“Hai que traballar pola continuidade das ganderías familiares, non queremos as macrogranxas”

Abordamos coa presidenta da Interprofesional Láctea, Charo Arredondo, algúns dos temas que preocupan ao sector, como o prezo do leite, a caída do consumo, a competencia internacional ou as exportacións

“Hai que traballar pola continuidade das ganderías familiares, non queremos as macrogranxas”

A presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo.

Falamos con Charo Arredondo, presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac) desde o pasado mes de novembro e cunha traxectoria de 14 anos na directiva do organismo, en cargos como vogal e secretaria, representando á organización agraria Coag. Arredondo coñece ademais, de primeira man, a situación dos produtores de leite, xa que esta cántabra atende xunto a súa filla e o seu xenro unha gandaría familiar de vacún de leite, cunhas 150 vacas. Con ela abordamos algúns dos temas de actualidade no sector.

Nunha recente reunión que mantivo en Santiago con gandeiros, un dos temas que apuntou foi a necesidade de abordar a situación dos prezos do leite. Que barallan facer respecto diso?
Nas xuntas que temos na Interprofesional falamos da situación que hai e da caída constante do número de gandeiros, xa que cada día somos menos, posto que non hai xente nova que queira optar por esta profesión e os que estamos ímonos xubilando. O problema é que, como non freemos esta situación, en pouco máis de 10 anos quedaremos sen gandeiros que produzan leite e o día que en España quedemos sen produtores, haberá que ver de onde traemos o leite e a que prezos, ou se o futuro queremos que quede nesas macrogranxas que están en proxecto e empezando a funcionar.

“Sempre se comenta a situación, pero non acaban de tomarse medidas ó respecto e xa é momento de levar a cabo accións”

Nós temos claro que o futuro non pode ser ese, senón que temos que traballar por facilitar que as granxas familiares continúen, xa que son as que están a manter ‘medio vivo’ o rural. Sempre se comenta a situación, os problemas que temos, pero non acaban de tomarse medidas respecto diso, e xa é momento de levar a cabo accións polo sector.

En Santiago anunciou que convocaría unha reunión en setembro con tódolos implicados. Como perfila este encontro e en que aspectos haberá que incidir?
Aínda non contactamos con ninguén, pero queremos ter unha reunión con tódolos implicados: Ministerio, industria, distribución e produtores. A ver se, entre todos, sacamos solucións que poidan mellorar a situación. Entre outros temas teremos que falar da cadea de valor, xa que os produtores non están conformes cos prezos, posto que sempre están fixados de arriba para abaixo. Temos que tentar darlle a volta e que o prezo se fixe en función dos custos do produtor, xa que agora os gandeiros non temos esa posibilidade.

Un dos instrumentos para orientar os prezos do leite no campo son os índices de indexación que desenvolveu a Inlac, pero que aínda seguen sen ser unha referencia para os contratos no campo. Por que cre que non se utilizan? Que podería facerse?
Hai xente que os utiliza e xente que non. Creo que non estamos afeitos a traballar desa maneira e poida que, ás veces, á industria tampouco lle interese. Hai moitas cooperativas que están a traballar con estes índices pero a verdade é que non se están usando moito. Creo que son uns índices que foron moi ben elaborados, teñen lóxica, revísanse e actualizanse periodicamente e estamos a incidir para que a xente os utilice, pero seguen sen usarse.

Meses atrás valorouse o cambio dos índices, hai acordo xa respecto diso?
Os índices vanse valorando periodicamente e si é verdade que ás veces nestas revisións non estamos de acordo, principalmente porque unha das cantidades que toman de referencia nese cálculo é o prezo anterior. É aí cando os gandeiros estamos máis en desacordo, porque se ese valor está baixo, o índice tira tamén á baixa e rexeitámolo. Agora estamos a traballar niso.

“Dous terzos dos nenos menores de 7 anos consumen insuficientes lácteos para o seu desenvolvemento”

Outro dos aspectos que está a preocupar ao sector nos últimos tempos é o consumo de lácteos en España, cal é a situación actual que observan desde a Inlac?
Desde a Interprofesional, un dos aspectos nos que nos estamos centrando é na comunicación. Estamos a facer fincapé no importante que é o leite na alimentación fronte ás noticias que día a día van saíndo e que queren desprestixialo, o que motivou unha importante caída do consumo. Temos que conseguir recuperar o consumo tanto de leite como de queixos e de derivados.

