Gandería Casa Reigada, máxima produción e profesionalización

Situada na parroquia de Santa Leocadia, no concello de Castro de Rei, é unha das explotacións máis grandes da provincia de Lugo e obtivo o ano pasado a produción media por vaca máis alta entre as que están no Control leiteiro.

Gandería Casa Reigada, máxima produción e profesionalización

José Carlos Vega, un dos dous socios de Casa Reigada e presidente de Fefriga

Na gandería Casa Reigada todo funciona ao milímetro. É unha das explotacións máis profesionalizadas e intensivas da provincia de Lugo e ubícase nunha das principais zonas produtoras de leite de Galicia dentro da comarca da Terra Chá. No ano 2003 foi a mellor explotación da comunidade por produción e o ano pasado repetiu o mérito, cunha media de 14.444 quilos de leite. Un galardón difícil de lograr nunha explotación deste tamaño.

“O noso forte é o manexo, buscando sempre a produción máis rendible, que non é sempre a máxima produción”, aclara José Carlos Vega, un dos dous socios da explotación. Con 215 vacas e 150 xovencas, o manexo é colectivo e non animal a animal e todos os procesos da explotación están moi protocolizados. En Casa Reigada traballan neste momento cinco persoas a xornada completa máis outra a media xornada e cada quen ten a súa misión. “As dúas persoas que fan muxido só fan muxido”, explica.

No ano 2010 incorporouse á explotación un sobriño de José Carlos, Martín Fernández Vega, que agora é socio na SL. El encárgase do traballo coa maquinaria. O resto é persoal contratado: dúas persoas para facer as quendas de muxido, outra para cubrir as libranzas e unha máis de apoio que se encarga da recría, as reparacións e substituír nas vacacións.

A alimentación do gando é propia, cunha ración a base de penso e ensilado de millo e de herba. Fan eles todo o proceso, desde o laboreo ao ensilado, agás a cosechadora, que é un servizo contratado.  Contan cunha base territorial de 85 hectáreas nas que fan rotación entre herba e millo en 65 (as outras 20 hectáreas son fincas secas pouco apropiadas para a produción de millo). Foron ampliando a superficie a medida que os veciños ían deixando de ter vacas e a finca máis lonxe sitúase a 7 quilómetros.

O crecemento de Casa Reigada foi espectacular en tan só unha década. No ano 89, con 19 anos e acabado de chegar da mili, José Carlos incorporábase á explotación familiar. No 98 sacaba as vacas da cuadra vella, na que estaban presas por cadea, e pasábaas a unha instalación de estabulación libre sen cubículos. Muxía daquela 44 vacas, que no 2001 eran xa 55. A finais de 2005 fixo os cubículos e meteu outras tantas cabezas (110 en total) e catro anos despois, no 2009, construía as dúas naves actuais e pasaba xa a 150 vacas. Ao ano seguinte, incorporábase Martín e os animais en muxido chegaban aos 200.

Catro muxidos diarios

No ano 2001 José Carlos pasou a facer 3 muxidos diarios e conseguíu un aumento de produción de 700.000 quilos (nese momento tiña 55 vacas). Hai agora 5 anos introduciu unha muxidura máis, catro diarias. O principal motivo foi a organización do traballo para as dúas persoas que, en dúas quendas, se adican a estas tarefas, de tal xeito que cada unha fai dous muxidos (unha ás 6 da mañá e ás 12 do mediodía e outra ás 6 da tarde e ás 12 da noite). Cada proceso de muxido leva sobre tres horas.

 “Esta non é unha explotación bonita, pero é práctica”

A sala de muxido é basicamente a mesma do ano 98, cando as vacas pasaron a estabulación libre. O único cambio foi pasar de 8 a 16 puntos de muxido en paralelo, pero a instalación é a mesma. “Esta non é unha explotación bonita, pero é práctica e buscamos sacar o máximo partido posible aos investimentos que facemos”, di José Carlos, que indica que “a sala de muxido está 12 horas ao día traballando e ten capacidade para outro tanto, porque pode aínda traballar as outras 12”.

“Con catro muxidos e a división en lotes conseguimos máis produción e mellorar a calidade do leite no tanque”

Os animais que están en muxido distribúense en dúas naves e están divididos en catro lotes en función do seu estado de xestación. Así, no lote 1 están as multíparas acabadas de parir, no 2 as que xa están preñadas, no 3 as xovencas e no 4 as vacas problemáticas que levan máis de 160 días dando leite sen estar xestantes. Este é o lote de reprodución intensiva.

José Carlos destaca que a introdución deste sistema (catro muxidos e división en lotes) fíxose buscando, ademais dunha mellor distribución do traballo, unha maior sanidade de ubre. “Conseguimos máis produción e mellorar moito a calidade do leite no tanque”, destaca.

Recría na casa

Ao tratarse dunha explotación moi intensiva, que basea a súa rendibilidade en pouca marxe pero moita produción, nos últimos tempos non lle quedou máis remedio que tratar de reducir os custos. Por iso desde hai dous anos fan a recría na propia explotación. “Antes mandabámola ao rancho Las Nieves, comezamos no 2004 e estivemos 11 anos, daquela muxiamos 50 vacas e estaba eu só e máis un empregado e non tiñamos sitio”, explica José Carlos.

“O servizo que prestan é tecnicamente moi bo, sobre todo no manexo das xovencas pequenas, pero economicamente é máis caro que facer a recría na casa, porque estamos nun momento de alimentación barata e iso nótase, porque alí pagas o mesmo, porque pagas por xovenca”, aclara. “A estrutura da explotación hoxe é moi diferente á do 2004 e por iso decidimos traelas”, asegura.

