Lugo vive o terceiro día do 15-M do agro

O malestar contra as organizacións agrarias é xeralizado entre os produtores concentrados en Lugo, que valoran como un logro a autoorganización iniciada á marxe dos sindicatos tradicionais

Lugo vive o terceiro día do 15-M do agro

O goteo de tractores que volvían á Ronda da Muralla foi constante toda a tarde.

A crise do leite cruzou todas as liñas vermellas nos últimos meses sen que as organizacións agrarias reaccionasen coa contundencia que esixía o problema. Foi a gota que colmou o vaso dun descontento moi extendido cos sindicatos. En Lugo hai agora varios centos de tractores dando a volta á muralla no terceiro día da tractorada, prolongada á marxe da convocatoria das organizacións agrarias, e foron máis dun milleiro de gandeiros os que se xuntaron na asemblea de onte á noite. Os produtores consideran xa un logro a autoorganización que están a iniciar e da que son os protagonistas.

Cartel nun tractor na muralla.

Cartel nun tractor na muralla.

Falando cos gandeiros que quedan estes días en Lugo, poucos din algo bo das organizacións agrarias. A idea de que “non nos defenden” está moi extendida e sobran tamén os que sosteñen directamente que “están vendidos” á industria e á distribución ou que actúan por “intereses políticos”. Con todo, tamén hai entre os manifestantes afiliados ós sindicatos e os que consideran que “fan o que poden”. Si hai unanimidade, en calquera caso, en que a súa acción foi insuficiente ante a actual crise do leite.

Evolución da crise
Os responsables das organizacións agrarias pasáronse esta primavera amagando con convocar protestas pola baixada de prezos pero sen convocalas, xa que, sostiñan, non había ambiente de mobilización no agro. Chegou finais de xuño e xullo e Leite Río comezou a abandonar a recollida de leite en granxas de Curtis, Rodeiro ou Santa Comba sen que as organizacións agrarias actuasen.

En Ávila, ante unha situación similar, medio cento de gandeiros bloquearon durante 36 horas unha factoría láctea, ata lograr unha solución. En Galicia, os sindicatos escudaban a falta de accións directas no medo á coñecida como Ley Mordaza, que agrava as sancións en protestas non autorizadas. “Agora que non teñan medo de ir á cadea, que xa os botamos de aquí e xa somos nós os únicos responsables do que pase na tractorada”, proclamaba un dos coordinadores da protesta, Roberto López, nunha das asembleas da tractorada de Lugo.

Tractores de Guntín e Curtis chegaron á muralla a media tarde.

Tractores de Guntín e Curtis chegaron á muralla a media tarde.

Desde as organizacións agrarias queren facer valer o calendario de protestas organizado en xullo e agosto. Xa van nove mobilizacións realizadas e entre o luns 7 e o xoves 10 prevense catro días máis de protestas en Compostela. Advirten tamén de que as reivindicacións que levan a Ministerio e Xunta son as mesmas que as dos concentrados en Lugo. Prezos xustos e medidas que garantan a negociación e o respeto ós contratos por parte das industrias.

Un dos lemas máis coreados estes días na tractorada é o de que ‘A unión fai a forza’, aínda que, valoran algúns produtores, “os primeiros en desunir foron os que botaron ós sindicatos”.

Organización propia
O grupo que estivo a coordinar estes días a protesta, liderado por Roberto López, revelou na noite do venres un dos obxectivos cos que se embarcou na mobilización: constituir unha organización agraria propia ou ben sumarse a unha xa existente de carácter independente, con toda probabilidade a Organización de Productores de Leche (OPL).
Na tarde de hoxe, está a producirse unha reunión de representantes por concellos para coordinar a protesta. Espérase unha asemblea ás 11 da noite para abordar o escenario actual da tractorada.

Polo de agora, a tractorada achégase á súa terceira noite na muralla con máis tractores entrando en Lugo. Moitos marcharon onte á noite porque como lembran os gandeiros, “as vacas comen e o purín hai que sacalo”, pero foron moitos os que volveron hoxe e outros máis que non estaban onte sumáronse á protesta. Pasadas as cinco da tarde, entraba na Ronda da Muralla unha trintena de tractores procedente de Guntín e Curtis e a partir daí o goteo de máquinas sucedéuse toda a tarde.

Os concentrados en Lugo están cumprindo co acordado na asemblea do xoves. Os tractores quédanse e veñen máis. Naquela asemblea, un masivo e moi coreado ‘Si se puede’, foi toda unha mensaxe para os políticos e para os sindicatos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información