Así, en setembro lanzaremos unha campaña nos medios de comunicación con este obxectivo. Tamén temos outra iniciativa para fomentar o consumo nas escolas, xa que un dos nosos últimos estudos revela que máis do 65% dos nenos menores de 7 anos non están a tomar os lácteos que necesitan para o seu correcto desenvolvemento, por iso facemos bastante fincapé nas escolas. Outra acción que temos en marcha é un programa de degustacións de queixos para que se coñezan máis, xa que en España temos queixos moi bos que aínda son descoñecidos para moita xente.

“No 2018 conseguiuse que non caese máis o consumo e o que queremos é recuperar o consumo que tiñamos hai anos”

Así é que máis do 70% do diñeiro que se ingresa na Interprofesional procedente das cotas dos gandeiros, derivadas da súa produción láctea, destínase a campañas de promoción para fomentar o consumo do leite. Tamén se fan estudos de I+D+I sobre o valor do leite ou os queixos, entre outras accións.

Cales son as cifras de consumo de leite e de lácteos actuais en España?
En 2018 conseguiuse que non caese máis o consumo e o que queremos agora é recuperar os consumos de leite que tiñamos hai anos, despois de que nos últimos tempos caese máis dun 14%.

Xa ten advertido do papel que xogaban as bebidas vexetais nesta caída do consumo, incidindo na necesidade de evitar que se confundan co leite. Prevén realizar algunha outra acción neste sentido?
O consumidor ten que saber que esas bebidas vexetais non son leite e non teñen as súas propiedades. Por iso, no seu momento, pedimos que nos supermercados non se colocasen no mesma andel que o leite, xa que estaba a levar a confusión. Neste sentido, desde Europa xa se tomaron medidas e nós, desde a Interprofesional, imos seguir traballando para evitar tanto estas confusións como outras situacións prexudiciais para o leite. Así, hai pouco saltaba o caso de que Carrefour estaba a vender o leite a 25 céntimos, por baixo dos custos de produción, e xa estamos a traballar para que estas situacións non se produzan porque non se explica como se pode sacar ao mercado o leite con ese prezo.

Que teñen pensado facer para evitar que sigan dándose estes casos de ventas a perdas?
Sempre loitamos, tanto desde a Inlac como desde os nosos sindicatos, para denunciar estas prácticas porque son vendas a perdas e é ilegal facer isto. Xa o denunciamos e esperamos que teña unha penalización, que non sirva de referencia e que non volvan producirse, xa que estes prezos son inviables.

E en canto ás importacións e exportacións de lácteos, que balance se pode facer a día de hoxe?
As propias industrias detállannos á Interprofesional que agora mesmo a penas se está importando leite, quizáis algo de Francia e Portugal, pero é mínimo. O que si se segue importando moito é queixo que, ademais, fai moito dano aos nosos queixos, xa que chega a moi baixos prezos, cos que é moi difícil competir.

“Están importándose queixos a baixos prezos cos que é moi difícil competir”

En canto ás exportacións creo que tampouco é demasiado o que se está mandando fóra, aínda que houbo tempadas que se exportou a China e a países do Leste de Europa. Quizais un dos maiores fallos que temos en España é que as industrias se centran a envasar leite en brick, que é o que menos diñeiro xera. Queremos que a industria cambie e opte por elaborar máis produtos lácteos, co que se logra maior rendibilidade, que repercute tamén en mellores prezos para o gandeiro. É aínda un tema pendente que afrontar.

Unha das novidades que se introduciu este ano é a entrada en vigor da normativa que obriga desde xaneiro a etiquetar a orixe do leite. Como está a resultar esta medida?
En principio favoreceu que se incrementase algo o consumo de leite. A verdade é que cando saíu o decreto, eu estaba máis esperanzada porque cría que a resposta do consumidor ía ser mellor, que ía apoiar máis o noso traballo. Eu sigo tendo esperanza en que esta medida nos axude aos gandeiros a longo prazo e que a xente se vaia mentalizando da importancia de consumir produtos de proximidade, que axudan a seguir coa produción aos gandeiros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información