“O leite producido en Galicia teno complicado para ser de mala calidade”

Entrevista a Patricia Regal López, unha das maiores especialistas en Galicia en seguridade dos alimentos de orixe animal, fundamentalmente leite de vacún. Destaca que “a boa alimentación, selección xenética, a hixiene e o bo trato aos animais son as claves para unha boa calidade do leite”.

“O leite producido en Galicia teno complicado para ser de mala calidade”

Patricia Regal visitando unha gandería

Patricia Regal López é unha das maiores especialistas en Galicia en seguridade dos alimentos de orixe animal, fundamentalmente leite de vacún, así como na presenza de residuos veterinarios e hormonas naturais e sintéticas no mesmo.

Licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, incorporouse ao Laboratorio de Hixiene e Inspección de Alimentos da Facultade de Veterinaria de Lugo para elaborar a súa tese. Esta centrouse no deseño de ferramentas analíticas para o control do uso de hormonas anabolizantes no gando vacún e o estudio  das consecuencias que estes tratamentos poden ter sobre a saúde humana. Actualmente é investigadora e profesora interina na facultade de Veterinaria, no mesmo grupo de investigación do Laboratorio de Hixiene e Inspección de Alimentos, coordinado por Alberto Cepeda Sáez

O teu traballo de investigación centrouse principalmente na analítica de residuos no leite. A nivel xeral, ¿de que calidade podemos falar do leite galego neste aspecto?
O leite producido en Galicia ten complicado ser de mala calidade, xa que temos a sorte de contar con forraxes, en xeral, de excelente calidade. Creo que o gran potencial dos campos e montes galegos como medio para lograr un produto gandeiro de calidade é coñecido por todos. En canto á presenza de residuos no leite, o meu traballo centrouse principalmente na presenza de fármacos de uso fraudulento, os coñecidos como promotores do crecemento, e neste aspecto podo destacar que o leite co que me atopei en Galicia foi sempre de calidade.

É certo que pode darse o caso de leite con residuos de fármacos veterinarios, pero esa contaminación normalmente é debida a un uso legal e controlado por un veterinario. Xa que cada animal é diferente, e polo tanto o seu metabolismo, hai ocasións en que os períodos de supresión marcados polo fabricante non son suficientes para eliminar o fármaco por completo. Sen embargo, isto non significa que o leite sexa de mala calidade.

Tamén pode darse o caso de aparecer no leite contaminantes de orixe medioambiental, tipo herbicidas ou toxinas, pero neste caso non pode considerarse un residuo propiamente dito, nin se trata de algo exclusivo da produción láctea.

Falando da presenza de substancias de orixe veterinaria no leite, ¿Cales son os límites e que recomendacións lles darías a gandeiros e veterinarios para reducir a súa presenza?
Actualmente a lexislación europea de aplicación é o Regulamento da Comisión 37/2010, onde aparecen citados os límites máximos de residuos en produtos de orixe animal, como o leite, e son os que ten que aplicar a industria láctea.

“O bo manexo, hixiene e bo trato aos animais redunda en menos fármacos veterinarios”

A miña recomendación principal para os gandeiros é que dediquen moito tempo e esforzo ó manexo e á hixiene e ó bo trato dos seus animais, xa que isto significará unha menor necesidade de emprego de fármacos veterinarios.

De forma secundaria, pero tamén importante, o gandeiro debe cumprir sempre coas pautas en canto a dose e tempo de supresión que lle recomende o seu veterinario de confianza. Por outro lado, as orientacións neste sentido que eu lle podo dar a un veterinario son poucas. Trátase dun colectivo profesional que sae con unha moi boa formación da facultade, e a experiencia acostuma proporcionarnos o resto. Talvez o que si lles podo recomendar é que calculen moi ben as doses que administran e insistan moito ó gandeiro nas correctas pautas de tratamentos e supresión, ao igual que nas de alimentación, manexo e hixiene, xa que en ocasións non recalcamos as cousas o suficiente.

En canto á hixiene ¿Queda aínda camiño por percorrer para reducir a presenza de residuos no leite?
Creo que a hixiene nas explotacións galegas, salvo excepcións, é un dos seus puntos fortes. Os gandeiros saben que repercute moito na calidade do leite que producen e por iso hai pouco que dicirlles, eles mesmos se encargan de mellorar a diario. A presenza de residuos veterinarios ven dada por outros factores, bastante independentes de temas de hixiene. Se ben é certo que unha hixiene exhaustiva evita en gran medida o uso de certos fármacos veterinarios como os antibióticos, non é o factor determinante.

Pola contra, o leite tamén contén numerosas substancias de orixe do propio animal, que non sempre teñen que ver coa hixiene ¿Se a súa orixe é natural do propio animal, por qué se inclúen no Reconto de Células Somáticas? ¿Son beneficiosas para a saúde humana?
É certo que as células somáticas están naturalmente presentes no leite e son necesarias, xa que a maioría se encargan de protexer a glándula mamaria das enfermidades infecciosas. Sen embargo, un reconto anormalmente alto destas células na maioría dos casos significa que a mama sofre de mastite ou inflamación. Disto deducimos que, aínda que non directamente, as células somáticas si que teñen relación coa hixiene.

