Medio Rural reabre o debate das organizacións de produtores

A conselleira, Ángeles Vázquez aboga pola fusión das dúas OPs de Galicia, que xuntarían máis dun terzo do leite e dos gandeiros. O sector ve pouco operativas as OPs polo escaso apoio das Administracións

Medio Rural reabre o debate das organizacións de produtores

As organizacións de produtores sinalan que carecen dunha normativa que as respalde.

O sector lácteo segue sen ver a luz ó final do túnel. Esta primavera repítese unha situación de crise similar á do pasado ano, cando centos de granxas vendían o leite en Galicia por baixo dos 20 céntimos e eran miles as que o entregaban por baixo de 25. Ante esta situación, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que compareceu no Parlamento, apelou ós gandeiros para que se coordinen en torno ás organizacións de produtores (OPs) como xeito de fortalecer a súa posición negociadora coa industria.

Vázquez sinalou que a fusión das dúas OPs que hai en Galicia aglutinaría máis dun terzo do leite e dos gandeiros da comunidade. A titular de Medio Rural tamén é partidaria de que o resto de explotacións galegas aposten por integrarse nas OPs.

Valoracións das OPs
As dúas organizacións de produtores que hai en Galicia, Ulega, ligada a Unións Agrarias, e Aprolac, de base cooperativa, advirten pola súa banda de que coa actual normativa as OPs non son útiles, nin cada unha polo seu lado nin unidas nin aglutinando máis gandeiros.

As industrias poden negociar individualmente con cada gandeiro e ignorar a organización de produtores á que pertenza

“Compartimos os obxectivos cos que naceron as Ops e o espíritu das declaracións da conselleira. Reequilibrar o poder de negociación entre gandeiros e industrias é necesario, xa que a día de hoxe o gandeiro, no mellor dos casos, asina o que lle pon diante a industria. O que sucede é que a normativa que impulsou as organizacións de produtores é unha mera declaración de intencións, pois non existe ningún apoio práctico ás negociacións”, cuestiona o director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán.

Carencias na normativa
A cuestión, lamentan tanto en Agaca como en Unións Agrarias, é que non hai nada na normativa que obrigue ás industrias a negociar coas organizacións de produtores se un gandeiro está nunha OP. É dicir, a industria pode seguir relacionándose de xeito individual con cada gandeiro, ignorando a organización de produtores á que pertenza. “Coa actual normativa, as industrias pártense de risa coas organizacións de produtores”, resumen no sector.

“Coa actual normativa, as industrias pártense de risa coas organizacións de produtores”, resumen no sector

En Unións Agrarias consideran que as OPs teñen que ser unha ferramenta fundamental para o futuro do sector, pero advirten de que necesitan apoios e un desenvolvemento normativo por parte da Administración. “Son ferramentas sen usar. Poderían axudar a que os gandeiros negociasen en pé de igualdade coas industrias, pero non houbo vontade nas Administracións para impulsalas”, analizan.

Así as cousas, en Unións interpretan que os reiterados chamamentos por parte do Ministerio e da Consellería á organización dos gandeiros non son máis que un intento de “culpabilizar ó sector” e de agochar as carencias na xestión da crise por parte dos Gobernos estatal e autonómico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información