vaca pesebre 2

As granxas terán que medir a súas emisións e comprometerse a reducilas

A nova Política Agraria Común, que se espera para o 2022, reforzará as esixencias ambientais. O Ministerio de Agricultura, pola súa banda prepara unha normativa de ordenación sectorial que abordará tamén aspectos medioambientais, de bioseguridade e benestar animal

O sector gandeiro analiza con preocupación algunhas das esixencias que recaerán sobre as granxas en poucos anos. A orientación que Europa lle está dando á nova Política Agraria Común (PAC), que se espera para o 2022, elevará os requisitos que terán que cumprir as granxas para contribuír a mitigar o cambio climático e para colaborar na conservación da biodiversidade. Unha das esixencias claras será a medición das emisións de cada granxa e a adopción de compromisos para reducilas.

Que aspectos cambiarán para as granxas á hora de cobrar as axudas da PAC?. Unha das primeiras cuestións a ter en conta é que o que hoxe son requisitos ambientais voluntarios pasarán a ser obrigatorios. É dicir, pagos adicionais de hoxe coma o ‘greening’ (pago verde), que esixe unha diversificación de cultivos ou o mantemento de superficies de interese ecolóxico, convertiranse en parte do pago básico.

“Haberá unha condicionalidade reforzada. Se non se cumpren uns requisitos mínimos medioambientais, non se cobrarán as axudas da PAC”, explica Concha Gafo, da Subdirección de Productos Ganaderos do Ministerio, que vén de explicar as regulacións que se aveciñan nunha xornada en Santiago organizada pola Interprofesional Láctea.

Ecoesquemas de clima e medioambiente
Outra cuestión que preocupa no sector é a das esixencias que se marcarán para reducir emisións, tanto de gases de efecto invernadoiro, caso do CO2 ou do metano, coma doutros gases que afectan á saúde, coma o amoniaco. “Estase traballando nunha ferramenta informática, Ecogan, que permitirá calcular as emisións de cada granxa, e teranse que regular e valorar as medidas de mitigación que poderán adaptar as ganderías”, sinala Concha Gafo.

A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de reducción é unha das cuestións que se premiarán na próxima PAC a través de ecoesquemas, uns pagos adicionais cos que se quere incentivar ó sector a implicarse na mitigación do cambio climático e na conservación da biodiversidade.

Entre o sector gandeiro, agárdase a que por parte do Ministerio haxa unha consulta activa ó sector antes de regular novas esixencias.

O Ministerio, pola súa banda, está a actuar nestes momentos en dous frentes normativos.

Plan Estratéxico da PAC
Un primeiro pilar de cara ó futuro é a elaboración do Plan Estratéxico Nacional para a PAC post-2021, un apartado no que Agricultura está traballando con reunións separadas a tres bandas coas comunidades autónomas, organizacións agrarias e cooperativas, e ONGs ambientalistas. O Plan Estratéxico que se está a elaborar en España terá que ser despois validado pola Comisión Europea, antes da súa aplicación na práctica.

Decreto de ordenación do vacún
Un segundo frente é a elaboración dunha normativa de ordenación sectorial para o vacún, un proceso que arrancou en xuño do 2017. O obxectivo de Agricultura é a publicación dun decreto básico que regule aspectos coma o benestar animal, a bioseguridade ou cuestións medioambientais. O novo decreto podería abarcar tanto a granxas de leite como a produtores de vacún de carne (granxas de vacas nutrices e cebadoiros), se ben tamén existe a posibilidade de publicar decretos específicos para ordear cada sector.

A idea do Ministerio é lograr un consenso coas organizacións agrarias e cooperativas para regular cuestións mínimas a cumprir polas granxas en funcionamento e polas novas ganderías. Tamén se definirán as responsabilidades de titulares das granxas e dos veterinarios, así coma os controis e sancións que se poderán aplicar. O obxectivo do Ministerio é que esta normativa xa estea adaptada ós requisitos da próxima PAC, a fin de evitar esixencias diverxentes en ambos regulamentos.

Para a elaboración da normativa de ordenación sectorial, o Ministerio mantivo aberto un periodo de consulta pública o inverno pasado. Unha das poucas aportacións chegou da organización agraria Coag, que pediu que se regulara no decreto o tamaño máximo das granxas, a fin de evitar a creación de macrogranxas en España.