“A boa hixiene é un dos puntos fortes das ganderías galegas”

É evidente que consumir leite procedente dun animal enfermo, aínda que sexa subclinicamente, non é o que ningún dos consumidores queremos. Tamén é certo que un reconto alto non beneficia á industria láctea, xa que se modifica a composición do leite e a cantidade producida, e inflúe decisivamente no seu procesado posterior. Os produtos obtidos de leite con recontos altos non teñen a calidade nin a estabilidade esperable. Todo isto, entre outras cousas, fai que as células somáticas sexan un parámetro clave na aceptabilidade do leite.

¿Que papel xoga o manexo ou a alimentación na presenza deste tipo de substancias no leite?
O manexo é clave en case todo o relacionado co leite e a súa composición. Un animal ben manexado e ben alimentado producirá leite en abundancia e de boa calidade, terá unha glándula mamaria en boas condicións e sufrirá menos enfermidades. Volvendo ao caso das células somáticas, quero recalcar a predisposición xenética que teñen algunhas vacas para producir un reconto máis alto que a media. Aquí gaña importancia a selección xenética de liñas con recontos baixos. Pero tamén é evidente que os coidados e manipulacións da vaca en lactación xogan un papel especialmente importante.

Por iso, a parte da selección xenética no caso das células somáticas, insisto en que traten de mellorar todo o posible temas de benestar e alimentación, para mellorar o estado sanitario e de defensas dos seus animais.

¿En que tipo de explotacións de Galicia se atopa o leite de maior calidade a partir das analíticas que realizades?
É difícil definir a calidade do leite simplemente en base á ausencia de residuos. A presenza dun residuo non fai que ese leite sexa de mala ou menor calidade que outros, xa que pode simplemente ser debido á unha contaminación cruzada ou ben a un período de supresión insuficiente. Pero non significa que a nivel de composición a súa calidade sexa mala nin moito menos.

Dende o meu punto de vista, o leite de maior calidade de Galicia prodúcese nas explotacións que destacan polas súas boas pautas de manexo, trato humanitario dos animais e hixiene e alimentación de calidade suprema. Sen excepcións, se todos estes factores van collidos da man, o leite producido será de calidade, en tódolos sentidos da palabra.

Por outro lado, non podo negar ser fervente admiradora das explotacións en extensivo, especialmente das que seguen un réxime ecolóxico. Considero que o mellor leite é aquel que produce o animal no seu estado e habitat naturais, alimentándose do que a natureza lle ofreceu sempre.

¿Realmente existen diferencias salientables entre o leite producido nunha explotación en extensivo ou en ecolóxico e unha en réxime intensivo estabulado?
Aínda que non sexan salientables, as diferenzas existen, tanto en sabor como en composición, xa que normalmente os diferentes réximes van acompañados dunha alimentación tamén diferente. Un animal que come, por exemplo, pasto verde e vexetación de montaña, terá un maior contido en antioxidantes liposolubles tipo carotenos e tocoferois, e unha graxa polo xeral máis interesante para a saúde do consumidor.

“Unha vaca alimentada con pasto vede e vexetación de montaña terá un leite con máis antioxidantes e graxas saudables”

Tamén é certo que nestes casos se fala de cambios no sabor do leite, aínda que eu creo que estamos tan acostumados a un sabor “industrializado” ou de “brick” que o sabor natural do leite xa nos resulta estraño. En canto ó uso de fármacos veterinarios, en calquera réxime o animal pode enfermar, polo que recobra importancia o cumprimento das pautas veterinarias para evitar problemas. Sen embargo, a produción ecolóxica debe cumprir uns criterios moi específicos en canto ó emprego de herbicidas e pesticidas e á administración de antibióticos, polo que é de esperar que, a nivel de residuos, a calidade do leite neste tipo de explotacións sexa maior.

¿Cara onde cres que evolucionarán as normas sobre resíduos no leite, tanto do punto de vista da lexislación, como do que esixe a industria láctea (queixos, leite envasado…etc?
Eu creo que as normas tenderán sempre a ser máis restritivas. Isto leva pasando dende os inicios das lexislacións sobre presenza de residuos en alimentos de orixe animal. E é normal, xa que cada día estamos expostos á maior número de sustancias esóxenas por múltiples vías, tanto no alimento como a través do medio ambiente (refírome a contaminantes, polución, etc.), e tamén as técnicas analíticas son máis sensibles cada día facilitando baixar os niveles de inocuidade esixidos.

¿En que novos sistemas de detección e novos proxectos estase a traballar?
Na actualidade os proxectos céntranse en mellorar as propiedades nutritivas do leite como produto final, analizando a variabilidade da súa composición entre individuos e tamén entre diferentes condicións fisiolóxicas e de alimentación do animal en lactación. E por suposto, a nosa investigación busca e buscará sempre protexer ao consumidor dos posibles efectos nocivos das sustancias que se empregan para aumentar a produción láctea de xeito fraudulento.

¿Algo máis que queiras engadir?
O único que me gustaría engadir é que non podemos esperar que as nosas vacas sexan máquinas que producen leite na cantidade e calidade que queremos. O leite é un produto natural, e como tal debe ser aceptado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información