Medio Rural e organizacións do agro emprenden o diálogo sobre o sector lácteo

A nova conselleira reuniuse con cooperativas e organizacións agrarias para abordar a situación do acordo de Madrid e para trasladarlles a súa proposta de creación dun plan estratéxico do sector para Galicia

Medio Rural e organizacións do agro emprenden o diálogo sobre o sector lácteo

Reunión entre a conselleira, organizacións agrarias e Agaca.

Organizacións agrarias, cooperativas e a nova conselleira do Medio Rural mantiveron un encontro para iniciar o diálogo sobre o sector lácteo e marcar unha folla de ruta de traballo futuro. Foi unha reunión de catro horas na que houbo coincidencia de posturas sobre as necesidades do sector, pero da que non saíron, nin se esperaban, solucións a curto prazo.

“Instamos ó Ministerio de Agricultura a que sexa contundente na vixilancia e axilización do acordo” (Ángeles Vázquez)

Ó remate da reunión, a conselleira, Ángeles Vázquez, instou ó Ministerio de Agricultura a que sexa “contundente” na vixilancia do acordo lácteo, asinado en setembro. Vázquez anunciou tamén que o prezo do leite en Galicia subiu 0,4 ´centimos en outubro, a sumar ós 0,6 céntimos de setembro. Para as organizacións agrarias, esa suba débese á mellora das calidades do leite, pois din, non houbo ningún tipo de aumentos de prezo por parte das industrias.

Acordo lácteo
O sector agrario e a Consellería fan fronte común sobre a necesidade de que o acordo lácteo de Madrid teña unha repercusión directa e significativa nos prezos do leite cobrado polos gandeiros. A conselleira, tras a reunión, pediu, en declaracións ós medios, que se axilicen cuestións como a publicación do decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución. Para o sector, trátase dun punto clave, pois cadeas de distribución como Dia seguen a facer subastas electrónicas de compra, que presionan os prezos á baixa, segundo advertiu o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

O sector anuncia actos desde a próxima semana ante cadeas de distribución nas sete grandes cidades

A este problema únese a constatación de que o prezo subiu no supermercado pero non para as granxas. Ante esta situación, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, conformada principalmente polas organizacións agrarias, convocará a partir da próxima semana actos ante a distribución nas sete grandes cidades de Galicia para “facer pedagoxía” entre os consumidores sobre os problemas que están a xerar as cadeas de supermercados, segundo destacou Anxo Escariz (Organización de Productores de Leche, OPL). A Plataforma fará distribucións gratuitas de leite cru, sen transformar, entre a cidadanía, e informará sobre as prácticas da gran distribución co sector lácteo.

Contrato
Outro punto abordado na reunión foi a posta en marcha dun contrato homologado tipo que unifique uns criterios estándar sobre as calidades do leite. O sector trasladoulle á conselleira dificultades de última hora para chegar a un acordo na Interprofesional Láctea sobre o contrato. Vázquez pediulle ó sector que lle fixese chegar unha proposta para abordala co Ministerio.

Problemas para a fixación dun contrato homologado que marque un leite tipo para todas as industrias

Os gandeiros queren ter canto antes un leite tipo, de xeito que as industrias non poidan fixar unilateralmente as calidades que esixen. “É un problema grave, pois en moitos casos estanse baixando os prezos que se lle pagan ós gandeiros en base a calidades que non teñen nada que ver coas acordadas no marco do Ligal nin cos estándares de graxa e de proteína”, cuestiona a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.

Plan Estratéxico
Por parte da Consellería, a reunión de onte tiña tamén o interese central de trasladarlle ós colectivos do agro unha proposta para a creación dun plan estratéxico do sector lácteo. Houbo compromiso de organizacións agrarias e cooperativas para participar nos grupos de traballo do mesmo e en próximas datas, espérase que a conselleira teña reuniós coas industrias e coa distribución para requerir tamén a súa participación.

“As cooperativas deben fortalecerse pola vía da fusión e impulsar un gran grupo galego que se implique na transformación do leite” (Ángeles Vázquez)

O proxecto, que ten puntos en común cunha iniciativa lanzada semanas atrás pola Junta de Castilla y León, tratará de traballar en cuestións importantes para o medio prazo. A conselleira entende que os avances na transformación do leite teñen que ser un pilar do plan. “A implicación na transformación ten que xurdir das cooperativas. As cooperativas deben fortalecerse pola vía da fusión para impulsar un gran grupo galego”, valora Ángeles Vázquez.

Liquidez
No curto prazo, Medio Rural tamén confirmou na reunión unha serie de pagos que lle chegarán de inmediato ás explotacións lácteas para solucionar a falta de liquidez. Desde hoxe, pagaranse as axudas directas por vaca comprometidas polo Ministerio e a partir do 1 de decembro abonarase a axuda europea, que rondará un céntimo por litro de leite producido.

As axudas directas por vaca comezaranse a pagar hoxe, anuncia Medio Rural

Tamén haberá avances nos pagos da indemnización compensatoria para as explotacións en zona de montaña (7,1 millóns de euros), que se comezarán a pagar estes días, así como outros 4,4 millóns de euros en anticipos da PAC, que corresponden a subsanación de deficiencias nas solicitudes.

Sensacións
No encontro entre Medio Rural e as organizacións agrarias, que durou 4 horas, houbo tempo para abordar todas as cuestións que preocupan ó sector. Os representantes das organizacións agrarias saíron da reunión coa impresión de que hai boa vontade por parte da Consellería, pero coa sensación de que os avances son escasos.

“As industrias usan Galicia para facer caixa. Pedímoslle á Consellería que traballe para rematar con estes abusos” (Isabel Vilalba, SLG)

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, incidiu en que existe “complicidade” coa conselleira para esixir en conxunto o cumprimento do acordo e para que Galicia lidere esa demanda en Madrid. Máis escéptica amósase a secretaria do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, que entende que a Consellería non debe actuar como unha organización agraria bis, senón que debe traballar para que rematen os “abusos” de industrias e cadeas de distribución. Desde a Fruga coincidían tamén tras a reunión na falta de avances nos problemas clave do sector.

Así as cousas, Vilalba suliña a necesidade de que Medio Rural lidere a busca de solucións para os problemas específicos do sector en Galicia. “Temos o prezo máis baixo do leite en España. As industrias están usando Galicia para facer caixa e a maiores temos o problema específico dos primeiros compradores (intermediarios), que están tirando os prezos á baixa e que non están no acordo de Madrid. Para todas estas cuestións, é precisa unha acción directa da Consellería”, reclama a secretaria xeral do Sindicato Labrego.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información