O presidente de Cusoviame asegura que “estudaremos a integración en Clun ou en Aira”

O presidente de Cusoviame asegura que “estudaremos a integración en Clun ou en Aira”

Instalacións de Cusoviame

A cooperativa Cusoviame, que agrupa a uns 200 socios activos dos concellos coruñeses de Curtis, Aranga, Monfero ou Sobrado dos Monxes, sopesa integrarse ou colaborar nos proxectos de Clun ou de Aira.

Así o recoñece o presidente da cooperativa, Alberto Rivera García, en declaracións a Campo Galego. “Temos unha pequena participación en Clesa e temos claro que para ofrecer máis servizos aos nosos socios hai que sumar forza con outras cooperativas. Non estamos nin en Clun nin en Aira pero seguramente no futuro, no momento oportuno, nos plantearemos integrarnos ou colaborar con algunha das dúas”, subliña. Engade que non se marcan prazos e que “as oportunidades de colaborar irán xurdindo”.

Cusoviame facturou en 2017 uns 15 millóns de euros

Cusoviame facturou o pasado 2017 arredor de 15 millóns de euros e é unha das cooperativas máis importantes da provincia da Coruña. As ganderías socias, sobre todo de vacún de leite, pertencen aos concellos de Curtis, Aranga, Oza dos Ríos, Guitiriz, Sobrado, Irixoa, Monfero, e mesmo algunhas de Mesía.

Prestan aos socios servizos veterinarios, alimentación do gando, ferretería….etc. Ofrecen tamén servizo de carro, arado, xurro e servizos de substitucións (3 persoas que demandan de momento unhas 25 granxas), ademais de contar coa súa propia tenda agraria.

“A natureza da cooperativa é facilitarlles o traballo aos socios. Debe supor aforro de tempo e de preocupacións para que os socios para que se centren no traballo na granxa cos animais”, salienta Alberto Rivera, que foi reelixido presidente Cusoviame dende hai 8 anos.

O cadro de persoal desta cooperativa está composto por 25 traballadores directos e conta cun parque maquinaria de 5 carros, 2 tractores, 2 cisternas, 1 arado de 6 palas, 3 máquinas de sementar herba, aboadora, encaladora 1 sementadora de millo. “Seguramente este ano faremos un investimento nunha sulfatadora”, asegura o presidente. Tamén teñen previsto este ano construír un novo almacén, entre outras melloras.

O obxectivo co que traballan é “dar cada vez máis servizos aos socios, de forma máis eficiente e para granxas cada vez máis profesionais”, subliña Alberto Rivera.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información