“O 2017 debe ser un bo ano en marxes para as explotacións lácteas de Galicia”

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, pronostica unha recuperación dos prezos do leite nos próximos meses, en tanto que prevé estabilidade nos custos de materias primas como soia ou millo

“O 2017 debe ser un bo ano en marxes para as explotacións lácteas de Galicia”

José Luis Antuña, director xeral de Feiraco. / Arquivo.

O ciclo de prezos do leite está a cambiar, polo que as explotacións lácteas poderán recuperar nos próximos meses alomenos unha parte das perdas do último ano e medio. Esa é a conclusión que se desprende da análise que fai o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, sobre as perspectivas do sector.

“Non só tocamos fondo nos prezos do leite senón que xa estamos recuperando. Hai un cambio de ciclo” -valora Antuña-. “A oferta de leite a nivel mundial está reducíndose, en tanto a demanda é sostida. A mellora de prezos non vai chegar de xeito inmediato ó campo porque hai que ter en conta que temos uns stocks de leite en po acumulados que teñen que ir saíndo. Tardaremos un pouco en percibir a suba, pero está aí, os prezos das cisternas spot están medrando en Europa e os prezos da materia graxa tamén están en ascenso”, sinala.

“Tardaremos un pouco en percibir a suba de prezos pero xa está aí. O ciclo cambiou”

O director xeral de Feiraco incide en que é habitual que haxa un desaxuste entre a evolución dos prezos dos produtos lácteos industriais e a evolución do prezo no campo. “Levan unha evolución paralela pero en Galicia imos cuns meses de retraso. Cando os prezos dos produtos industriais están no máis alto, o gandeiro tarda uns meses en acadar o pico de prezos, e viceversa, cando os prezos tocan fondo a nivel mundial, as granxas están nun nivel de prezos máis elevado que non se corresponde con esa situación”.

Perspectivas
Para o curto prazo, no 2017, as perspectivas son positivas: “Na miña opinión, o 2017 debe ser un bo ano de marxes para os produtores lácteos de Galicia. Os prezos do leite mellorarán, en tanto os prezos de materias primas como a soia ou millo teñen expectativas de estabilidade. Iso permitirá recuperar parte da crise que levamos os últimos 18 meses”, conclúe o director xeral de Feiraco.

“Eu fágome unha pregunta. Seguramente non merecemos que os prezos do leite baixasen tanto, pero facemos algo para cambialo?”

Antuña segue a considerar que as perspectivas de futuro, a pesar da última crise, son boas. “De aquí ó 2025, a demanda de leite a nivel mundial medrará un 25%. A población mundial está en aumento e nos países emerxentes a renda e o consumo de leite están a medrar”, valora, se ben subliña a necesidade de fixarse máis nas marxes que deixa o leite que no prezo. “Hai que falar de marxes e ser o máis eficientes posibles no control dos custos de produción”.

Estabilidade
Lograr unha maior estabilidade nos prezos do leite, reducindo os picos polo alto e polo baixo, é outro dos obxectivos que Antuña sinala como asignatura pendente para o sector lácteo de Galicia. “Eu fágome unha pregunta. Seguramente non nos merecemos que o prezo baixase, pero facemos algo para cambialo? Se non cambiamos de modelo, estaremos condicionados sempre pola volatilidade de prezos que nos impoñan os demais”.

Desde a perspectiva de Antuña, o proxecto de integración cooperativa no que traballan Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas ten que contribuír precisamente a ofrecerlle unha maior estabilidade ás granxas socias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información