O centro de recría de xovencas de Castro de Rei abrirá no verán

A Deputación de Lugo inaugura a instalación, que ten capacidade para 3.000 reses, e que se convirte no primeiro proxecto público deste tipo en España. Terá un modelo de xestión no que participará o sector gandeiro

O centro de recría de xovencas de Castro de Rei abrirá no verán

Acto oficial de inauguración do centro de recría de xovencas de Castro de Rei.

O centro público de recría da granxa Gayoso Castro, xestionado pola Deputación de Lugo en Castro de Rei, iniciará a súa actividade cara o final de verán, segundo cálculos do ente provincial. As obras da instalación xa están rematadas e agora agárdase pola licencia de apertura municipal, segundo indica a Deputación, que onte procedeu á inauguración oficial do centro nun acto ó que asistiron arredor de 150 persoas en representación de institucións, asociacións e cooperativas ligadas ó sector lácteo.

A instalación ten unha capacidade de 3.000 xatas, que se ubicarán en 13 naves con capacidade para arredor de 200 animais cada unha. O centro está dotado cun total de 2.200 cubículos, 2.200 camas de goma EVA e 2.200 cornadizas automáticas. Conta tamén con 208 bebedoiros e cun sistema de limpeza automática de arrobadeira. O recinto complétase con 270 casetas individuais e 105 colectivas e dispón dunha manga de 700 metros para o manexo do gando, de 12 silos e de 5 esterqueiras para a almacenaxe dos residuos procedentes do encamado dos animais.

A instalación dispón dunha planta de biogás que utilizará os xurros dos animais para producir enerxía

Os xurros das xatas xestionaranse nunha planta de biogás que tratará arredor de 32.000 metros cúbicos de puríns ó ano e que producirá enerxía suficiente para autoabastecer ó centro. Deixará ademais libres uns 2.000 megawatios anuais de enerxía eléctrica –o suficiente para abastecer a 250 viviendas- e outros 1.700 megavatios térmicos.

O investimento total da Deputación na obra superou os 12 millóns de euros. O presidente do ente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, destacou o impacto positivo que terá o centro para as explotacións lácteas da provincia, que poderán encargar ó centro a recría dos seus animais, gañando espazo e tempo para a xestión da súa explotación.

As xatas entrarán no centro con 15 días de idade e sairán preñadas un mes antes do parto, ós 23 meses, segundo cálculos da Deputación. Besteiro avanzou tamén que o modelo de xestión do centro será público pero nel participará o sector gandeiro, “xa que son os que máis saben desta actividade e os que maior rendiblidade lle poden sacar ó centro”.

Velaquí un vídeo sobre o centro:

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información