Mantense a tendencia alcista das entregas de leite, con prezos á baixa

Mantense a tendencia alcista das entregas de leite, con prezos á baixa

As entregas de leite continúan á alza. / Arquivo.

O último informe mensual de producción láctea en España, correspondente ó mes de marzo, amosa un novo aumento das entregas de leite en relación ó mesmo mes do pasado ano nun 1,6%, unha suba que en Galicia supera o 2%. Os prezos continúan tamén na lixeira tendencia de descenso iniciada a comezos de ano, cunha caída de 0,5 céntimos no último mes no conxunto de España, pasando de 32,9 céntimos /kg. a 32,4.

En Galicia, os prezos seguen á cola de España, con 31,4 céntimos, polos 31,6 céntimos do mes pasado. Só Aragón e Murcia, comunidades con escaso peso no sector, rexistran cotizacións inferiores. Se se comparan os prezos en Galicia coas comunidades veciñas, Asturias sitúase en 34,8 céntimos e Castilla y León en 33,2 céntimos.

En calidades do leite, Galicia mantense por riba da media estatal, liderando a porcentaxe de graxa, con 3,90%, polo 3,74% de media estatal, e cun 3,31% de proteína, polo 3,30 de media en España.

No primeiro trimestre do ano, Galicia sostivo unha porcentaxe de entregas similar á dos últimos anos, cun 37,7% do total estatal. Dese leite, un 62,4% transfórmase en Galicia e o restante 37,6% noutras comunidades.

Comparativa de prezos nos últimos anos a nivel europeo. /Fonte: Observatorio do Sector Lácteo.

Comparativa de prezos nos últimos anos a nivel europeo. /Fonte: Observatorio do Sector Lácteo.

Moderación das caídas de prezo en Europa
A senda descendente que iniciaron os prezos do leite a nivel europeo en decembro estase moderando en abril, segundo as estimacións do Observatorio do Sector Lácteo, que calcula para ese mes unha baixada dun 0,9% na UE-28, o que deixaría o prezo medio en 33,44 céntimos. Se atendemos ós datos dos países veciños, Francia mantense en 33,10 céntimos e Portugal en 30,18.

Malia a caída de prezo de 4,5 céntimos nos últimos cinco meses no contexto europeo (-12,3%), as cotizacións do leite cru no primeiro trimestre do 2018 son as mellores do periodo 2015-2018.

En canto ó prezo do leite equivalente (baseado na manteiga e no leite en po desnatado), sitúase en 31 céntimos, segundo as últimas estimacións do Observatorio, se ben semella ter iniciado un repunte, coa mellora das cotizacións da manteiga nas últimas semanas e cun leite en po que subiu lixeiramente tras ter tocado fondo a inicios de abril.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información