Diverxencias dentro da Plataforma de Defensa do Sector Lácteo sobre a finalidade da mesma

Onte reuniuse sen a asistencia das principais organizacións sindicais. “Non queremos que, coma sempre, acabe todo cunha manifestación. Necesitamos que a Plataforma sexa un foro estable de todo o sector” defenden dende a OPL. Mantense a manifestación unitaria para este venres.

Diverxencias dentro da Plataforma de Defensa do Sector Lácteo sobre a finalidade da mesma

Reunión de onte da Plataforma

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, que se constituíu o pasado día 7 en Santiago de Compostela, está a experimentar un debate interno sobre a finalidade da mesma e sobre a súa representación. Estas diferencias puxéronse xa de manifesto o día mesmo da constitución, cando os representantes da Organización de Productores Lácteos (OPL) e da Federación Rural Galega (FRUGA) recriminaron ás tres organizacións con representación oficial do sector agrario (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e ASAJA-Galicia -as eleccións sindicais no agro non se celebran dende o ano 2002- que se erixisen en únicos representantes da Plataforma e marcasen a axenda e os obxectivos da mesma.

Isto levou á Organización de Productores de Leche a convocar para onte e de forma unilateral unha asemblea da Plataforma en Santiago, unha convocatoria que colleu por sorpresa e xerou malestar aos membros da plataforma, en especial ás organizacións sindicais agrarias, que finalmente non asistiron á mesma.

Á reunión de onte asistiron, entre outros, representantes da FRUGA, de AGACA, dos fabricantes de pensos ou de organizacións de consumidores.

“Non queremos que isto, como sempre, acabe nunha manifestación”

Anxo Escariz, coordinador da OPL e membro da Plataforma, xustificou ao remate da reunión que “a convocatoria foi aberta, incluídos aos sindicatos maioritarios, e ata algúns confirmaron a súa presencia pero non asistiron”.

Sobre a discrepancia de fondo, Anxo Escariz asegurou que “o que non queremos é que pase o de sempre, que cando hai un problema grave no sector acabe todo cunha gran manifestación, con alguén que vai a Madrid a negociar catro cousas que o Goberno nos ofrece como caramelos, pero o sector segue igual de mal e se desconvoca todo”.

Pola contra, defendeu que “queremos que a plataforma sexa un foro de unión de todo o sector e cun traballo a longo prazo”. Uns obxectivos cos que, segundo asegurou un representante dos fabricantes de pensos ao termo da xuntanza, “estamos de acordo, pero aquí falta moita xente”.

Manifestación conxunta este venres e próxima reunión o martes

Conscientes desta falta de asistencia representativa de todo o sector, o representante da OPL anunciou que “convocamos unha reunión para o vindeiro martes para que estean presentes tanto os sindicatos agrarios como, tamén, a industria e os bancos”.

“O problema do sector lácteo galego é demasiado grave como para pretender ter protagonismos a nivel particular e queremos un sector unido”, subliñou.

De momento, esa unidade plasmarase na manifestación convocada para este venres en Santiago de Compostela.

Demandan que suban os prezos de intervención ata os 26 céntimos

Outra das decisións que se adoptou na reunión de onte foi a de trasladar nos vindeiros días a folla de reivindicacións inmediatas da Plataforma á Xunta de Galicia para que, despois do 17, e cun prazo de dez días hábiles, empece a actuar. Do contrario, anuncian un calendario de mobilizacións para o mes de agosto.

Esas reivindicacións inmediatas, as mesmas aprobadas o día da constitución da Plataforma, o pasado 7, son: garantir a recollida do leite a uns prezos que estean por riba dos custos de produción; vixilancia dos contratos lácteos con mediación da administración para evitar os contratos lixo; acabar coa banalización e utilización do leite como produto reclamo por parte da distribución e cuantificar os excedentes de leite que hai para poñer en marcha mecanismos de intervención que o retiren do mercado.

“Non podemos esperar meses pola intervención do leite”

Neste sentido, Anxo Escariz lembrou que “o prezo de intervención está por debaixo dos 21 céntimos e nós consideramos que menos de 25-26 céntimos non pode ir o leite a po”.

Ademais, lembrou que “a intervención para retirar leite do mercado podería facela a propia Xunta de Galicia a curto prazo, como xa se fixo durante o Goberno Bipartito e sen esperar ao visto bo de Bruxelas”. “O que non pode ser é demorar isto varios meses”, advertiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información