Estamos nun momento de alimentación barata e compensa recriar na explotación”

Para iso alugaron dúas naves de dúas explotacións veciñas que deixaron a actividade, unha para ter as vacas secas e as xovencas que están para inseminar e a outra para as novelas preñadas, e tamén colleron máis terras en aluguer.

As vacas en muxido teñen cama de area, pero a das vacas secas e as xovencas é cama quente, polo que o consumo de palla da explotación é moi elevado. As xatas que acaban de nacer están 5 días nun cubículo individualizado antes de pasar unha sala comunitaria na que están dous meses alimentadas por unha amamantadora nodriza que identifica a cada animal polo crotal permitindo saber que comeu cada xata diariamente e mesmo variar de xeito individualizado a mestura de leite maternizada que a amamantadora subministra en cada caso. O destete prodúcese aos 65 días e pasan despois a ser alimentadas con penso e forraxe.

CASA_REIGADA_amamantadora

Becerra na amamantadora

Entre os obxectivos da explotación non está o de criar para vender. Os animais que nacen están destinados á propia explotación e habitualmente chegan para cubrir os reemprazos necesarios. Para iso a Casa Reigada fanlle falta cada ano unhas 160 xovencas. A renovación varía dun ano a outro en función de factores como os prezos do leite ou da alimentación. Por iso no ano 2014 houbo un 40% de sacrificios, cando o habitual anda pola metade. Para este ano as previsións están en torno a un 27% de eliminación.

“A mellora xenética da explotación faise mediante a inseminación con touros xenómicos escollidos por ICO dun catálogo que varía cada ano e que permite unha mellora xenética moi rápida”, destaca José Carlos. Nunha porcentaxe moi alta proceden, no caso de Casa Reigada, de Xenética Fontao.

Contan tamén na propia explotación cun touro de monta natural para os últimos intentos e o control reprodutivo faise unha vez á semana. “A mellora xenética é unha parte da explotación que traballa mentres ti estás durmindo, pero sen un bo manexo non fas nada”, di José Carlos.

700.000 euros gastados en cota

Casa Reigada vende o leite a Corporación Peñasanta desde os anos 90 (anteriormente facíao a Pascual) e pasou dunha produción de 195.000 quilos, que era a cota que tiña, aos 2,8 millóns de quilos que produce na actualidade. Neste tempo fixo un investimento de 700.000 euros en cota, até chegar a ter en propiedade 1,4 millóns e alugar outro millón máis na última campaña con límite de produción. “Unha parte deses cartos foron tirados”, di José Carlos, que admite que “unha parte do que medramos non foi rendible porque non compensou ese gasto en cota”.

Á pregunta de se prefería o sistema de cotas á desregulación actual resposta que no caso de Casa Reigada, “pola evolución do sector nós ímonos sentir máis cómodos sen cotas, polo noso modelo de explotación, porque se queremos producir moito ten que ser sen cota” De cara ao futuro, ten claro que “a medio prazo nun sistema sen cotas o medrar é case obrigado, porque reduces os custos ao quedar diluídos nunha produción maior”, pero é partidario de que eses medres sexan “sostibles e ben estudados”.

 “A medio prazo nun sistema sen cotas o medrar é case obrigado”

Casa Reigada ten en perspectiva seguir co seu crecemento, aínda que non ao ritmo dos últimos anos, e ten solicitado un Plan de Mellora para unha pequena ampliación para 50 vacas máis. “Se fas ben os números a alimentación comprada non é tan cara, se ben exposte ao mercado”, di José Carlos, polo que o obxectivo é seguir aumentando na mesma proporción que as vacas a base territorial da explotación a base de arrendos. A normativa comunitaria vai tamén por aí.

“Estar no control leiteiro debería contar cunha axuda pública”

José Carlos Vega e tamén o presidente da Federación Frisona Galega (FEFRIGA). Falamos con el da situación actual da asociación. “Fefriga hai anos que non recibe ningún tipo de subvención e iso obríganos a un axuste de custos e a adaptala aos novos tempos, marcados pola redución do número de socios, para que poida seguir dando os servizos que presta na actualidade, como o control do libro xenealóxico”, explica o seu presidente.

Lembra que desde a súa fundación hai 25 anos, o sector viviu épocas moi diferentes e ve con preocupación a situación actual. “En Galicia pasouse de máis de 4.600 explotaciónss asociadas a menos de 3.000 na actualidade, e neste momento o que notamos é que desde hai uns anos estanse a producir baixas continuamente no Control Leiteiro que non están motivadas polo peche da explotación, como acontecía antes, pero hoxe hai explotacións que se dan de baixa aínda que seguen producindo leite”, explica, e defende que se está intentando reducir ao máximo posible os custos deste servizo, que é voluntario.

 “Neste momento o gandeiro soporta o 80% do custo do Control Leiteiro

José Carlos Vega considera ademais que “este tipo de servizos terían que ter unha axuda pública, porque é algo do que se benefician tamén as explotacións que non están en Control Leiteiro, porque as melloras acaban favorecendo a todo o sector no seu conxunto”. Explica que neste momento o gandeiro soporta o 80% do custo do Control Leiteiro. “Nese sentido somos moi independentes”, afirma, pero defende que “estar no control leiteiro debería contar cunha axuda pública”.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información