O Goberno propón unha redución de emisións de amoníaco que castiga ao sector de vacún

O borrador do Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes á atmosfera presentado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica carga no vacún as principais reducións de emisións de amoníaco e permite seguir crecendo as de porcino, o principal emisor

O Goberno propón unha redución de emisións de amoníaco que castiga ao sector de vacún

O Goberno insiste en cargar sobre o sector de vacún a responsabilidade de reducir as “cotas de emisións” de amoníaco nos próximos anos, cos gastos para os gandeiros que isto suporá tal e como se propoñen as medidas, e permite que o porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España, siga incrementando a súa cota nacional de emisións.

Así se recolle no borrador do Plan de Proxeccións de Emisións de Gases Contaminantes á atmosfera presentado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica presentado o pasado mes de marzo e que está en fase de alegacións.

As emisións de amoníaco (NH3) da gandaría constitúen, ademais dunha perda económica para o gandeiro, un dano ao medio ambiente pola contaminación do aire, os solos e as augas e un dano para a saúde. E é que a agricultura e a gandaría son responsables en España do 91% das emisións deste gas , lixeiramente por riba da media europea.

Para atallar este problema, a Unión Europea, a través do Protocolo de Gotemburgo, estableceu un réxime de teitos nacionais, ou cotas de emisións de amoníaco, de forma que a partir do ano 2020 deberanse reducir as emisións nacionais nun -3%, respecto ao ano 2005, e nun -16%, a partir do ano 2030.

Sen embargo, no último inventario remitido en marzo de 2019, o Estado Español superaba, en 165 kt de NH3, o límite de 353 kt asignado na Directiva de Teitos para España entre 2010 e 2019, o que equivale a un 47% por encima do acordado, sendo España o estado da UE que en maior proporción desviábase dos valores de emisións.

Para facer cumprir o Protocolo de Gotemburgo e evitar as sancións o Ministerio para a Transición Ecolóxica presentou o pasado mes de marzo o borrador do «I Programa nacional de control da contaminación atmosférica» para poder cumprir cos compromisos adquiridos na Directiva de Teitos de Emisión.

Así se reparten por sectores as reducións de emisións de amoníaco previstas para os próximos anos:

emision amoniaco ministerio previsions

E en concreto no sector gandeiro:

emisiones amoniaco gobierno 0

Táboa 1: Proxeccións de emisións incluíndo as medidas adicionais propostas no borrador do Programa nacional de control da contaminación atmosférica (kt)

Neste sentido, destaca a redución do vacún de leite, que a pesar da súa pouca importancia relativa nas emisións nacionais, veríase obrigado a un axuste que representa máis do 45% da “cota” de emisións actuais, pasado do 4%, no ano 2016, ao 2.85% no 2040.

Tamén destacan as reducións do vacún de carne, case un 42%, pasando do o 8,1% actual ao 6,25% entre os anos 2016 e 2040 respectivamente. Pola contra, as emisións do subsector porcino, que son con diferenza as maiores, sen embargo incrementaríanse, pasando do 16% ao 18,8% nacional manténdose estables os demais subsectores gandeiros.

Figura 1 Proxección amoniaco de emisiones 2016-2040

Figura 1: Evolución prevista da porcentaxe das emisións de amoníaco dos distintos subsectores gandeiros sobre o total nacional, segundo a Proposta de axuste de emisións para as diferentes especies gandeiras, para o período 2016-2040. Elaboración propia a partir do “Informe de proxeccións á atmosfera Edición 2019”. Ministerio para a Transición Ecolóxica.

¿Son eficaces as medidas que propón o Goberno para reducir as emisións de amoníaco?

Para facer cumprir estas previsións de emisión de gases contaminantes, o Ministerio para a Transición Ecolóxica tamén presentou o pasado mes de abril  borrador do “Programa nacional de control da contaminación atmosférica para reducir as emisións de amoníaco”.

