“O gandeiro debe esquecerse de comprar un medicamento sen receita e de decidir él os tratamentos”

Entrevista a Luís Miguel Cebrián Yagüe, diplomado europeo no manexo de gando vacún e membro do Grupo Coordinador técnico do Plan Nacional de Loita contra as Resistencias aos Antimicrobianos. Explícanos cales son os cambios que se prevén na receita de medicamentos para uso animal

“O gandeiro debe esquecerse de comprar un medicamento sen receita e de decidir él os tratamentos”

Luís Miguel Cebrián Yagüe. Foto: ANEMBE

Luís Miguel Cebrián Yagüe é un experto veterinario recoñecido a nivel internacional e unha das persoas máis informadas sobre o uso de medicamentos en gando e sobre os cambios que se aveciñan na materia. Foi profesor da Facultade de Veterinaria de Zaragoza e é diplomado no European College of Bovine Health Management (ECBHM).

Foi tamén presidente da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE) e na actualidade é membro do Comité de Seguridade do Medicamento Veterinario e forma parte do Grupo Coordinador técnico do Plan Nacional de Loita contra as Resistencias aos Antimicrobianos.

O pasado mes de xullo participou nas Pontes (A Coruña) nunha xornada sobre “Novos retos na xestión das explotacións”, organizada pola cooperativa Delagro e a empresa MSD Animal Health. Luís Miguel Cebrián explicou os cambios que se prevén na prescrición de medicamentos veterinarios, un tema de plena actualidade sobre o que nos fala nesta entrevista.

¿Cales son  os principais cambios que se aveciñan na prescrición veterinaria nos próximos meses?
A partir de xaneiro de 2019 os veterinarios terán a obrigación de  notificar electrónicamente  todas as receitas de antibióticos que prescriban cunha periodicidade mensual (REAL DECRETO 191 /2018). Esta nova obrigación, que se suma á gran carga burocrática que xa leva consigo a prescrición, vai animar aos veterinarios clínicos a que opten pola receita electrónica á hora de prescribir.

Esta nova obriga está enmarcada dentro do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN) e ten a finalidade de coñecer en que especies e explotacións se utilizan os antibióticos e quen os prescribe. As autoridades sanitarias van dispor dunha ferramenta que lles vai facilitar o control e a inspección da prescrición e uso dos medicamentos, o que levará a modificación dalgúns hábitos de prescrición.

“A partir de xaneiro de 2019 os veterinarios terán a obrigación de notificar  electrónicamente  todas as receitas de antibióticos que prescriban”

Sen embargo, o maior cambio que se está producindo é o incremento do interese dos veterinarios polos temas legais relacionados coa prescrición e a súa preocupación por todo o relacionado coas resistencias aos antibióticos.

¿Que vai cambiar na forma de traballar do veterinario e do gandeiro con estes cambios?
Se se instauran os sistemas de receita electrónica facilitarase moito o traballo documental dos veterinarios clínicos e  os gandeiros. Os cambios de calado, principalmente a obrigatoriedade do diagnóstico previo á emisión da receita e a garantía de independencia entre a prescrición e dispensación,  dependerán en gran medida dos criterios que adopte a autoridade competente na súa tarefa de inspección, a cal se espera que se vexa incrementada.

A prescrición de tratamentos e a realización da receita é competencia exclusiva do veterinario clínico que realizou a exploración dos animais enfermos e dos veterinarios  que  coñecen as condicións sanitarias das explotacións, o que lles permite elaborar coas debidas garantías os programas sanitarios e os protocolos de tratamento das mesmas. O veterinario clínico debe asumir que a prescrición e a elaboración da receita forman parte do acto clínico e revindicar que eles son os únicos competentes en realizar esta tarefa. Ningún veterinario pode asinar receitas para animais que non explorou ou, como di a nosa lexislación, estean baixo a súa supervisión ou responsabilidade directa.

Os gandeiros han de asumir que para comprar os medicamentos é obrigatoria a  presentación previa da correspondente receita expedida polo veterinario clínico e que eles non poden decidir os tratamentos dos animais.  Frases como “débesme unha receita”,  “xa che mandaremos a receita cos medicamentos” reflicten malos hábitos que deben desaparecer na prescrición e dispensación de medicamentos.

