España sitúase á cola da UE na produción de sólidos no leite

España ocupa o último posto da Unión Europea en canto a calidades de graxa e proteína en leite, aínda que se incrementou de forma notable dende o fin das cotas lácteas. Os produtores reclaman á industria que pague a graxa segundo os prezos do mercado

España sitúase á cola da Unión Europea en porcentaxe de graxa e proteína no leite que produce a súa cabana de gando vacún, segundo se desprende dos datos de Eurostat. Así, se a media dos estados membros está nun 4% de graxa e nun 3,4% de proteína, en España baixa ao 3,68 e ao 3,26%, respectivamente. Sen embargo, Galicia sitúase máis preto da media da UE, cunhas calidades medidas en 2017 do 3,81 de graxa e do 3,25 en proteína.

Así, segundo os datos aportados polo director do Ligal, Roberto Lorenzana, na reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e que recollen os datos medios de Eurostat do período 2012-2016, os países con maiores calidades de graxa en leite son os do centro e norte de Europa, caso de Holanda (4,39), Dinamarca (4,26), Alemaña (4,11) ou Francia (3,98). E os tres primeiros tamén lideran as calidades de proteína, cun 3,53, 3,47 e 3,42 respectivamente.

CALIDADES_LEITE_UE

Esta situación é reflexo do que ata agora pedía a industria láctea española, moi orientada ao envasado de leite líquido, unha dinámica que está cambiando en favor dos queixos, manteiga e outros derivados lácteos de maior valor engadido, cun consumo á alza e máis exportables.

Así, segundo a información facilitada por Josefa Lueso Sordo, subdirectora xeral de Produtos Gandeiros do Ministerio de Agricultura, na última xornada da asociación Terra e Leite, en Galicia o 66% do leite que se transforma destínase a consumo directo ou a nata, unha porcentaxe que no conxunto de España baixa ao 53% e que na media da Unión Europea só representa o 26%.

O excesivo peso do envasado de leite líquido na industria láctea asentada en Galicia, unido ao feito de que arredor do 40% do leite galego expórtase en bruto en cisternas a outras comunidades, explica, en parte, o paradoxo de que malia ser a comunidade con maiores calidades de graxa do leite é na que máis baixo se lle paga o leite aos gandeiros: 31,4 céntimos por litro no mes de marzo, polos 31,6 céntimos da media española, segundo os datos do FEGA.

CALIDADES_LEITE_ccaa

Dende o fin das cotas lácteas incrementáronse notablemente as calidades en España

A situación está a cambiar de forma lenta pero imparable cara a produción dun leite con máis sólidos. Así, dende a supresión das cotas lácteas no ano 2015 a porcentaxe de graxa e de proteína aumentou en España e case o dobre en Galicia. Así, se no 2015 as calidades medidas do leite en España eran do 3,63 de graxa e do 3,22 de proteína, a media no pasado 2017 subiu a 3,68 e a 3,26, respectivamente. En Galicia, primeira produtora de leite en España, con case o 40% da produción, o incremento foi maior: en dous anos o leite galego pasou dunha media 3,71 de graxa e do 3,21 de proteína ao 3,81 e ao 3,25, respectivamente.

Unha tendencia que corrobora José Moreira, técnico de Africor-Coruña: “Os gandeiros preocúpanse por aumentar a proteína e a graxa. De feito, no que levamos de ano notamos un incremento das calidades medidas en Control Leiteiro de arredor de 0,03 puntos respecto a anos anteriores”. “Incrementar as calidades en graxa conséguese, entre outros factores, en base á alimentación e é relativamente máis fácil subir esta calidade; subir en proteína é máis difícil, porque se logra sobre todo en base a xenética, e iso require cambios máis profundos e que precisan máis tempo”, precisa.

¿Como varían as calidades do leite na raza Holstein segundo o país?

Aínda que a porcentaxe de produción de sólidos pode variar moito segundo a raza (máis en razas como a Jersey ou a Fleckvieh), e segundo o volume de produción (a máis litros por vaca menos calidades), sen embargo a selección xenética de cada país dentro da propia raza Holstein, xunto coa alimentación, fan que as calidades de graxa e proteína varíen considerablemente.

Así, e a unha produción láctea similar á de Galicia, en Holanda conseguen case un 4,30 de graxa e un 3,50 de proteína.

Así se reflicte na seguinte gráfica:

CALIDADES_LEITE_HOLSTEIN

Raza Holstein: MG, MP por principais países (ICAR, WHFF 2015)

Variacion estacional da produción de graxa e proteína: 

CALIDADES_LEITE_UE_graxa_estacionalidade CALIDADES_LEITE_UE_proteina_estacionalidade

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información