Os prezos do leite baixaron en case toda a UE desde o remate das cotas

Segundo o Observatorio Europeo do Mercado do Leite a situación de caída de prezos repítese no resto do mundo. Caen as exportacións dos países da UE de queixos e de leite en po enteiro.

Os prezos do leite baixaron en case toda a UE desde o remate das cotas

Concentración en protesta polos baixos prezos do leite.

No primeiro semestre de 2015 caeron os prezos do leite en todos os estados membros da Unión Europea, unha situación que se repite no resto do mundo, segundo se desprende do último informe do Observatorio Europeo do Mercado do Leite. O embargo de Rusia, primeiro importador de produtos lácteos da UE e descenso das exportacións a China, cun incremento do consumo mundial menor do agardado, están a tirar á baixa de forma conxuntural co prezo do leite.

A caída de prezos comezou en abril de 2014 e agudizouse ao longo do pasado ano, ralentizándose no primeiro semestre de 2015. Deste xeito, no mes de xuño deste ano o prezo medio do kilo de leite na UE situouse nos 30 céntimos, 7 menos que no mesmo mes de hai un ano. En España, a caída de prezos tamén foi acusada, pasando dos 35 céntimos por kilo de leite de xuño de 2014 aos 29 céntimos deste ano.

Só en 5 países subiu o prezo do leite dende a supresión das cotas

Outro dato interesante é o de Francia, que foi dos poucos estados da UE nos que subiu o prezo do leite nos dous primeiros meses de supresión das cotas, pasando dunha media de 29,83 céntimos por kilo no mes de abril a 31,20 en xuño.

Contodo, os produtores de leite franceses tamén están a vivir momentos difíciles, cunha caida interanual tamén moi acusada: dende os 0,41 céntimos por libro que cobraban en maio de 2014 aos 0,31 no mes de xuño, e cunha perspectiva de prezos á baixa.  A situación de crise que viven os gandeiros galos levou tamén a semana pasada á demisión do presidente da Interprofesional Láctea Francesa (CNIEL), Thierry Roquefeuil, acusando á industria transformadora de “permanecer xordos e mudos ante unha conxuntura fortemente negativa para os produtores lácteos”.

Xunto a Francia tamén subiu o prezo do leite dende abril en Suecia, Estonia, Grecia e Croacia, países cunha produción láctea reducida dentro do conxunto da UE.

Na seguinte gráfica pódese comprobar evolución dos prezos do leite na UE dende o pasado ano:

PREZOS_LEITE_UE_1_SEMESTRE_2015

Baixan as exportacións de produtos lácteos a China

O mal comportamento dos prezos do leite correspóndese cunha caída de prezos dos derivados lácteos e cunha redución das exportacións nos últimos meses. China, o principal mercado da UE, está detrás desta situación.

En concreto, as exportacións de leite en po enteiro ao xigante asiático entre xaneiro e maio deste ano caeron un 54% respecto ao mesmo período de 2014, pasando de 486.931 toneladas a 233.135, un diferencial que non se conseguiu colocar noutros países e que se ve agravado polo veto ruso.

Nas cifras globais, as exportacións de leite enteira en po da UE durante o primeiro semestre de 2015 caeron un 7%, pasando de 656.250 toneladas no mesmo período de 2014 a 609.715. Tamén baixaron un 12% as exportacións de queixo: de 318.569 toneladas a 280.982. Pola contra, aumentaron as de leite en po desnatado de 272.581 toneladas a 304.060, ao igual que as de manteiga, que medraron un 11% entre xaneiro e maio deste ano respecto ao mesmo período de 2014. 73.957 toneladas fronte a 66.868.

Aumentan as solicitudes de almacenamento privado de produtos lácteos na UE

O descenso das exportacións e a caída conxuntural das cotizacións dos produtos lácteos levaron a que se disparasen as demandas de almacenamento privado.

Así, segundo o Observatorio Europeo do Mercado do Leite, as cantidades ofrecidas para almacenamento privado de manteiga na UE pasaron de arredor de 20.000 toneladas no mes de xaneiro a máis de 80.000 en maio e a 104.598 a día 6 de xullo. Deste total, só 1.410 toneladas corresponden a España e a gran maioría, 42.075 toneladas, a Holanda

En canto ao almacenamento de leite en po, a día 12 de xullo as cantidades ofrecidas para almacenamento privado na UE ascendían a 37.533 toneladas, das que 7.309 corresponden a España e máis de 15.000 toneladas a Alemaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información