“Incorporar trevos nas mesturas con raigrás permite reducir os custos de alimentación”

Entrevista a Joel Presa, enxeñeiro agrícola de Fertiprado, empresa referente en España e Portugal en ensaio e comercialización de especies pratenses para ganderías de vacún de leite e de carne.

“Incorporar trevos nas mesturas con raigrás permite reducir os custos de alimentación”

Joel Presa, enxeñeiro agrícola de Fertiprado

Fertiprado é hoxe un referente en España e Portugal en desenvolvemento de mesturas pratenses para o sector gandeiro. Con 27 anos de experiencia, a empresa lusa centra as súas investigacións na mellora das leguminosas anuais que, como o trevo, presentan boas perspectivas de futuro, non só polas esixencias ambientais das axudas da PAC, senón pola mellora que achegan aos valores nutricionais da forraxe.

Joel Presa, enxeñeiro agrícola de Fertiprado, explícanos nesta entrevista cales son as variedades pratenses recomendadas para as explotacións de vacún de Galicia e da Cornixa Cantábrica, así como uns consellos para favorecer a implantación das mesturas.

¿Cales son as principais variedades de pratenses coas que traballades neste momento tanto en Galicia como na Cornixa Cantábrica?
Traballamos especies anuais e perennes de gramíneas e de leguminosas. En gramíneas principalmente en raigrás dos catro tipos: westerwoldicum, italiano, híbrido e inglés. En situacións puntuais tamén ofrecemos dáctilo e festuca. En canto ás leguminosas, comercializamos tanto anuais, como trevo persa, trevo migueliano, vesiculoso, encarnado e squarroso, así como leguminosas perennes como trevo branco, trevo violeta e alfalfa.

“Cada vez valóranse máis as leguminosas nas mesturas de pratenses”

¿Notades nas vendas unha crecente demanda das leguminosas?
Si, sen dúbida que houbo un cambio importante nos sistemas de produción e estase valorando cada vez máis as leguminosas como plantas ricas en proteína e mellorantes do solo, e iso nótase nas vendas.

¿Que variedades de pratenses recomendaría para unha gandería de vacún de leite, tanto para pradería temporal como permanente, que rota con millo forraxeiro?
De forma xeral recomendaría sempre unha mestura composta por gramíneas e leguminosas. Isto tendo en conta dous conceptos moi importantes que son: equilibrio e complementariedade. O equilibrio no solo entre plantas fixadoras de nitróxeno (leguminosas) e plantas extractoras de nitróxeno (gramíneas). E equilibrio tamén da forraxe con plantas máis ricas en proteína (leguminosas) con plantas máis ricas en azucres (gramíneas). E complementariedade en varios aspectos como sistema radicular, ocupación espacial ou fotoperíodo.

Para gandería de leite recomendaría como cultivos anuais para rotar con millo a utilización de mesturas anuais de gramíneas e leguminosas. Dependendo dá zona e data de sementeira poderían ser de corte único ou de varios cortes.

 “En pradería permanente recomendaría un raigrás híbrido ou inglés con trevo persa, violeta e branco”

Para pradería permanente recomendaría mesturas de raigrás híbrido ou inglés con trevos como persa, violeta e branco. Estas fórmulas permiten producir herba de calidade tanto en corte como en pastoreo durante varios anos.

¿E para vacún de carne?
Para vacún de carne é aínda máis importante producir a baixo custo e aquí o pastoreo é fundamental para conseguilo. A unidade forraxeira máis barata é a que o animal pasta directamente do prado.

En Fertiprado temos solucións para as máis variadas situacións: en terreos máis produtivos e onde non hai seca recomendaría mesturas ricas en leguminosas con duración de 3 a 5 anos para utilización en pastoreo e corte nas épocas de maior abundancia. En parcelas onde hai problema de seca no verán recomendaría unha mestura permanente de resementeira natural axustada ao secaño de Galicia.

En Galicia e na cornixa cantábrica existen moitos microclimas, ¿Que variedades serían máis recomendables para climas de montaña e de tipo mediterráneo, cunha importante seca estival, sobre todo para pradería permanente?
É importante ter presente o concepto de Biodiversidade Orientada que consiste en desenvolver fórmulas adaptadas ás condicións de solo, clima e réxime de utilización, incorporando un conxunto de especies e variedades de gramíneas, leguminosas e mesmo outras especies. A biodiversidade orientada dentro dunha mestura permite afrontar dunha forma máis segura as variacións de clima ao longo do ano e entre distintos anos, sacando partido da complementariedade entre especies e variedades.

“Para zonas de montaña e con seca no verán recomendo unha mestura de raigrás, festuca, dactylo, serradela e trevo subterráneo ou resupinato”

En praderías permanentes de montaña en clima con influencia mediterránea recomendamos a utilización dunha mestura de raigrás, festuca e dactylo con aletargamento estival con leguminosas perennes e anuais de resementeira natural como o trevo subterráneo, trevo resupinato, serradela e outros. Neste tipo de praderías o manexo tamén é completamente distinto do habitual. A época de sementeira é obrigatorio que sexa en setembro ou outubro e no primeiro ano non se pode pacer nin cortar durante 3 meses na primavera para que produza semente. Despois, no verán deberá ser ben pastado en seco para remover toda a herba seca.