O MAPAMA publicou recentemente o informe do PROGRAMA NACIONAL DE CONTROL OFICIAL DA DISTRIBUCIÓN, PRESCRICIÓN E DISPENSACIÓN DOS MEDICAMENTOS VETERINARIOS correspondente ao ano 2017. A primeira conclusión deste informe fai referencia a esta problemática, valorando a unidade coordinadora do MAPAMA  que: “Actualmente, o principal risco do uso inadecuado do medicamento veterinario é a súa dispensación sen a necesaria prescrición veterinaria previa, ligada ao coñecemento directo da situación sanitaria das explotacións e dos seus animais”. 

“Os gandeiros deben asumir que para comprar un medicamento é obrigatoria a receita previa do veterinario”

¿Como valora a implantación da receita electrónica? ¿Que melloras poderíanse realizar na súa aplicación?
A receita electrónica é unha necesidade para o prescriptor, ao que debe facilitarlle o seu traballo, e a notificación electrónica é esencial para o PRAN como punto de partida para coñecer quen utiliza os antibióticos e poder valorar a redución do seu uso, que é a principal estratexia da loita contra as resistencias.

A posibilidade de receitar de forma electrónica xa estaba contemplada en o  artigo 80-3 do RD 1132/10 no que se indica que a receita en xeral será válida en todo o territorio nacional e que a receita electrónica poderase utilizar na forma e condicións que se establezan reglamentariamente ao efecto; pero, lamentablemente, esta regulamentación non foi desenvolvida polo Ministerio de Agricultura, que é o competente nestes temas.

Esta falta de regulación da receita electrónica  a nivel nacional está a suscitar diferenzas entre algunhas lexislacións autonómicas que en definitiva van complicar a prescrición aos veterinarios que traballan en máis dunha autonomía.  Desde o PRAN apostouse desde o principio por un único sistema de receita electrónica a nivel nacional, o que facilitaría en gran medida a dispensación e o control.

“Debería haber un único sistema de receita electrónica a nivel nacional”

Na actualidade, para asegurar a validez da receita en todo o territorio nacional e  que os diferentes centros dispensadores cumpran coa obriga de dispensar os medicamentos receitados, estes centros deberían estar dados de alta en todos os sistemas de receita electrónica existentes.  Ademais deste problema, outros asuntos que debería abordar a regulamentación nacional son temas tan importantes como: definir os sistemas de seguridade, establecer sistemas que asegurasen que unicamente os veterinarios clínicos sen incompatibilidade para prescribir puidesen acceder aos sistemas de elaborar receitas electrónicamente e que esta posibilidade estivese pechada para os centros dispensadores, regular quen pode acceder aos diferentes niveis de información dos sistemas….etc.

Non é lóxico que o Ministerio publicase unha normativa que obriga á  notificación electrónica de todas as prescricións de antibióticos sen regularizar previamente os sistemas de receita electrónica.  Confiamos en que a implantación destes sistemas non sirva para banalizar a receita e consolidar as malas prácticas como a “receita inversa” (prescribir despois de dispensar).

Sería interesante que as plataformas de receita electrónica desen a posibilidade de cumprimentar os rexistros do botiquín veterinario,  rexistrar a eficacia dos tratamentos e dispuxesen dunha función que permitise remitir as notificacións de farmacovixilancia.

¿Está o sector suficientemente formado e informado para afrontar estes cambios?
Creo que temos un sector perfectamente preparado para afrontar estes cambios, pero é moi importante que cada un dos actores que interveñen no tema do medicamento veterinario reciba mensaxes claras de cales son legalmente as súas competencias e obrigacións.

O gandeiro debe ter claro que non pode tratar os animais ao seu criterio e que para adquirir os medicamentos veterinarios debe estar en posesión da pertinente receita que terá que gardar durante 5 anos, levar ao día os rexistros de tratamento, utilizar os medicamentos segundo as indicacións do veterinario e, sobre todo, respectar os tempos de espera indicados.

