“Esta Unión Europea ultraliberal non quere solucionar a crise do sector lácteo”

Entrevista a Thierry Roquefeuil, presidente da Federación Nacional de Produtores de Leite (FNPL) de Francia, a organización que agrupa ao 70% dos produtores lácteos franceses, e vicepresidente do grupo de Leite do Copa-Cogeca.

“Esta Unión Europea ultraliberal non quere solucionar a crise do sector lácteo”

Thierry Roquefeuil, presidente da Federación Nacional de Produtores de Leite (FNPL) de Francia

Thierry Roquefeuil é o presidente da Federación Nacional de Produtores de Leite (FNPL) de Francia, a organización que agrupa ao 70% dos produtores lácteos franceses, e vicepresidente do grupo de Leite do Copa-Cogeca.

É especialmente crítico coa falta de actuación da Comisión Europea ante a crise do sector lácteo, cuxa solución defende que “pasa pola regulación da produción a nivel europeo, mesmo con sancións para os que incumpran”.

A pasada semana enviou unha carta aos presidentes do Parlamento Europeo e da Comisión Europea advertíndolles de que “o esperar e ver que pasa non é a política correcta” e esixíndolles medidas financiadas polo orzamento comunitario para subvencionar aos gandeiros que reduzan a produción e poder así recuperar os prezos en orixe.

En España e en Galicia os gandeiros de vacún de leite atravesan por unha difícil situación debido aos baixos prezos en orixe ¿Cal é a situación en Francia?
O prezo do leite en Francia é moi parecido ao resto da Unión Europea neste momento: moi baixo e non cobre os custos de produción de moitos gandeiros. O prezo en Francia está agora nunha media de 0,28 euros o litro e non permite a moitos gandeiros cubrir os custos, e estamos nesta situación desde hai un ano. O pasado verán os produtores franceses mobilizáronse para protestar contra esta situación e, como consecuencia, o Goberno de Francia estableceu unha serie de axudas e logramos tamén un acordo coa gran distribución francesa.

Pensabamos que a Comisión Europea ía apoiarnos, porque estamos nun mercado europeo e cada Estado non pode solucionar por si só esta crise do sector lácteo. Sen embargo, estamos ante unha Unión Europea ultraliberal que non escoita as problemáticas dos mercados lácteos.

“O problema é que na Unión Europea está a producirse leite para mercados que non existen”

O que queremos os gandeiros franceses é que a Unión Europea traballe na adecuación da oferta e da demanda. Porque o problema hoxe en día en Europea é que se está producindo leite para mercados que non existen. É dicir, o problema é que unha parte da produción láctea europea non ten mercado. A única solución que se vén aplicando para este problema é baixar os prezos aos produtores e iso xa non pode continuar.

É absolutamente necesario acordar unha solución a nivel da Unión Europea. Non imos restablecer as cotas lácteas, pero é necesario chegar a unha decisión colectiva na UE que faga que os produtores non sexamos os únicos que padezamos a baixada dos prezos do leite. O “esperar a ver que pasa” no que está instalada a Comisión Europea non é a solución.

En España os gandeiros miraron con certa envexa os acordos logrados en Francia e o apoio do Goberno francés aos produtores lácteos ¿Que resultados tivo ese acordo do pasado verán?
As axudas do Estado non solucionan a crise. É certo que axudan a pagar as facturas de provedores a algúns gandeiros, pero non son a solución. De feito, os produtores franceses están agora na mesma situación que en 2015 e con problemas de tesourería. A crise arranxarase a través do prezo do leite e cando recuperen o equilibrio os mercados dos produtos lácteos a nivel europeo e mundial. A solución ten que vir por parte da Unión Europea, pero vemos como para nada se anticipa e prevé os problemas dos mercados lácteos.

Non é admisible que a Unión Europea estea a abandonar hoxe a centos de gandeiros que están a deixar o sector, cando dentro duns anos, e así o apuntan todas as previsións, serán necesarios para abastecer unha demanda de produtos lácteos a nivel mundial que se vai recuperar.