Raigrás italiano, híbrido, inglés….¿cal recomendaría segundo o tipo de explotación e a súa localización xeográfica?
En explotacións máis intensivas e con pouca superficie que necesitan máis volume de forraxe recomendaría raigrás westerwold ou italiano. En explotacións menos intensivas con máis superficie ten a oportunidade de optar por raigrás hibrido ou inglés obtendo forraxes con máis dixestibilidade e proteína.

Pradeira polifitas ou monofitas: ¿cales recomendaría para cada caso?
Recomendaría praderías monofitas de raigrás soamente cando existen problemas graves de malas herbas, gran exceso de xurros ou sementeiras moi serodias que impidan o desenvolvemento das leguminosas.
En todas as outras situacións as praderías polifitas de gramíneas e leguminosas inoculadas con rizobio presentan importantes vantaxes pois as distintas especies en equilibrio son complementares posibilitando a redución de custos con abonos nitroxenados e a mellora do valor nutricional da forraxe.

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM.

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM.

E á hora de manter unha pradería permanente, ¿Que aspectos básicos deberíanse coidar para lograr un bo rendemento e que dure varios anos?
Temos que diferenciar dous tipos de praderías permanentes: praderías permanentes de zonas húmidas onde non hai seca de verán; neste tipo de pradería utilízase principalmente raigrás hibrido e inglés, trevo branco e trevo violeta. O importante nestes casos é facer a implantación en data adecuada, sexa no outono ou na primavera. Despois, é importante ir facendo cortes ou pastoreos a miúdo para limpar as malas herbas e estimular o afillado, impedindo que se espigue de cara a obter unha forraxe de calidade. O pastoreo deberá ser continuo ou rotacional axustando a carga gandeira á dispoñibilidade e velocidade de crecemento do pasto.

En praderías permanentes de montaña en clima con influencia mediterránea o manexo é completamente distinto do habitual. A época de sementeira é obrigatoria que sexa en setembro ou outubro e no primeiro ano non se pode pacer nin cortar durante 3 meses na primavera para que produza semente. Despois no verán deberá ser ben pacido en seco para remover toda a herba seca.

“Aconsellaría praderías monofitas de raigrás só cando hai problemas graves de malas herbas, exceso de xurros ou sementeiras moi tardías”

As leguminosas seguen sendo unha materia pendente para incorporalas nas forraxes. ¿Que variedades de leguminosas  forraxeiras ve con máis posibilidades e rendibilidade para implantar en Galicia e na Cornixa?
A verdade é que temos un abano bastante amplo de especies de leguminosas que están a funcionar ben na Cornixa Cantábrica como son exemplo o trevo persa, o resupinato, o trevo miguliano, vesiculoso, T. encarnado, T. alejandrino, T. Squarroso, T. Isthmocarpo, Veza sativa, Veza villosa e outras.

Dentro destas especies desenvolvemos ao longo de 27 anos de actividade traballo de investigación que nos permite coñecer os ciclos, adaptación e produtividade das distintas variedades. Este é un punto fundamental pois existen grandes diferenzas de produción entre variedades da mesma especie. Cando desenvolvemos fórmulas para corte único ou varios cortes, ciclos curtos para rotar con millo ou ciclos longos para cortar en maio temos que ter moi claro que variedades utilizar en cada formula.

A alfalfa estase convertendo nos últimos anos nun supercultivo. ¿Cales serían os aspectos básicos de manexo por parte do agricultor para logra unha boa implantación?
A alfalfa é a raíña das leguminosas, un excelente cultivo pero é fundamental coñecer algunhas características que poden limitar ou comprometer a implantación da alfalfa.

A alfalfa necesita de solos con pH por encima de 6,5, ben drenados e con bastante profundidade, pois as súas raíces poden alcanzar máis de 1,5 metros. A alfalfa como leguminosa non necesita de abono nitroxenado e non se pode aplicar xurro. Os abonados deberán ser de fósforo e potasa.

¿En que novas liñas de traballo está a investigar Fertiprado para praderías tanto temporais como permanentes de clima atlántico ou oceánico?
En Fertiprado a mellora dos produtos é un reto continuo, estamos a investir en investigación, desenvolvemento e experimentación de novas variedades, con especial incidencia nas leguminosas anuais. Este traballo e o seguimento técnico de proximidade das ganderías da cornixa cantábrica permitiu consolidar a Fertiprado como referente en mesturas forraxeiras. Ofrecemos unha variada gama de solucións adecuadas ás necesidades que o sector demanda.

“O asesoramento técnico ao gandeiro é clave para lograr bos resultados”

¿Algo máis que queiras engadir?
En Fertiprado temos moi claro que o asesoramento técnico pre e pos venda é un punto crave para o bo funcionamento das mesturas con leguminosas. É importante estar preto dos gandeiros coñecendo as necesidades de cada explotación para recomendar a mellor solución.

Despois hai que facer toda a transferencia de coñecemento sobre a forma adecuada de implantación, manexo e colleita para lograr ensilados que permitan abaratar os custos de produción.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información