“O gandeiro debe ter claro que non pode tratar os animais ao seu criterio”

O veterinario clínico non asinará ningunha receita sen realizar unha exploración clínica e diagnóstico in-situ, ou sen basearse nun programa sanitario ou protocolo terapéutico elaborado por el mesmo para esa explotación en particular, fundamentado no estudo e coñecemento das súas características, e limitarase ao uso do botiquín veterinario segundo lle permite a lexislación, sen realizar nunca dispensación de medicamentos.

As entidades minoristas e farmacias soamente dispensarán medicamentos previa presentación da receita e non poderán prestar servizos clínicos aos gandeiros nin editar receitas. As entidades gandeiras autorizadas poderán dispensar aos seus socios os medicamentos do programa sanitario prescritos polo seu veterinario.

Os laboratorios farmacéuticos limitaranse a informar sobre os seus produtos aos veterinarios clínicos e non ofrecerán servizos a cambio de consumo de medicamentos.

¿En que medida vaise a reducir o uso de antibióticos en veterinaria?
As bacterias multirresistentes aos antibióticos son un dos  problemas máis importantes de saúde pública aos que se enfronta a humanidade e causan gran cantidade de mortes cada ano. Este problema está a abordarse desde o concepto de “unha saúde”, no que a medicina humana e a animal teñen que ir da man para afrontalo.

A redución de uso de antibióticos e. sobre todo, a eliminación dos malos usos destes medicamentos fixáronse como o mellor camiño para tentar controlar este problema.  Hai países como Holanda que xa se propuxeron unhas porcentaxes  de redución e estano a conseguir.

En España a porcentaxe de utilización de antibióticos veterinarios por vía oral é alta e sen dúbida por esta parte ha de vir a principal diminución do uso; xa temos algúns datos positivos do programa voluntario de redución de uso de colistina (un antibiótico catalogado como crítico para medicamento humano) en porcino.

Na miña opinión, hai que ser moi prudentes á hora de comprometer ou decidir unha taxa de redución xeral sen un estudo a fondo de cal é o uso que se está a facer nas distintas  especies e nos diferentes sistemas de explotación. Estes estudos son fundamentais para que estes programas de redución non comprometan o benestar animal e a rendibilidade das explotacións.

O fin último destes cambios é reducir o uso de antibióticos para evitar a aparición de bacterias multirresistentes. ¿En España seguimos á cabeza de Europa en canto a uso de antibióticos? ¿En que especies utilízanse máis antimicrobianos ?
Si, segundo os datos do último informe publicado do programa ESVAC (Rede de Vixilancia Europea de Consumo de Antibióticos en Veterinaria) España continúa á cabeza despois de Chipre en consumo de antibióticos en veterinaria. Aínda que rexistrou unha redución estimada nun 14 % (de 418.8 mg/PCU en 2014 a 362,4 en 2016) aínda son cifras moi altas se as comparamos cos consumos de países como Francia e Alemaña que se sitúan ao redor de 100 mg/pcu.  Estes datos están a utilizarse por parte dos nosos competidores na produción de alimentos para pór en dúbida os nosos sistemas de produción e a seguridade dos alimentos que producimos.

“Entre 2014 e 2016 en España reduciuse un 14% o uso de antibióticos en veterinaria e a tendencia continuará”

A primeira fase do programa ESVAC está a recoller datos proporcionados polos dispensadores de medicamentos veterinarios, o que soamente nos permite facer unha estimación dos consumos por especies. Será na segunda fase do programa ESVAC, coa información recollida da base de datos das notificacións electrónicas dos antibióticos prescritos, á que estarán obrigados todos os prescriptores a partir de xaneiro, cando se teñan datos de consumo por especies e explotacións concretas, así como a cantidade receitada por cada veterinario.

En xeral, os animais que están sometidos a un sistema intensivo de produción son os que consomen máis antibióticos  e dentro destes o consumo é maior na fase de cebo. En valores absolutos en España,  polo tamaño da cabana, polo tipo de explotación intensiva e pola  utilización de pensos medicamentosos nos protocolos de tratamento que se utilizan en porcino, seguramente será esta especie a que máis consumo realice.

