España aumenta un 3% a produción de leite tras o fin da cota

Galicia queda á marxe da suba xeralizada das entregas, segundo os datos provisionais do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega)

España aumenta un 3% a produción de leite tras o fin da cota

A industria prima a recollida noutras comunidades.

Os datos de entregas de leite no mes de abril, o primeiro tras o fin do sistema de cota láctea, revelan un aumento da produción española de arredor do 3%. En abril do 2014, as industrias recolleran 575.200 toneladas, que se elevaron a 593.900 este ano, segundo as cifras provisionais do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). Galicia, segundo esas estimacións provisionais, quedaría á marxe do aumento xeralizado da produción.

O fin do sistema de cotas abriu a posibilidade a unha produción liberalizada, se ben a mala situación de mercado e os baixos prezos en orixe do leite desincentivan os aumentos de produción. Con todo, en España as entregas ás industrias medraron en torno a un 3%, unha situación distinta da rexistrada en Galicia, onde os datos iniciais do Fega apuntan a entregas inferiores ás do mesmo mes do pasado ano.

Os aumentos de produción no Estado concéntranse en Andalucia e Castilla La Mancha

Se en abril do 2014, Galicia producira 220.000 toneladas (axustadas por materia graxa), en abril do 2015, o Fega computa, segundo os seus datos provisionais, 201.000 toneladas sen axustar por materia graxa, polo que a cifra final será lixeiramente inferior. O Fega aínda non ten todos os datos dos primeiros compradores de leite e calcula que lle restan por computar arredor de 22.780 toneladas, pero aínda que boa parte desa cantidade corresponda a Galicia, como é previsible, a comunidade a penas igualaría a produción de abril do 2014.

En Galicia, a produción si medrou entre as explotacións máis profesionalizadas, como reflicten os datos de Africor Lugo, pero no conxuto do sector, a tendencia é outra. Entre tanto, as entregas de leite están a aumentar de xeito significativo en comunidades como Castilla La Mancha, que pasa de 20.000 a 26.000 toneladas (este último dato sen axustar aínda por materia graxa), ou Andalucía, que pasa de 41.000 a 48.000 toneladas.

Temor á deslocalización da produción
Os datos do Fega confirman os temores do sector agrario galego a unha lixeira deslocalización da produción de leite. En Galicia, as industrias están restrinxindo a recollida e tratan de limitar os aumentos de produción das explotacións, en tanto no resto do Estado, en comunidades deficitarias na produción de leite ou máis próximas ós grandes centros de consumo, as entregas medran.

O caso de Asturias, cun emprazamento e situación no mercado similar a Galicia, non se corresponde sen embargo con eses patróns, pois na comunidade veciña tamén medrou a produción de leite, que pasou de 48.000 a 50.000 toneladas (sen axustar este último dato por materia graxa). O diferencial de prezo tamén é significativo. Galicia está en 28,7 céntimos por litro, o prezo máis baixo de España, en tanto Asturias supera os 33 céntimos. A media española sitúase nos 31,1 céntimos e ningunha comunidade, salvo Galicia, baixa dos 30 céntimos por litro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información