“Hai que mellorar a alimentación e a saúde das becerras de recría”

Entrevista a Álex Bach, director da Unidade de Rumiantes do Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries (Irta) de Cataluña e profesor de investigación de ICREA. A súa investigación céntrase no manexo e nutrición do vacún leiteiro, con especial énfase na recría.

“Hai que mellorar a alimentación e a saúde das becerras de recría”

Álex Bach durante unha conferencia. Foto: Zoetis

“A recría é o `novo produto´ da produción de leite”. Con esta frase resume Álex Bach a importancia dun bo manexo das becerras de recría nas ganderías de vacún de leite. Bach, director da Unidade de Rumiantes do Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries (Irta) de Cataluña e colaborador da web www.especialistasennovillas.es de Zoetis, advirte de que en España as baixas antes dos 24 meses nas tenreiras de recría de vacún de leite chegan ao 20%.

A solución está, ao seu xuízo, en pequenas melloras no manexo como unha alimentación de calidade e xenerosa e mellora da ventilación e da limpeza.

Cales son as principais claves para o bo desenvolvemento dunha tenreira?
Como moitos outros aspectos da vida, o fundamental pasa por un bo comezo (encalostrado, boa alimentación e ambiento nas primeiras semanas de vida….) e un bo manexo baseado en atención ao detalle e seguimento de protocolos.

Por que é tan importante investir no seu coidado?
A recría é o `novo produto´ da produción de leite. Son os animais co maior valor xenético da explotación (se se segue un bo programa de axustes) e co maior potencial de produción e rendibilidade. Parte da expresión deste potencial pasa por unha boa alimentación a idades temperás e por un un estado sanitario elevado.

Asegura que en España as baixas antes dos 24 meses nas tenreiras de recría de vacún de leite chegan ao 20%. ¿É unha porcentaxe demasiada elevada ou está na media dos países punteiros en vacún de leite?
Estes foron os resultados dun estudo que fixemos coa colaboración de CONAFE. O número coincide con outro estudo publicado un pouco máis tarde por uns investigadores do Reino Unido. Vendo datos doutros países teño a impresión que a cifra é moi parecida en moitos sitios.

Que malas prácticas se realizan nas ganderías españolas para alcanzar esta elevada porcentaxe de baixas?
É un conxunto de factores pero diría que os máis importantes son unha alimentación insuficiente e un nivel de saúde demasiado baixo.

Asegura ademais que o 17% das tenreiras non chega á segunda lactación. ¿Estanse infravalorando por parte dos gandeiros as perdas económicas que provocan estas baixas?
Non sei se se infravaloran, pero do que estou seguro é as perdas son elevadas.

Aseguras que falta un control de calidade na recría de tenreiras. Explícate…
Isto sería longo de explicar. Contestarei cunha pregunta: Hoxe en día a case ninguén se lle ocorre producir leite sen medidores individuais de produción, pero ¿cantos gandeiros miden o peso que gañan as tenreiras e xovencas? E non me vale a cinta métrica.

“Pódese mellorar na alimentación de calidade e xenerosa e en limpeza e ventilación”

Cales son as principais oportunidades de mellora que ten o gandeiro en España na recría de tenreiras?
Creo que as mellores oportunidades recaen sobre unha mellora do ambiente (limpeza, ventilación) e proporcionar unha alimentación de calidade e xenerosa ás becerras novas.

Para as ganderías de tamaño pequeno ou mediado, as máis abundantes en Galicia e na Cornixa Cantábrica, ¿Considera que realmente lles compensa realizar a recría ou sería mellor que a encargasen a un centro de recría?
Isto é difícil de contestar. Depende das capacidades e idiosincracia (espazo, recursos, acceso a alimentos…) de cada explotación.

De cara ao futuro, ¿Cales prevés que serán as tendencias para a recría en vacún de leite en España?
Einstein dicía que facer predicións é unha tarefa moi difícil e engadía “sobre todo acerca do futuro”. Creo que o futuro, tanto da recría como da produción, pasa por unha profesionalización das actividades cun foco na eficiencia dos recursos naturais, pois este é o motor que xera os beneficios das explotacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información