuar co consumo deste leite de transición durante o segundo, terceiro e cuarto días. Desta forma evítase a entrada de microorganismos patóxenos a través das paredes intestinais aínda inmaturas.

Do mesmo xeito que o costro, este leite de transición debe ser manipulado e almacenado de forma hixiénica.

9) Non restrinxir a alimentación durante os primeiros días de vida:

Está moi estendida a restrición da alimentación durante as primeiras semanas de vida, coa crenza de que así se diminuirá a incidencia de diarreas. Con todo, ao restrinxir a cantidade de leite, o que sucede é que as becerras non teñen a enerxía necesaria para medrar nin facer fronte a unha posible infección.

Ademais, se se lles restrinxe o leite, as tenreiras consumirán as súas reservas enerxéticas para poder facer fronte a unha infección e perderán peso.

As diarreas non se deben á cantidade de leite fornecido

Neste sentido, un estudo comprobou que as tenreiras poden consumir grandes cantidades de leite durante os primeiros días con efectos positivos sobre o crecemento e sobre a saúde. En concreto, analizouse o consumo de leite en tenreiras de 0 a 28 días e observouse que as becerras teñen consumos moi diferentes entre os 0 e os 4 días de vida, cunha media de 6,7 litros ao día. Ademais, nas xatas sen enfermidade o consumo de leite ao día 4 relacionábase con maiores ganancias de peso diarias posteriores ata o día 28.

De feito, moitas veces os problemas de diarreas nas primeiras semanas de vida débense en realidade a un mal encostrado, á utilización dun lacto-reemplazante de mala calidade, a unha preparación incorrecta do mesmo, a unha hixiene inadecuada do material utilizado para a alimentación ou ao aloxamento no que se atopan as tenreiras, e non á cantidade de leite fornecido.

No seguinte artigo explicaranse as medidas para previr as diarreas e as pneumonías en tenreiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información