O proceso de integración cooperativa xera interese no Deza

Cobideza e O Rodo, que xa participan en Acolact (Clesa), están á expectativa dos movementos iniciados por Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas para impulsar unha gran cooperativa láctea de segundo grao

O proceso de integración cooperativa xera interese no Deza

Sede central da cooperativa Cobideza

Os pasos iniciados para impulsar un proceso de integración coooperativa a nivel galego están a xerar interese no Deza, unha das comarcas fortes a nivel gandeiro e de gran tradición asociativa. Dúas das súas principais cooperativas, Cobideza e O Rodo, xa participan en Acolact (Clesa), e agora están á expectativa dos movementos iniciados por Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas para crear unha gran cooperativa láctea de segundo grao.

“Todo proceso encamiñado a abaratar custos é de valorar. Non podemos facer oídos xordos”, considera o presidente de Cobideza, Román Santalla, que onte mantivo unha comida de traballo co alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, na que abordou, entre outras cuestións, o interese dunha integración a nivel galego para as cooperativas da comarca.

“En Xuncoga non podemos permanecer alleos a este proceso de integración” (Román Santalla, Cobideza)

Lalín conta con 6 cooperativas gandeiras (Cobideza, Aprodeza, Campodeza, Valle del Deza, cooperativa de Botos e Gandeiros do Deza) e cinco delas participan a súa vez na cooperativa de segundo grao Xuncoga, constituída hai máis de 15 anos para agrupar ó cooperativismo do Deza. Xuncoga, na que actualmente participan sete cooperativas, xestiona unha planta de penso e tamén ofrece servizos conxuntos para todos os socios, se ben o proxecto non chegou a cumprir coas expectativas iniciais.

O proceso de integración que se está a abrir a nivel galego analízase como unha oportunidade a valorar na comarca. “Nin Cobideza nin Xuncoga podemos quedar alleas a este proceso”, analiza Santalla. Similar idea expresa José Luis Camiñas, presidente de O Rodo (Rodeiro), unha das principais cooperativas do Deza, tamén integrada en Xuncoga: “Tanto Cobideza coma O Rodo xa participamos en Acolact (Clesa) con tres das cooperativas que impulsan o proceso (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), así que estamos atentos ó proceso que se abre”, recoñece.

“A integración coooperativa a nivel galego é positiva e sen dúbida estamos abertos a valorar posibilidades” (José Luis Camiñas, O Rodo)

Os presidentes de Cobideza e do Rodo inciden no interese dunha integración para abaratar custos e gañar en servizos. “Desde a nosa perspectiva, o cooperativismo ten un interese social de respaldar ós socios, sobre todo nunha crise como a que estivemos a vivir”, salienta Santalla.

A oportunidade dunha integración cooperativa a nivel galego contémplase no Deza como unha continuidade natural da liña de traballo das cooperativas. “Temos feita unha integración comarcal, como é Xuncoga, e a nivel do Deza son habituais as colaboracións. Compartimos servizos e temos acordos entre cooperativas” -repasa Camiñas- “Tanto O Rodo como outras cooperativas participamos ademais xa da cooperativa de segundo grao Delagro, coa que abaratamos a compra de suministros, e sen dúbida que este novo proceso que se abre agora é interesante e positivo”, valora o presidente do Rodo.

Valoracións positivas ó anuncio de Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas

As reaccións á presentación do proxecto conxunto de Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas son unánimes. Todas as voces do sector agrario que se pronunciaron coinciden en felicitar ás catro cooperativas e en desexar que as respectivas asembleas de socios ratifiquen o proceso. Así se valorou tanto por parte da Consellería do Medio Rural como polas organizacións agrarias.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que onte mantivo unha reunión coa conselleira, considera que a unión das cooperativas constitúe un “paso adiante que deberá redundar en beneficios para os socios, como o abaratamento dos pensos”, sinalou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información