Entre as principais medidas que establece este plan, cuxa fase de consulta pública finalizou o pasado día 10, destacan as seguintes:

1) Sistemas de aplicación que minimicen emisións: Aplicación do xurro con tubos colgantes e prohibición do uso do prato para aplicación do xurro en abanico

O Programa nacional de control da contaminación atmosférica establece a prohibición do prato de choque, xa contemplada no RD 1378/2018, onde se incluíron “novas normas” no apartado 2 do anexo II sobre Boas Condicións Agrarias e Ambientais da terra (BCAM) da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios da PAC.

O Ministerio prevé que para o ano 2030 o 80% dos xurros aplicaranse mediante sistema de localización de tubos colgantes considerando, como escenarios futuros, a redución do esparexido de xurros de vacún sen enterramento antes de 24 horas nun 80% para 2030 así como a redución da práctica do esparexido de xurros de porcino en abanico de até o 80% en 2025.

Porén, a regulación a nivel europeo da condicionalidade da PAC 2014-2020, que aparece na listaxe da lexislación que afecta á contaminación atmosférica por partículas finas (PM 2,5), pola prohibición da queima dos restrollos agrícolas, pero non contempla o ámbito das emisións de NH3, sendo España o único pais que esixe esta norma aos seus gandeiros para o cobro das axudas da PAC. Comisión Europea “Reduction of National Emissions / Union source-based air pollution control legislation” http://ec.europa.eu/environment/air/reduction/legislation.htm

2) Balance de Nitróxeno dos solos

Incorpórase esta medida como ferramenta para racionalizar o abonado orgánico-mineral en base á metodoloxía do Balance de nitróxeno na agricultura española que o Ministerio elabora todos os anos, e que está contemplado no anexo III, parte 2, da citada Directiva (UE) 2016/2284.

Consultando o último balance publicado, referido aa os datos do ano 2016, pódese observar un exceso total, a nivel nacional, de 618.050 kg de N, ao superar as entradas de fertilizantes, tanto orgánicos como os minerais, ás extraccións dos cultivos en todas as CCAA.

Na táboa 2 móstranse os resultados dos balances anuais das CCAA que teñen un maior exceso de N, e que representan o 93% do total, así como as cantidades medias de kg de N por ha de superficie agraria útil (SAU) aplicados en exceso, que son un bo indicador para predicir a intensidade da contaminación, do aire ou da auga por nitratos.

balance nitrogeno counidades

Táboa 2: Comunidades Autónomas con maiores excesos de nitróxeno aplicado ao solo calculados a partir do Balance de Nitróxeno da agricultura española para o ano 2016.

Algunhas dúbidas sobre o programa do Goberno para reducir as emisións de amoníaco na gandaría

Unha das persoas que máis activas se mostrou á hora de propor alternativas eficaces e menos gravosas economicamente para os gandeiros é Juan Castro Insua, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL).

Neste sentido, tamén pon en dúbida gran parte das medidas que pretende aprobar o Ministerio para a Transición Ecolóxica no seu plan para reducir as emisións de amoníaco na gandaría española. En concreto, o investigador do CIAM alega que:

1) Falta de transparencia, xa que aínda non están aínda publicadas as “Bases zootécnicas para o cálculo do balance alimentario do Nitróxeno e de fósforo do vacún leiteiro e de carne” que estaba anunciadas para novembro de 2018.

É dicir, non é posible analizar as medidas propostas no borrador do programa nacional para a redución das emisións de amoníaco, ao non estar publicadas a metodoloxía, os datos , coeficientes, nin os estudos científicos para o cálculo de excreciones de nitróxeno do gando vacún leiteiro.

Tampouco aparece unha análise de eficiencia que xustifique a priorización das medidas, ao non reflectirse a relación entre o custo económico da medida adoptada, e o volume de emisións de NH3 reducidas. Igualmente, non aparecen os criterios seguidos para analizar a repercusión das medidas ás pequenas explotacións.

