O sector lácteo ultima novas mobilizacións, de carácter conxunto

O sector lácteo ultima novas mobilizacións, de carácter conxunto

Imaxe de arquivo dunha anterior protesta do sector lácteo.

A situación que atravesan as explotacións lácteas nos últimos días de campaña, con varios frontes abertos e todos por resolver, encamiña ás organizacións do sector a un novo periodo de mobilizacións. Días atrás foi a Organización de Productores de Leche (OPL) a que anunciou varios actos reivindicativos e nos próximos días espérase o anuncio de máis accións de protesta, esta vez de carácter conxunto, a cargo de organizacións agrarias e cooperativas. Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Xóvenes Agricultores e cooperativas conversan estes días sobre a estratexia a adoptar.

“Hai unha necesidade absoluta de mobilizacións”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba. “Estamos nunha situación de baixos prezos e as industrias están ofrecendo contratos a partir de abril con pagos que non cubren os custos de produción. A maiores, hai ameazas das industrias de que deixarán de recoller o leite de pequenos produtores ou de zonas que non lles interesa” -explica Vilalba-. Solicitamos da Xunta hai varias semanas a convocatoria da Mesa do Leite, que é un foro que aglutina a industrias, Administración e organizacións agrarias, para tratar esta situación, pero non houbo tal convocatoria”, lamenta.

En similares argumentos exténdese o responsable de Gandaría de leite de Unións Agrarias, Javier Iglesias, quen destaca a inviabilidade actual de chegar a acordos coas industrias. Unións Agrarias xestiona Ulega, a maior organización de produtores de Galicia, que ten capacidade teórica para negociar contratos e prezos coas industrias, aínda que na práctica, polo de agora non deu chegado a acordos.

“O problema está en que temos un alimento perecedoiro, que é o leite, que se non o entregamos temos que tiralo; e as industrias xogan con esa situación. Non somos capaces de chegar a acordos e a Administración tampouco nos dá instrumentos de apoio a esas negociacións”, valora Iglesias en alusión á reforma do paquete lácteo, insuficiente ó entender de Ulega.

A convocatoria de mobilizacións por parte da OPL colleu ás organizacións agrarias en conversas para chegar a un acordo de mobilizacións conxuntas. Tanto Unións como o Sindicato Labrego aseguran ter falado coa OPL, que finalmente optou por facer unha convocatoria de mobilizacións independente, cunha manifestación o 24 de marzo en Santiago e cunha folga de entregas de leite que se iniciará o día 30.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información