Nestlé reúne a 150 gandeiros de Galicia nunhas xornadas de formación

Nestlé reúne a 150 gandeiros de Galicia nunhas xornadas de formación

A multinacional alimentaria Nestlé reuniu este mércores nunha xornada técnica en Teo (A Coruña) a uns 150 gandeiros galegos que lle subministran leite para a súa planta de Pontecesures.

Na xornada abordáronse tres aspectos que preocupan aos produtores e nos que a planta de Nestlé en Galicia quere avanzar con eles para seguir sendo líderes no sector en canto a certificación, benestar animal, respecto ao medio ambiente e calidade do leite.

Así, Carlos de Santiago, responsable de ECOLEX, impartiu un relatorio sobre a xestión nas explotacións gandeiras de residuos perigosos (como envases de zoosanitarios, de produtos de hixiene para o muxido ou de restos de tratamentos, como xiringas). “É un tema no que temos moita marxe de mellora no que é a correcta separación e almacenaxe destes residuos nas granxas e a súa recollida por parte dun xestor autorizado, como é ECOLEX, para o seu tratamento”, subliñou.

A continuación abordouse un tema que preocupa aos gandeiros como son os chamados “falsos positivos” de animais á tuberculose bovina nas campañas de saneamento gandeiro. O relatorio foi impartido por unha experta no control desta patoloxía en Galicia: Marta Muñoz Mendoza, xefa da área de Epideomoloxía do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural.

“Os gandeiros galegos deberían evitar importar animais de rexións con alta porcentaxe de tuberculose bovina”

Como punto de partida, destacou que “Galicia atópase nunha situación privilexiada dentro de España en canto a control desta enfermidade, cunha incidencia de só o 0,02% de tuberculose bovina en rabaños, polo que se seguimos así dentro de dous ou tres anos deberiamos ser declarados rexión libre desta enfermidade, o que resultaría moi positivo tanto para a exportación de animais como de produtos lácteos”.

Con todo, advertiu de que na media de España esta porcentaxe de incidencia da tuberculose bovina elévase ao 2,32%, pero con porcentaxes superiores ao 10% en comunidades do sur de España.

Por iso, defendeu que unha das principais medidas de prevención, xunto coa bioseguridade nas granxas e o mantemento dos programas de control, “é o control do movemento de animais, evitando que os nosos gandeiros compren gando en comunidades nas que existe unha alta incidencia da tuberculose”.

“Non se entende que se sigan importando animais desas zonas, cando en Galicia temos unha cabana gandeira, tanto en vacún de carne como en vacún de leite, de altísima calidade xenética e a nivel sanitario, polo que deberiamos apostar pola recría realizada polos nosos gandeiros”, engadiu.

Por último, Cristina Pilar Pousada, veterinaria dos laboratorios MSD falou sobre a importancia de mellorar o benestar animal durante a recría, unha fase na que se concentra o segundo capítulo de gasto dunha explotación, despois da alimentación, e que é crucial para a vaca adulta poida expresar todo o seu potencial xenético.

Nestlé proporá aos seus gandeiros de Galicia unha prima para o leite entregado no outono

A xornada foi clausurada por Edis Estévez Rodríguez, xefe de Abastecemento Lácteo da planta de Nestlé en Pontecesures, quen compartiu cos gandeiros provedores información sobre a evolución da planta e as propostas para o futuro.

En canto á situación actual, destacou a boa evolución da planta de Nestlé en Pontecesures, cuns 92 millóns de litros de leite recollido, un 5% máis que en 2017, e que se transformarán en gran medida en leite condensado, principalmente para a súa exportación.

“A fábrica vai ben e está a contratar máis leite. Como exemplo no ano 2010 transformamos 67 millóns de litros de leite cunha media de entregas de 200.000 litros por granxa, e este ano transformaremos 92 millóns cunha media de 600.000 litros por provedor”, destacou Edis Estévez.

Entre os cambios que lles propuxo aos gandeiros de Galicia o xefe de Abastecemento Lácteo da planta de Nestlé en Pontecesures destaca un novo sistema para primar o leite producido no outono. “Trataríase de trasladar entre un 3 e un 5% do leite de primavera para outono, dándolles unha prima, algo que se pode realizar mediante unha planificación e pequenas medidas. Sería positivo para nós e para eles, pois ao ter maiores calidades o leite de outono o gandeiro na media anual percibirá maiores ingresos”, explicou.

Esta proposta, a debater cos gandeiros, será trasladada pola planta de Nestlé en Galicia aos seus provedores na proposta de renovación de contratos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información