2) Datos erróneos no inventario que pon en dúbida a sustentabilidade e a imaxe sector de vacún leiteiro, sobre todo de Galicia e da Cornixa Cantábrica

O inventario remitido polo goberno español carece de datos básicos como o tempo de pastoreo do gando vacún leiteiro e establece, “por defecto”, que o gando permanece sempre dentro do establo os 365 días do ano, o que é a situación máis desfavorable para as emisións, non reflectindo a realidade da maioría das pequenas explotacións familiares de Galicia e da Cornixa Cantábrica que realizan pastoreo, así como ás marcas da industria de maior prestixio, como o leite de pastoreo promocionadas polas empresas lácteas ou á produción de leite ecolóxico. onde é obrigatorio o pastoreo

3) Falta a rexionalización dos datos do inventario de emisións

Dado que as competencias en agricultura están traspasadas á CCAA, que son ás que lle compete priorizar e administrar as medidas ou boas prácticas agrarias para a redución de emisións, e vendo as enormes diferenzas que existen entre as CCAA da España de clima Atlántico e as da España de clima mediterráneo, en canto a clima, topografía, características dos chans, tipo de especialización agraria etc sería necesario chegar a un estado de detalle, como mínimo, a nivel rexional.

4) Falta facer referencia ás sinerxías con outras directivas, como a de Nitratos e a Directiva Marco da auga á hora de priorizar as medidas.

E é que en España hai unha gran diferenza entre a España Atlántica, carente de zonas vulnerables , co resto de España, onde existen zonas con graves problemas de contaminación de nitratos ou de seca que se poderían ver incrementados polo cambio climático

5) Falta de gobernanza: Descoordinación e Incoherencia entre os PDRs e a lexislación sobre calidade do aire así como coas liñas prioritarias de investigación do Plan Estatal de I+D+i 2017-2020

Non aparece ningunha referencia de medidas concretas para abordar as emisións de amoníaco na nova arquitectura verde da PAC 2021-2027, cando debería haber unha listaxe de boas prácticas clasificadas para cada CCAA, como obrigatorias e outras voluntarias subvencionadas en función da redución lograda, a través dos “ecoesquemas”, ou das medidas agroambientais orientadas á redución de emisións de amoníaco, así por exemplo a cubrición das fosas, a aplicación do xurro sen prato de abanico.

Neste momento, debido á non consideración como SIEs os sebes, plantacións de árbores nos lindes das leiras ou ao rededor das fosas, penalízaselles con descontos na superficie admisible da PAC, cando servirían para reducir a velocidade do vento nas parcelas, cando se aplica o xurro o mesmo que coas fosas, doe ademais reduciríase a temperatura e por tanto as emisións.

Nas liñas prioritarias do Plan Estatal de I+D+i 2017-2020 non aparecen contempladaslas emisións de amoníaco, o que supón que exista un baleiro científico técnico para establecer as medidas e as técnicas de redución de emisións mellor adaptadas para a distintas gandaría e condicións edafoclimáticas rexionais que permitan priorizala en función do seu custo económico e social.

6) Non está xustificada, segundo a normativa europea,incluír na BCAM 6 da condicionalidade “prohibir o xurro con prato de choque”

A condicionalidade da PAC 2014-2020, aparece na listaxe da lexislación que afecta á contaminación atmosférica por partículas finas (PM 2,5), pola prohibición da queima dos restrollos agrícolas , e non afecta ás emisións de NH3 do sector agrario senón do sector residencial polos efectos das instalacións que usan a biomasa como fonte de enerxía. quedando en dúbida a prohibición do prato de choque para o cobro das axudas da PAC.

7) Balance de Nitróxeno dos solos

Consultando o último balance publicado, referido ao ano 2016, pódese observar un exceso de 618.050 kg de N, ao superar as entradas de fertilizantes, tanto orgánicos como os minerais, ás extraccións dos cultivos en todas as CCAA.

As 618.050 toneladas de N achegadas en exceso, segundo o último balance Nacional de N representan unhas emisións 50.890 toneladas, representando o 11 % das emisións totais de amoníaco do sector agrario español, e un 10% das emisións de CO2 do sector agrario. Por tanto, necesitaríase un serio compromiso do goberno para potenciar o asesoramento técnico independente ás explotacións

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información