“O reto agora é colocar a gran cantidade de leite que produce Galicia”

Xosé Turnes, presidente de Terra e Leite, analiza nesta entrevista a que, o seu xuízo, é a gran debilidade do sector lácteo galego ante o fin das cotas, a falta de estrutura industrial

“O reto agora é colocar a gran cantidade de leite que produce Galicia”

Xosé Turnes, presidente da asociación Terra e Leite.

O fin das cotas remata cos límites á produción de leite na UE e ábrese agora un escenario de incertezas onde está por ver que rexións europeas medran en produción, onde colocan ese leite e que impacto teñen eses movementos en Galicia. Falamos sobre os retos ós que se enfronta o sector lácteo galego co presidente da asociación Terra e Leite, Xosé Turnes, quen fora directivo de Leyma a finais do século pasado. Turnes bota en falta o pouco peso político do sector e advirte da debilidade da estrutura industrial galega. “Coa situación que temos, sería precisa de novo unha gran resposta social como a que houbera en Galicia cando se negociara a implantación do sistema de cotas”, compara.

O periodo sen cotas lácteas que se abre en Europa, ¿hai que velo como unha oportunidade para o sector lácteo galego ou como un problema?
O escenario moi optimista non é, pero temos un certo percorrido posiblemente en escenarios peores. Eu valoro como positivo o que se conseguiu ata o de agora, principalmente porque chegamos a ter un sector produtor importante, pero quedan moitas eivas. Para min, a gran debilidade que ten o sector é a estrutura industrial. O problema é como se coloca a gran cantidade de leite que produce Galicia –dous mil millóns e medio de litros ó ano-, nos produtos que se consumen, que son leite líquida, queixo de alta rotación e produtos para regular os excedentes estacionais, como leite en po. Ese é o noso gran problema.

“Que en Europa vendan os seus excedentes en España é unha situación corrente de mercado. Temos que espabilar”

España produce só en torno a dúas terceiras partes dos produtos lácteos que consume. ¿Cre que co fin das cotas pódese recuperar parte dese mercado para a produción estatal?
España é deficitaria, sabémolo todos, pero é deficitaria en produtos que non vai fabricar España, porque por exemplo, o consumidor que merca queixos franceses vai seguir con ese queixo. A gran ameaza sería perder aínda máis mercado interior porque se en Europa se aumenta a produción de leite, como parece, antes de levar o leite a Asia non vaia ser que o veñan vender no mercado español, xa que posiblemente lles sexa máis rendible vendelo en brik en España ou exportar queixos a España que vendelo en po en China. Estes serían movementos de mercado correntes. Non podemos protestar por iso nin pensar en conspiracións. O que temos é que espabilar e defender o noso mercado. Primeiro temos que ser líderes en España, aínda que sexa en leite líquido, antes de pensar en exportar.

En Galicia, o sector industrial destaca na venda de leite líquido. ¿Está de acordo en que a innovación cara produtos de maior valor engadido é outra liña de traballo prioritaria?
Xa nos gustaría ter industrias que puidesen vender productos como fai Danone ou Nestlé, pero desenvolver un proxecto así é algo que leva moito tempo. Agora o escenario que temos é outro. As industrias que operan en Galicia dan síntomas de agotamento ou de retroceso; o sector industrial está descapitalizado e o grupo que podería lideralo, o francés Lactalis, con capacidade de produción e de acceso a mercados, dá a impresión de que está agardando acontecementos para seguir ocupando espazos, como fixo recentemente coa compra de Puleva. O I+D está moi ben, pero agora, repito, o gran problema que temos é a colocación do leite. Os gandeiros ata agora fixeron o seu traballo bastante ben, pero nunca se lles ocurriu que o seu problema podía estar en que facer co leite. E esta é a situación que temos agora.

“Os gandeiros fixeron ben o seu traballo, pero nunca se lles ocurriu que o seu problema estaría en que facer co leite”

A integración a nivel estatal das cooperativas con transformación industrial do leite, ¿é unha posibilidade que melloraría o escenario?
Eu procedo do mundo lácteo cooperativo e xa me gustaría que fosen mellor as cousas, pero creo que xa nos pasou o sol pola porta. En Galicia o proxecto dun grupo lácteo galego leva acumulado fracaso tras fracaso. O problema está en ser capaces de xenerar recursos, en definitiva, de gañar diñeiro para reinvestilo no sector e darlle saída ó leite. Qué cooperativa pode liderar un proxecto industrial en España? Temos catro cooperativas, Covap (Andalucía), orientada a producir marca branca para Mercadona; Iparlat, no País Vasco, que move un volume de leite limitado; Feiraco, unha cooperativa importante pero pequena no conxunto do sector, e Central Lechera Asturiana, que podería liderar o sector pero que está estancada e con problemas internos.

“Penso que o camiño pasa por defender o mercado peninsular e por mirar á exportación en base a torres de leite en po”

Ante este panorama, ¿que camiños cre que se poderían seguir no ámbito industrial?
Non se ven movementos das industrias. Os camiños poden ser moitos. Pode ser que non haxa fusións, pero si que dúas industrias se poñan de acordo para defender o mercado peninsular e que traballen en conxunto para exportar produtos fóra con infraestruturas como torres de leite en po. Serían decisións estratéxicas de grandes empresas, pero non se ven eses movementos. A nivel cooperativo, por exemplo, Central Lechera Asturiana e a portuguesa Lactogal, propietaria de Leche Celta, son as dúas cooperativas fortes da península. Que se fusionen é complicado, pero si que se bota en falta un acordo estratéxico entre as dúas para ser capaces de poñer un mínimo de regras de xogo. Hai que tomar decisións e hai que facelo xa. As Administracións non poden mirar para outro lado.

“Para que a industria lle diga ó gandeiro a canto lle paga o leite, debe saber a canto llo venderá á distribución”

O fin das cotas chega tamén marcado pola tensión entre industrias e gandeiros. ¿Tan difícil é que as industrias se senten a negociar contratos, prezos e volumes de recollida cos gandeiros?
Eu penso que hai dous principios básicos. Primeiro, o gandeiro non pode estar vendendo sen ter idea de a canto lle van pagar o leite, hai que rachar con iso. E segundo, para que a industria lle poida dicir ó gandeiro a canto lle paga o leite, ten que ter unha expectativa de a canto llo vai vender á distribución. Se non sabe como vai vender ese leite, dámoslle a volta a tortilla e poñemos á industria entre a espada e a parede. Aquí houbo unha multa de Competencia ás industrias lácteas, que estaban acusadas de pactar prezos, pero no supermercado pódese vender o leite a 50 céntimos sen facer trampas? Non hai que ser especialistas no sector para saber que non.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información