“En Europa sorpréndelles que, a pesar do minifundio, sexamos competitivos producindo leite”

Entrevista a Xusto Sánchez, gandeiro propietario de Devesa Langueirón SL, en Ponteceso, e presidente en España da European Dairy Farmers (EDF) , que dende mañá martes e ata o xoves celebra en Santiago o seu congreso, coa asistencia de máis de 400 gandeiros de toda Europa

“En Europa sorpréndelles que, a pesar do minifundio, sexamos competitivos producindo leite”

Xusto Sánchez, gandeiro propietario de Devesa Langueirón SL, en Ponteceso, e presidente en España da European Dairy Farmers (EDF)

A European Dairy Farmers (EDF), un clube privado de ganderías de toda Europa que se unen para mellorar xuntas a través do intercambio de información, celebrará dende este martes e ata o xoves o seu congreso anual en Santiago de Compostela.

Prevese que máis de 400 gandeiros de toda Europa participen no congreso, que inclúe dende obradoiros, conferencias ou visitas a ganderías galegas. O lema elixido para este ano non podería ser máis acaído: “Let’s walk along the Milky Way together”, algo así como “Camiñemos xuntos a través da Vía Láctea”.

Falamos con Xusto Sánchez, gandeiro propietario dunha explotación de referencia en Galicia, como é Devesa Langueirón SL, en Ponteceso, e presidente en España da European Dairy Farmers (EDF)

¿Que é a European Dairy Farmers e que obxectivos persigue?
EDF é un clube de gandeiros europeos que compartimos información sobre datos de xestión das nosas explotacións. Formouse en Inglaterra no ano 1990, co apoio do Ministerio de Agricultura e dunha universidade alemá. Reunímonos unha vez ao ano nun congreso de tres días que é o corazón do clube. Nesta reunión, que cada ano se celebra nun país diferente, analizamos en workshops todos estes detalles que inflúen nos custos de produción, visitamos ganderías con distintos sistemas de manexo, asistimos a conferencias e finalmente elaboramos unhas conclusións xerais das explotacións que temos en cada país e un resumo do congreso.

¿Cantos socios sodes e que implantación ten EDF en Galicia?
Somos uns 470 socios, repartidos en 22 países. Arredor do 70% dos membros somos gandeiros, e o 30% restante son asesores técnicos relacionados coa xestión, investigadores vinculados ao sector lácteo…etc.

“O que nos une aos gandeiros de EDF é estar abertos a compartir os datos das nosas explotacións para avanzar xuntos”

As granxas que compartimos datos somos unhas 320, que estamos bastante repartidas, dende Finlandia, que conta cunhas 10 granxas de vacún de leite en EDF, pero o groso de ganderías socios apórtano Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Holanda, e Francia. Tamén contamos con socios en Chequia ou Eslovaquia. Como curiosidade, compartimos datos cun grupo de gandeiros de Canadá que van estar neste congreso en Santiago. De Galicia formamos parte de EDF e enviamos datos 12 granxas, das que 2 están en ecolóxico e o resto en convencional. Pódese dicir que os gandeiros galegos constituímos o núcleo de EDF en España xa que dos 17 socios 12 estamos en Galicia e os 5 restantes son de Cataluña.

EDF non é un clube ao que lle importe a cantidade de socios, senón sumar gandeiros e gandeiras que teñan inquietudes por compartir datos. O custo non é grande, son 170 euros ao ano por compartir esa información e ter acceso á do resto de socios. Iso si, os informes están en inglés. Os congresos están deseñados para un formato de arredor de 400 persoas, para organizar as visitas ás granxas, normalmente 5 durante 2 días.

¿Que cres que máis lle vai chamar a atención aos gandeiros europeos de EDF cando visiten Galicia?
En Galicia temos os nosos déficits, como un minifundio que non hai en ningunha das explotacións de Europa ás que vamos. É unha oportunidade para os que nos visitan ver como somos capaces de producir leite e ser competitivos dentro do minifundio. Temos ese condicionante e non o imos cambiar a curto prazo, porque é un tema sociocultural.

Todos sabemos que o minifundio resta competitividade ás explotacións pero aquí compensámolo con moito traballo, esforzo e dedicación e ganas de vivir disto.

¿EDF é un club elitista club das ganderías máis grandes e intensivas ou non?
Para nada. Hai gandeiros en ecolóxico con 40 vacas e hai outros en intensivo con 3.000 vacas. Non é tanto unha cuestión de tamaño nin de sistema de manexo senón de mentalidade, de estar abertos a compartir os datos da túa granxa cos outros socios de toda Europa para poder avanzar todos.

¿Que vos une logo a ganderías tan diferentes?
A mentalidade e a inquietude por coñecer outros sistemas, por coñecer as realidades da produción de leite en distintos países, e por compartir información con outras gandeiros que xenerosamente aportan os seus datos dunha forma moi aberta. Máis que unha asociación isto é un club. Non pretendemos ser un lobby, senón que simplemente queremos aprender das nosas fortalezas e debilidades. Estar en EDF permíteche abrirte a outras realidades e ter unha perspectiva máis ampla.