Sen embargo, parece que a Comisión Europea renunciou a regular a produción e será cada Estado o que teña que solucionar, cos seus fondos, a crise de prezos do leite…
A Comisión Europea de Agricultura o que di é que son os gandeiros, a través das súas organizacións de produtores, os que deben regular de forma voluntaria a produción de leite. Iso está ben, pero a condición de que a Unión Europea non siga dando diñeiro público para almacenar leite a través da intervención a países como Irlanda ou Holanda que dispararon a súa produción de leite. Porque de pouco serve que Francia, España, Portugal ou Italia regulen a produción se hai outros países que incrementan a súa produción e destínana a intervención, tirando cos prezos. É dicir, consideramos que son necesarias medidas voluntarias de redución da produción de leite na Unión Europea, pero tamén son precisas, eventualmente, sancións para aqueles que a aumentan.

“Seguir dando axudas aos países que disparan a súa produción para destinala a intervención contribúe a tirar os prezos”

Neste momento estamos a padecer unha competencia entre países europeos, e iso é a antítese da Unión Europea. Se cada Estado membro fai o que lle dá a gana, a Unión Europea deixará de existir.

En España o sector lácteo está de acordo en regular a produción a nivel Europeo, pero que a redución se debe aplicar aos países excedentarios, como Francia, non a países deficitarios que non cobren a súa demanda interna como é o caso de España…..
Nestes momentos ao redor do 80% da produción láctea da UE consómese en Europa e o resto é exportada a terceiros países. Por tanto, débese adecuar a produción láctea ao volume consumido na Unión Europea e ao que sexamos capaces de exportar. Historicamente Francia exportou leite e produtos lácteos, como España neste momento está a exportar porco ao resto da Unión Europea. En Francia os gandeiros producimos en función do que as nosas industrias lácteas son capaces de vender e colocar nos mercados, tanto europeos como internacionais. E o mesmo pasa en España ou en Irlanda.

“Se na Unión Europea reducimos todos a produción entre un 2 e un 3% os prezos recuperaranse ata os 350 euros por tonelada”

O problema é cando se aumenta a produción para destinala a intervención porque se está contribuíndo a tirar os prezos. Por iso é necesario regular a produción, cunha baixada de entre un 2 e un 3% na Unión Europea, pero todos os países ao mesmo nivel, para volver recuperar uns prezos da contorna dos 350 ou 360 euros a tonelada.

Desde a FPNL pensamos que a regulación da produción sería un círculo virtuoso, non só para os produtores, senón para as economías de todos os países da UE. Senón, o que vai haber vai ser peche de explotacións, máis parados, axudas de cada Estado membro aos seus gandeiros…etc. É dicir, sairá moito máis caro que se a Comisión Europea regula a produción.

¿Habería que poñer fin tamén á utilización do mercado español como sumidoiro para os excedentes de derivados lácteos, -queixos fundamentalmente- de Francia ou de Alemaña, que arruínan ás queixerías españolas?
Ten razón. En Francia sufrimos o mesmo problema coas importacións de leite de consumo de Bélxica ou de Alemaña, onde o prezo chega a estar ata 0,20 € en orixe, e supón a ruína para os seus gandeiros. Se non hai unha política coordinada e única para o sector lácteo europeo e seguimos competindo entre os distintos Estados, acabaremos pedindo a saída da Unión Europea como o Reino Unido.

¿Poderían ser unha solución á crise do sector lácteo da Unión Europea as axudas á exportación?
A primeira medida que ten que tomar a Comisión Europea é regular a produción para adecuala á demanda do mercado, reducíndoa se é necesario, e iso non quere dicir reintroducir as cotas lácteas.

Claro que é necesario traballar sobre as exportacións, pero esa é a segunda condición, pois se non baixamos a produción iso levará a unha competencia polas exportacións entre os países da Unión Europea, tirando á baixa dos prezos. De feito, iso é o que xa está a pasar neste momento, e os produtores de Nova Zelandia quéixanse de que Europa está a destruír o mercado lácteo internacional.

“Son necesarias todas as rexións produtoras de leite da Unión Europea”

É por tanto unha responsabilidade colectiva regular a produción en Europa e soamente aumentala se atopamos mercados para ela.

Por último, ¿Que coñece do sector lácteo galego?
Coñezo algo o sector lácteo español porque durante un tempo vendinlle leite a Leche Pascual. En Galicia as explotacións son parecidas ás que temos en Francia. Penso que todas as rexións produtores de leite da Unión Europea son necesarias e que é un erro tentar levar a produción de leite de determinados países, porque os consumidores españois teñen dereito a consumir leite producido en España. O contrario sería un suicidio para a Unión Europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información