Galicia queda á marxe do repunte do leite polo bloqueo das grandes industrias

As principais firmas do sector asinaron a comezos de ano contratos con 12 meses de duración, o que impide que o sector se beneficie das melloras que se comezan a rexistrar no mercado

Galicia queda á marxe do repunte do leite polo bloqueo das grandes industrias

Lactalis-Puleva reducirá os prezos no verán, coincidindo con melloras no resto de Europa.

Os prezos do leite no campo comezan a rexistrar síntomas de recuperación a nivel europeo tras un primeiro semestre do ano marcado pola estabilidade. As cooperativas industriais europeas, dominadoras do sector lácteo no continente, están a anunciar subas nos seus prezos, unha mellora que se asenta na boa situación de mercado. Galicia, sen embargo, queda á marxe do repunte.

Na súa maioría, as grandes industrias do sector teñen asinados en Galicia contratos a un ano, polo que ata comezos do 2018 non os modificarán. A fórmula de contrato escollida pola principal industria da comunidade, a francesa Lactalis, incluso deparará leves baixadas no leite de xuño e xullo, coincidindo cos repuntes no resto de Europa.

Lactalis ten previsto reducións do prezo no verán, coincidindo coas melloras no resto de Europa

O contrato anual da firma gala, que xestiona un 20% do leite de Galicia, establecía un prezo fixo para os primeiros meses do ano, pagándose o leite da segunda parte do ano en referencia á evolución de prezos medios. Como durante a primavera, o leite en Galicia rexistrou lixeiras baixadas, tal e como é habitual, o actual prezo medio do leite na comunidade é inferior ó de xaneiro. Esa circunstancia levará a descontos nos próximos pagos de Lactalis, de acordo coa fórmula que figura nos seus contratos.

Panorama en Europa
Entre tanto, as perspectivas de prezos no verán no resto de Europa son positivas. A cooperativa irlandesa Ornua vén de anunciar que o seu índice de referencia para o pago do leite sitúase este mes no seu nivel máis alto desde o inicio do bloqueo ruso no 2014. Outras grandes cooperativas do continente, como Friesland Campina ou Arla, tamén están a rexistrar aumentos progresivos nos seus prezos.

Cooperativas europeas como Ornua ou Friesland Campina están a anunciar incrementos de prezos para o verán

O bo momento detéctase tamén no mercado industrial. A manteiga segue encarecéndose semana a semana ata niveis xa históricos. Se a comezos de ano, cotizaba a 4,30 euros o quilo, agora sitúase en 5,61 euros. Outro índice de referencia, o das cisternas spot de leite, subiu tamén nas últimas semanas en Europa ata prezos do outono pasado, cando se rexistraran as maiores cotizacións dos últimos tres anos. A única nota negativa do mercado son os baixos prezos do leite en po.

A maior parte das explotacións non se beneficiarán destas melloras, coa excepción dos gandeiros con contratos con Capsa (Central Lechera Asturiana), pois esta empresa paga unha parte do leite a un prezo B, referenciado ás cotizacións das commodities. O prezo A, que configura a maior parte do prezo final, manterase sen embargo sen cambios nos próximos meses.

Hai tamén en Galicia industrias, como Río, en situación distinta, sen contratos a un ano, se ben a maior parte do leite galego ten prezos pactados para os próximos meses que dificultan o repunte dos valores no campo.

Valoracións
A boa situación de mercado que se aveciña fai bos os pronósticos das organizacións agrarias, cando en xaneiro pasado cuestionaban os contratos a 12 meses ofertados polas grandes industrias. “Era a primeira vez que ofrecían contratos a 12 meses, estaba claro que pensaban que habería un repunte de prezos e quixeron frear esa mellora”, valora Óscar Pose, de Unións Agrarias.

“Cando hai baixadas nos produtos lácteos industriais, as empresas repercútenas no campo, pero non sucede o mesmo coas subas” (Óscar Pose, Unións)

Unións incide ademais en que a fórmula de contrato da principal industria, Lactalis, trampea as referencias, pois a evolución do prezo a pagar depende do prezo medio pagado en Galicia, que a propia Lactalis contribúe a fixar.

“Cando hai baixadas nos prezos dos produtos lácteos industriais, as empresas sempre din que non poden vivir de costas ó mercado, pero semella que cando hai incrementos si que poden mirar para outro lado e non repercutir esas melloras no campo”, cuestiona Óscar Pose.

Tamén outras organizacións, como o Sindicato Labrego e a Federación Rural Galega (Fruga) advertiron nas últimas semanas da situación “anormal” de prezos que atravesan as granxas galegas. “Temos os prezos do leite máis baixos de todo o Estado mes tras mes” -sinalaba a Fruga en nota de prensa-. “Se esta fose a lexislatura do rural, tal e como di o presidente da Xunta, habería que comezar por correxir esa situación, pero como non temos mesas negociadoras coas industrias, as empresas poden facer o que queren”, valora a Fruga.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información