José Luis Cebrián durante o seu relatorio na xornada organizada por Delagro e MSD

Luis Miguel Cebrián durante o seu relatorio na xornada organizada por Delagro e MSD

“En vacún de leite vaise a impulsar o uso prudente de antibióticos considerados de importancia crítica principalmente as cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración e as fluoroquinolonas”

A principios deste ano anunciouse un plan específico para reducir o uso de antibióticos en gando vacún, tanto de leite como de carne. ¿Como avanza este plan?
Polas noticias que teño, mantivéronse varias reunións promovidas desde o PRAN  nas que participaron  gandeiros e veterinarios de carne e leite e as súas asociacións para estudar a situación actual do consumo de antibióticos en vacún e estableceron a folla de ruta para definir os obxectivos e as condicións que incluirá a declaración de adhesión ao PRAN. Todos estes programas exponse sempre con carácter voluntario e pódense adherir ao mesmos gandeiros, asociacións, veterinarios, etc.

No sector de vacún de carne apostaron por unha eliminación total da medicación con antibióticos vía pensos nun período máximo de 2 anos, e incrementar outras actuacións encamiñadas á mellora dos plans sanitarios das explotacións que axudarán a reducir o uso de antibióticos. Esta medida conta co respaldo da Asociación Española de Produtores de Vacún de Carne (ASOPROVAC).

 “Os gandeiros de vacún de carne comprometéronse a eliminar a medicación con antibióticos vía pensos nun período máximo de 2 anos”

En vacún de leite parece que as medidas se van centrar no impulso do uso prudente de antibióticos de importancia crítica para a saúde humana, como as cefalosporinas de 3ª e 4ª xeración e as fluoroquinolonas de uso común na clínica de vacún.

Outra das tarefas pendentes que o PRAN terá que afrontar nos próximos meses é a redacción das guías de prescrición de antibióticos por especies, nas que se terán que abordar como levar a cabo as directrices europeas para a utilización dos antimicrobianos.

No caso do vacún estas directrices apostan por medidas concretas para evitar o tratamento sistemático das vacas no secado, polo que a implantación dos sistemas selectivos de secado nas gandarías vai ser un reto que se terá que afrontar xunto coa eliminación da utilización profiláctica de antimicrobianos en tenreiros recén nados (por exemplo, antimicrobianos engadidos a substitutivos do leite).

As asociacións profesionais como a Asociación Nacional de Veterinarios Especialistas en Medicina Bovina (ANEMBE) e o Consello Xeral de Colexios Veterinarios débense implicar na elaboración destas guías de prescrición. Estes documentos han de proporcionar ao prescriptor pautas concretas e prácticas para o bo uso dos antibióticos, baseadas nos coñecementos científicos actuais e adaptadas aos nosos sistemas de produción.

A medio prazo, ¿que outros cambios prevé que se producirán en España e na Unión Europea en canto á prescrición veterinaria?
Estamos a esperar a publicación do Regulamento Europeo de Medicamentos Veterinarios que está previsto que entre en vigor en 2022, no que se inclúe a loita fronte á resistencia aos antibióticos como obxectivo dalgunhas das súas medidas máis destacadas. A adecuación da normativa nacional a este regulamento pode ser unha oportunidade para abrir o debate sobre algúns aspectos craves da prescrición e dispensación de medicamentos en España como as garantías de independencia entre prescrición e dispensación, status do veterinario prescriptor en relación co gandeiro, prescrición excepcional, responsabilidades do veterinario prescriptor, etc.

Para intuír por onde pode ir o futuro de prescrición e uso de medicamentos pode ser moi interesante ler a comunicación  da Comisión  “Directrices para unha utilización prudente dos antimicrobianos no medicamento veterinario”. 

¿Algo máis que queira engadir?
Teño a esperanza de que esta nova situación xurdida polos plans de loita contra a resistencia aos antibióticos traia cambios na lexislación e no uso de medicamentos que sexan unha oportunidade para mellorar a calidade dos servizos veterinarios e o status  do veterinario clínico pondo en valor a prescrición.

E para os gandeiros confío en que será un revulsivo para mellorar as medidas de bioseguridade, os programas sanitarios e en definitiva todas as actuacións dirixidas a mellorar o estado inmunitario dos seus animais.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información