Para compartir a información en EDF contamos cunha táboa, que se vai mellorando cada ano, e onde se aplican e aparecen todos os parámetros económicos e incluso de xestión da explotación (datos de produción de leite, reprodutivos, de xestión e aluguer de terras, financeira…etc). É certo que as ganderías que participan na nosa asociación solen estar xa nun grupo de xestión ou cun asesor da explotación. E acceder a toda esa información e dos 320 socios costa só 170 euros ao ano, unha cantidade que se desconta dos gastos de inscrición se asistes ao congreso anual.

¿Que requisitos se esixen para ser membro da EDF e que vantaxes ofrece aos gandeiros?
Calquera gandeiro pode facerse socio de EDF pagando a súa cota, previa solicitude de inscrición. Sobre todo o importante é que teña vontade de compartir datos e teña esas ganas e xenerosidade de compartir datos reais da súa explotación.

 “Respecto á media europea, en Galicia temos maior custo de alimentación pero menor en man de obra”

É certo que os datos das ganderías socias de EDF non son representativos de todo o sector a nivel nacional pero algo si teñen que ver, e de feito son moi aproximados aos que sacaba o Ministerio de Agricultura sobre custos de produción nas ganderías de vacún de leite. Por suposto, estes datos son totalmente confidenciais e non se poden divulgar ao público, quedan entre os socios do clube.

¿E como estamos en Galicia en canto a competitividade en custos das ganderías de vacún de leite? ¿Producimos por riba dos custos doutras rexións europeas?
O noso grupo a nivel de prezos de leite estamos en Galicia uns 2 céntimos máis baixos que no resto de España e uns 3 céntimos máis baixos que no resto de Europa. Levamos xa uns anos con esas diferencias.

En canto a custos de produción, nalgunhas cousas en Galicia estamos máis altos, e noutras máis baixos. Como media, en custos de produción estamos entre o 40 ou 50% por riba das mellores explotacións europeas.

En xeral, en Galicia as ganderías socias de EDF temos uns custos algo maiores en alimentación pero os nosos custos de man de obra son algo menores. Pero cada granxa dos socios ten diferencias importantes.

En canto ao tamaño das ganderías, é certo que o maior volume dilúe os custos fixos e que a tendencia é que as explotacións grandes sigan aumentado, pero a rendibilidade dunha granxa depende moito da profesionalidade e da eficiencia do gandeiro. Hai ganderías pequenas moi eficientes e rendibles, e outras máis grandes e que funcionan moi mal.

Estes días pasados estivemos a entrevistarnos coas 8 ganderías que imos visitar durante o congreso e quedamos impresionados do diferentes e do competitivas que son, a pesar da súa diversidade. Así, temos granxas con servizos completamente externalizados e outras que fan todo o traballo elas, unhas moi intensivas e outras en ecolóxico. Creo que vai ser moi enriquecedor para os asistentes visitar estas granxas.

As granxas que imos visitar son Devesa Langueiron SC; Granxa O Cancelo; Manuel Candamio, de Irixoa; Casa Fernando, en Trazo; Casa Grande de Xanceda; O Chope, en Silleda; SAT Iglesias, na Baña e SAT Busto Corzón, en Mazaricos. E a parte de campo completarase con visitas ao CIAM e ao LIGAL.

Congreso da EDF en Praga

Congreso da EDF en Praga

¿Que novidades que destacarías do Congreso da EDF que se celebrará esta semana en Santiago de Compostela?
Todos os anos se elixe un tema de referencia para o congreso e este ano centrarémonos en benestar animal e no uso eficiente e racional de antibióticos en gandería. A elección de Santiago é estratéxica, polas súas boas comunicación e pola súa atracción turística. Estamos moi contentos da acollida que está a ter o congreso, cun equipo de xente moi ilusionada que leva meses traballando para que sexa un éxito.

¿Que che aportou nestes anos EDF no teu día a día como gandeiro?
Levo na European Dairy Farmers 12 anos e asistindo aos congresos ininterrompidamente, dende o primeiro en Eslovakia no ano 2007. Estar en EDF permitiume ver ganderías de vacún de leite moi distintas en 12 países, dende explotacións pequenas en Suíza, a outras que traballan en extensivo en Irlanda ou en Inglatera, a ganderías intensivas en Holanda ou Alemaña.

 “A imaxe que teña a sociedade do gandeiro condiciona tamén o seu futuro”

Aprendín sobre todo a facer unhas cousas e a non facer outras. Cada explotación ten unha personalidade propia, porque ten unha dimensión e unha estrutura de propiedade diferente, e unhas empregan unhas tecnoloxías máis avanzadas e outras menos. Cada gandeiro ten que analizar a súa propia estrutura, o seu entorno e nesa situación intentar ser o máis competitivo posible, buscando bos asesores. Non se trata de importar solucións pero si que é moi enriquecedor aprender do que se fai en cada explotación.

Pero ademais de analizar o factor técnico, tamén te fixas no factor humano das explotacións; é dicir, como vive a xente e como se integra no seu entorno social, se hai relevo ou non, ou cal é a imaxe ante a sociedade que ten o gandeiro en cada país. E esa boa prensa ou non do gandeiro ante a sociedade varía moito segundo o país e esa imaxe que a xente ten de ti tamén condiciona o teu negocio e o teu futuro como gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información